Xoti de Luis pousa o tempo nas súas táboas

Publicado: 10 feb 2025 - 00:10 Actualizado: 11 feb 2025 - 12:03
O artista, na inauguración.
O artista, na inauguración.

Conservo no miña memoria, flâneur de imaxes da cidade, a pegada da antiga casa dos franciscanos nos edificios colaterais do parque de San Lázaro. Nesas paredes tiñan o rastro do humano vivir dos frades da Orde Mendicante dende que aquí se instalaron cando a súa igrexa gótica foi trasladada, no esencial, dende San Francisco, onde esmorecía trala desamortización decimonónica. Quizais algo dese interese veña do entorno familiar, mais tamén de seguro da influenza deixada por “La vida, instrucciones de uso”, de Georges Perec, na que o influínte escritor francés escribiu “Me imagino en un inmueble parisiense cuya fachada ha desaparecido (...) de modo que, desde el entresuelo a las buhardillas, todas las habitaciones que se encuentran delante sean visibles instantánea y simultaneamente”. Velaquí o ar dalgunhas declaracións que sobre a exposición The Wall, na sala Baixa do CCMV da Deputación, fixo o seu autor, Juan Manuel de Luís Alemany (Vigo, 1953), quen da en firmar X. de Luís, abreviatura de Xoti, deixando ver un perfil persoal en capas, coas que gusta expresarse. Ten vivido toda a súa vida en A Coruña, facéndoo nos últimos tempos en Canido, Ferrol, cunha fértil estadía en Compostela, da que quedou rastro nun opúsculo dedicado á súa obra en 2005. Utiliza nas súas táboas con acrílicos técnicas históricas con xeso de Bolonia e cola de coello, engadindo area e polvo de mármore, traballo pausado, alquimista dos procedementos, para que as súas táboas de ar abstracto sosteñan o tempo, e as cores falen do seu pensamento. Observador atento, reflexivo, detense ante as paredes físicas ou metafóricas, para disolvelas cos pigmentos e expresar a súa verdade.

Un dos walling na estela de Rotkho.
Un dos walling na estela de Rotkho.

As formas figurativas dos comezos deixaron paso, e deixaron pegada facéndose presente en series como Cabezas/La pared del suelo patrio, inspirada nas xentes da rúa. Esta é unha forma de traballar da que gusta, acumulando percepcións, unha narrativa. Tense mergullado no mar de Corme e nos Ancares para outras, e con On the road, ao Jack Kerouac style, celebrado novelista daquela xeración beat norteamericana que influenciou os anos setenta. En Wall pesan as abstracción cromáticas en amplos campos de Mark Rothko, dous rectángulos confrontados cos bordes desdebuxados e veladuras aínda que, para el, abonde cun deles buscando o movemento e as formas fluídas no medio lenzo restante. Estas dominan noutras ocasións, debuxando vaporosos nubeiros. Mais se para Rothko era unha expresión de índole espiritual, que tiña que ver coa súa percepción do tempo vital, apagando as cores contra o final da vida, que son en De Luís? Esquivo das mostras individuais, apenas se poden contar na pasada década as que fixo con Tenreiro en Monty4 e en Arte Nuva, ambas na cidade herculina. O artista ten traxectoria de seu, dende 1973, cando comezou, participando de xeito decisivo daquela en A Galga, grupo pioneiro na abstracción, informalismo e o conceptual, no que converxeron artistas, fotógrafos e literatos. Deste pouso emerxe un Xoti de Luis, pintor e ilustrador do libro dedicado ao polbo de Mugardos, de calmo falar e elegante porte, que ten decorado louza en xogos de café, té ou pratos, deseñado algunha etiqueta e feito murais en institutos, empresas, e ademais o do sanatorio marítimo de Oza. Do seu multifacetismo é mostra o catálogo no que converxen Lens, Lovecraft, de Pablos, Los Ronaldos, Saint-Éxupery e Rothko con Taxes e o informe Walling.

Walling, mixta sobre táboa.
Walling, mixta sobre táboa.

Contenido patrocinado

stats