Opinión

Humor comprometido

Opinión

Humor comprometido

El humorista Carlos Blanco.
photo_camera El humorista Carlos Blanco.

Non serei eu quen lle diga aos artistas que clase de humor teñen que facer para divertir ao público ou ganarse a vida, pero sí que me permitirei a licenza de opinar sobre o que me gusta  ou sobre a importancia que determinado humor pode ter neste mundo cada día máis complexo. 

Eu pertenzo a esa xeración que medrou co primeiro humor de Andrés Pajares en televisión, non o da época de Esteso, que esa foi posterior, e da que por respecto aos milleiros de seguidores das súas películas non vou facer ningún comentario, como tampouco farei ningún xuizo de valor sobre os chistes de Arévalo enmarcados no contexto dunha sociedade absolutamente machista, homófoba e de nulo respecto cara o diferente; fora gangoso, coxo ou birollo. De todo se facía gracia e a todo se lle respondía con risotadas e superventas de casetes de gasolineira. Seguramente moitos de nós teriamos que facer un “mea culpa” por contribuír á súa difusión e ao seu éxito. Ata que descubrimos que outro humor era posible e que nada tiña que ver con señoras gordas, homes con pluma ou tartamudos de mofa colexial. Aparecían en escea personaxes e artistas da talla de Gila, Tip y Coll, Tricicle, Faemino y Cansado, Pedro Reyes e Pablo Carbonell, Eugenio, Pepe Rubianes, Rosa María Sardá, Martes y Trece, Ángel Pavlovsky, La Cubana ou o gran Chiquito de la Calzada, por nomear algúns que tiven a oportunidade de ver en directo. Vanme permitir que non fale hoxe dos artistas galegos, porque esquecerme dalgún deles sería imperdoable habendo tantos e tan bos. Tampouco farei ningún xuizo de valor sobre o seu traballo, salvo dicir que é un pracer compartir plató coa inmensa maioría deles, como o foi no seu día facelo cos mestres Carlos Díaz “O Xestal”, e por suposto co amigo Xosé Luis Bernal “Farruco” con quen tanto teño rido. 

E, sen caer nesa absurdeza de non poder opinar sobre nada nin facer risas de nada por non ser políticamente incorrecto, que iso é outra maneira de autocensura, sí direi que nos tempos que corren xa non é de recibo o humor simple e ramplón que, en pequenas doses, aínda aniña entre nós. As cousas hai que poñelas no seu contexto e no seu momento, e o que podía facer gracia no seu día, hoxe non pode ter amplificación desde un escenario ou desde un plató de televisión. Ben saben as persoas que me teñen dirixido ao longo da miña carreira profesional o incómodo que me teño sentido nalgunha ocasión, poucas, nas que tiven que presentar algo que me incomodaba. Aínda así, “yo pecador me confieso”, fun o que se dí un “profesional” e tirei para adiante, o mesmo que un presentador de informativos ten dado noticias que non eran do seu agrado e moito menos do seu criterio profesional. E o que estea libre de pecado que tire a primeira pedra. Como moito, aparecerán dúas ou tres pedras. 

Desde o espectáculo pódese facer moito labor pedagóxico, sobre todo entres os espectadores máis novos que son o noso futuro, promovendo modelos positivos, progresistas, e tolerantes. No noso día a día tampouco fagamos risa do retrógrado e do reaccionario; diso xa se encargan outros, e dame a impresión de que como non espabilemos vannos ganar a batalla. 

Nestes tempos tan difíciles precisamos da risa e do humor como auga de maio, precisamos dos cómicos e titiriteiros máis que nunca, grandes artistas que coa súa arte e, no caso galego, coa nosa retranca son quen de remover conciencias e facernos un chisco máis felices.