Ramón Pastrana
LA PUNTILLA
Nicolás
Vou falar claro, pois creo que é obriga dos que opinamos nos medios facelo saboreando a liberdade de facelo sen facer cálculos de conveniencia interesada -iso, cousa respectable, é máis ben de políticos. Desde o advento da democracia non houbo ningún problema especial coa Xustiza. Acabouse con ETA, condenáronse moitos políticos corruptos, de aquí e de acolá, dentro dun sistema fondamente garantista. A Xustiza, igual que o ensino, a sanidade, o exercito, a administración, o Código Civil... adaptáronse con bastante rapidez aos novos tempos. Por riba do terrorismo de extrema dereita e, sobre todo de extrema esquerda e independentista, impúxose en España a vontade de acordo e progreso. E disto hai décadas. E agora, cando as investigacións e sentenzas non agradan, invéntanse o de “xustiza franquista” na vontade de tensar a sociedade para propiciar un disparatado “cambio de réxime”; e traballa por el un amplo elenco de actores, como nunca antes se vira. Alucinei o outro día coa pancarta que abría a manifestación do día 25 de N: “Combater a violencia institucional para acabar coa violencia machista”. Como que a violencia das institucións contra a muller? Da Xunta? Do Goberno central? Da Xustiza? Contra a última lanzaron, si, tamén berros. Institución, é o que sabemos, e é recollido no dicionario nas súas acepcións “Cada unha das institucións fundamentais dun estado, nación ou sociedade” ou “órganos constitucionais do poder soberano da nación”. A hipérbole radical da pancarta non achega nada útil á igualdade e á xustiza, senón, creo, apoia por reacción, o contrario. A destrución de consensos, incluso por excesos lingüísticos, desencarréiranos. Se xa non se pode falar de “violencia machista” porque hai que falar de “violencias machistas”, se hai que aturar parvadas como “todes”, “niñes”, etc. estamos deixando sen criticar cousas disparatadas, por conveniencia, como se fósemos políticos. E desde a liberdade -e responsabilidade- de opinión, bula, para ninguén, nunca. Con responsabilidade, dicir hoxe “Combater a violencia institucional para acabar coa violencia machista” é un disparate que nada, absolutamente nada ten que ver coa posición da muller na sociedade actual.
Se xa non se pode falar de “violencia machista” porque hai que falar de “violencias machistas”, se hai que aturar parvadas como “todes”, “niñes”, etc. estamos deixando sen criticar cousas disparatadas, por conveniencia, como se fósemos políticos.
E sigo co da “xustiza franquista”. É un imposible matemático. Dado que o defunto ferrolán morreu hai 50 anos, ninguén que estivese exercendo naquela época segue hoxe traballando. Xa están xubilados todos os funcionarios, xuíces, profesores, médicos, albaneis, fontaneiros, chapistas, peóns, policías locais, garda civís militares, etc. Pode haber, por suposto, xuíces e maxistrados de dereitas, como os hai de esquerdas, de centro, de arriba ou de abaixo. Pero nin as leis nin as persoas son as mesmas que hai cincuenta anos. Por certo, en Galicia, dos 340 xuíces e maxistrados de hoxe, 208 son mulleres, máis do 60%. E a idade media de xuíces e maxistrados é, nos homes, 54,9 e nas mulleres 50,4... non lembran a Franco! E dado que non existen partidos declaradamente franquistas -nin sequera Vox, que basicamente é a manifestación española dunha onda de populismo ultraconservador occidental- pois é parvada falar de xustiza “franquista”. A Xustiza, con maiúscula, foi central na construción do novo estado democrático e atacala, atacar a súa independencia por conveniencia conxuntural, vai contra a causa da democracia. Xa está ben de invocar ao antipático pitufo ferrolán para calquera cousa. Que non, que xa morreu. Que non hai xustiza machista, nin xustiza franquista. Que as leis e regulamentos actuais favorecen a muller fronte ao home, e non pasa nada. Que é a sociedade a que cambia e debe cambiar e as leis axudar. E que os roles nas nosas casas -lavadora, limpeza, cociña, coidado fillos e maiores- son algo central, onde non se pode lexislar. E a sociedade cámbiana as actitudes, o comportamento e o esforzo colectivo, como, por sorte, levamos facendo moitas décadas. Insultar ás institucións democráticas, é, no mellor dos casos, un erro grave.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Ramón Pastrana
LA PUNTILLA
Nicolás
Miguel Michinel
TINTA DE VERANO
Lo barato sale caro
Chito Rivas
PINGAS DE ORBALLO
En busca e captura
Fernando Lusson
VÍA DE SERVICIO
El Gobierno retrocede y trocea
Lo último