A choiva quixo roubarlle protagonismo ás castañas no magosto

SAN MARTIÑO

O San Martiño celebrouse en distintos puntos da cidade e da provincia de Ourense ao longo do día nun magosto marcado pola choiva.

Na cidade repartíronse castañas entre os asistentes.
Na cidade repartíronse castañas entre os asistentes. | JOSE PAZ

A tradición do San Martiño volveu prender con forza na contorna ourensá este 11 de novembro. En Velle, a veciñanza apostou por unha dobre cita con xantar e cea, onde as castañas de tempada compartiron protagonismo co polbo e outros manxares da terra. Pola súa banda, o Pavillón Municipal de Luíntra, en Nogueira de Ramuín, encheuse de ambiente festivo desde o mediodía. Alí, coa presenza do presidente da Deputación, Luis Menor, e a animación musical da charanga Penedo do Sil xunto ao dúo de Antonio Barros e iAlma, os asistentes degustaron as castañas nun magosto popular.

Na cidade, a asociación veciñal do Casco Vello reuniu a 80 persoas arredor dunha mesa chea de empanadas, lacón asado, chourizos e bica, todo ao compás tradicional de gaiteiros e pandereteiras. Mentres, o Concello viuse obrigado a reinventarse pola meteoroloxía para protexer a festa. Malia que as carpas xa estaban previstas, os bolos de chourizo, bica, viño e castañas asadas pasaron a ser de balde para atraer á xente. O son do Festival Folk San Martiño e a orquestra Los Satélites puxeron o ritmo a unha xornada pasada por auga.

San Martiño na provincia

Nin a intensa choiva nin o temporal foron quen de apagar as brasas do San Martiño e as ganas de troula na provincia. A tradición mantívose moi viva en varias comarcas ourensás. En Ribadavia tiveron que cambiar de localización, pero a auga empañou o concorrido magosto popular con chourizos, bica, licor café, augardente e viño do Ribeiro, todo ao compás dos gaiteiros de Castrodeallo. Pola súa banda, Vilariño de Conso conxugou a faceta relixiosa matinal, coa procesión ao son da banda de gaitas local, coa troula na praza do pobo, onde a veciñanza degustou castañas e bailou co dúo Flow. En Ramirás optaron por poñerse a cuberto no polideportivo O Picouto, onde os asistentes gozaron dun menú sorpresa, resgardados das precipitacións.

Tras este mércores pasado por auga, os magostos seguirán durante a fin de semana coa ollada posta no ceo. O sábado 14 a actividade multiplicarase: Boborás convidará de balde a empanada, choripán e castañas con música e inchables, fórmula gratuíta que tamén ofrecerá Quintela de Leirado aos empadroados coa voz de Iria González. No Irixo compartirán un xantar popular a 10 euros, mentres que San Xoán de Río proporá chourizo, panceta e bica por 3 euros con Son do Sil. Xa á noite, Amoeiro pechará as citas cunha cea veciñal por 15 euros, demostrando que as ganas de magosto poden contra calquera temporal

Contenido patrocinado

stats