Un ferroviario nas gradas do Couto

TREN E PAIXÓN FUTBOLEIRA

Fillo de ferroviario e “moi futboleiro”, Juan Pérez (Arbo, 1947) representa a unha xeración que medrou co valor do esforzo construíndo unha carreira en Renfe, con paradas na estación da presidencia do CD Ourense

Juan Pérez foi presidente do Club Deportivo Ourense de 2008 a 2012.
Juan Pérez foi presidente do Club Deportivo Ourense de 2008 a 2012. | La Región

A historia de Juan Pérez hai que percorrela en tren. Un tren que saíu da estación antes de que el nacera para pasarlle a testemuña dunha carreira na que fixo a súa vida. Á beira do “padre Miño”, como el lle chama, naceu en 1947. Foi en Arbo, localidade “famosa polas lampreas”, nunha familia “de aldea, de pueblo” e nun escenario no que o pai era ferroviario e cabeza dun clan de oito irmáns.

Alí, vendo pasar ese tren “que me leva pola beira do Miño” ó que tanto lle cantou Andrés do Barro, pasou Juan a súa infancia indo á escola unitaria. Ata que ós 11 anos “marchei a estudiar ós Maristas a Tui”. Partía coa premisa de facerse fraile, pero “ós tres anos e pico deixeino e seguín alí no instituto de Tui”. Alí estaría ata os 15 anos, cando faleceu o seu pai e decidiu seguir os seus pasos ou, mellor dito, a mesma vía sobre a que el andara. “O tren a min chamoume porque o meu pai era ferroviario e de tódolos irmáns fun o único que colleu” esa vía.

Legado ferroviario

Así que, dende Tui colleu rumbo ó leste pasando de longo por Arbo para continuar o camiño cara á León e “facer as oposicións para entrar en Renfe”. Por diante agardábano 47 anos de profesión ferroviaria, comezando como aprendiz. “Tiven a sorte de aprobar esas oposicións e empecei a desarrollar a miña labor”, lembra Juan Pérez. Pero non se trataba só de traballar, senón que para ascender tiña que seguirse formando. E así o fixo. “Entrei nunha escola de formación que había e, posteriormente, tratei de estudiar o meu bachiller, en Santiago… Valeume para ir crecendo e xubileime xa sendo parte da estructura de dirección de Adif”.

A nivel persoal aplicou esa máxima de que hai trens que non se poden deixar escapar. Por iso, naquel baile de Fin de Ano no seu pobo natal non perdeu a ocasión de coñecer a “unha moza que estaba estudiando Maxisterio en Pontevedra e que tamén era de Arbo”. “Encontrámonos nun baile e empezamos a conocernos e vernos de vez en cando, que daquela non había teléfono”, lembra. A comunicación era epistolar, cunha “carta tódalas semanas, eu desde Ourense e ela en Pontevedra ata que decidimos casar”.

E casaron. “Ós nove meses xa nos naceu o fillo maior. Despois o segundo e despois o terceiro”. Todo en Ourense, unha cidade á que Juan Pérez chegou en tren e da que fixo o seu fogar. Hoxe, xubilado como ferroviario, non perde o tempo. “Gústame ter algo que facer todos os días, levantarme sabendo que teño que facer algo. Na finca, nun lado, no outro… E programarme para ir ver ós amigos e charlar con eles, tomar un vaso de viño, que me gusta, pero é máis que nada por estar con eles”.

Dende a grada

Amigos fixo moitos ó longo da vida e acabou por converterse nunha persoa coñecida na sociedade ourensá, sobre todo na deportiva. “Eu son moi futboleiro, fun presidente do Club Deportivo Ourense catro anos”.

Gústame ter algo que facer todos os días, levantarme sabendo que teño que facer algo. E ver ós amigos, charlar con eles e tomar un vaso de viño

Xa en Curtis, onde estivo traballando un tempo, fora vicepresidente do clube local. E, despois, en Ourense, era “fiel seguidor” do equipo da cidade. Coa idea de colaborar, “chamaron a Paco Paz e dixéronlle ‘Vaiche aí un artista, teslle que botar a man’ e estiven con el na federación”. Con ese punto de partida, “empecei a meterme no fútbol nas horas libres que tiña, que eran poucas”. Neses momentos que lle permitían o traballo e a familia encargábase do “equipo dos chavales, o Atlético Ourense” e, pouco a pouco, foise metendo na directiva, “con Ramiro Lamas, que era sacerdote en Vigo, con Manolo Rois… e con Quino Muñoz”. Foi cando este último deixou a presidencia e lle pediu que “quedase aí tres meses” ata que se renovara o equipo directivo cando se converteu no máximo responsable do Club Deportivo Ourense. “Ó final foron catro anos”.

E foron intensos. “Xogamos sempre a promoción do ascenso” enchendo o campo do Couto en cada tempada. Lembra Juan Pérez que o primeiro ano “foi duro porque tiñamos que desfacernos de xogadores que tiñan presupostos enormes”. A solución que atoparon daquela foi facer un “equipo de aquí” que lles respondeu ben. “En Caravaca de la Cruz non ascendemos de milagro”, se non fora, como lembra resignado, porque “houbo alí un atraco que nos fixeron…”.

Así, entre estación e estación, dende os despachos de Adif ata as gradas do Couto, Juan Pérez goza hoxe dunha vida entre amigos e familia na que o fútbol e o tren seguen ocupando un lugar destacado.

Contenido patrocinado

stats