Opinión

Quédanos a palabra

Foi o primeiro que me veu ao maxín cando me comunicaron a feliz noticia, aquela canción de Paco Ibáñez inspirada nun poema de Blas Otero, que dicía: "Si he perdido la vida, el tiempo, todo lo que tiré, como un anillo al agua, si he perdido la voz en la maleza, me queda la palabra...", e que eu lle puña a todo volume ao grupo de rapaces que estaban de campamento en Porto do Son, onde eu fora fichado como colaborador cultural, coa miña guitarra, a miña melena e barba "Che Guevara", e onde coñecera a José Luis Baltar, daquelas alcalde de Nogueira de Ramuín, que chegara ao "Virgen de Loreto" cun bó número de alumnos seus pedíndome expresamente que os tratara ben; debín cumprir aceptablemente a encomenda porque o gran aprecio que sempre me mostrou o ex-presidente da Deputación de Ourense é dos que deixan pegada, e ao que agardo ter correspondido.

Estaba eu nesa etapa da vida na que estreaba a primeira guitarra, era o ano 76, e desgraciadamente quedou esnaquizada co recordo das melodías saídas das súas cordas que acompañaban as cancións de Miro Casabella ou Benedicto e Bibiano; un mal paso de camiño cara a praia da Guieira partíu o mastro e deixoume cunha sentida bágoa por peder algo de tanto valor para min. Non tardei máis de seis meses en aforrar duro para mercar a acústica "Ibánez" que aínda conservo e coa que quixen seguir facendo homenaxe a esa palabra saída do máis fondo do meu corazón ou dos poetas galegos, percorrendo escenarios onde daba recitais sen importarme o número de asistentes, daba igual se era un pavillón ateigado de alumnos no Instituto de Verín como se soamente estabamos unha ducia de militantes da poesía e do idioma na Casa da Xuventude ourensá.

Todo isto foi o primeiro que me veu á cabeza cando a Fundación "Insua dos Poetas" me comunicou que mañá domingo terán a ben concederme un dos seus prestixiosos premios anuais no apartado de "Comunicación e Medios" dentro dos actos da "Festa da Palabra" que como cada ano se celebra en Madarnás, no concello do Carballiño, onde nesta ocasión vaise homenaxear a "Xeración Nós", tal como avanzaron o Presidente da Deputación, Manuel Baltar, e Luis González Tosar, presidente da Fundación, que nin imaxinan a ilusión que me fai asistir ao acto para recoller tan grande distinción, nun dos lugares de Galicia onde máis cultura e arte se respiran por metro cadrado.

Como ben poderán entender vostedes, son semanas de moita emoción para min, primeiro pola concesión da Medalla Castelao polo governo galego, e agora por este Premio da Fundación "Insua dos Poetas", que ten o valor engadido de celebrarse na miña provincia, onde todo comezou. Eu son o que son, para ben ou para mal, gracias a todo o apoio e cariño recibido en Ourense en tempos nos que a televisión soamente era un electrodoméstico que ocupaba unha parte importante da miña casa. Os meus primeiros programas de radio, oficiais ou piratas, as primeiras aparicións no meu periódico, as primeiras actuacións, os primeiros "pinitos-piñeiriños" no medio televisivo antes do desembarco en Compostela, producíronse en Ourense, e en boa medida tendo a Universidade Laboral e o Colexio Universitario do Posío como base de operacións. E por tanto será Ourense a quen leve no corazón cando mañá domingo reciba este Premio tan especial, porque entre tanto ruído e tanta desazón dos tempos que corren, "Quédanos a Palabra". 

Te puede interesar