Luns de Entroid’arte

Publicado: 03 mar 2025 - 00:00

Exposición de C. Padín, Ourense.
Exposición de C. Padín, Ourense.

Personaxes do Entroido galego, Mascarados de Portugal, é a proposta dende a capital provincial para a programación das exposicións temporais da sala municipal Poeta José Ángel Valente, no centro da cidade. O autor dela é Carlos Padín, de Baiona a Real e natural de Vigo. Eis un percorrido gráfico documental exhaustivo pola xeografía do tema no noso país e tamén do N. da veciña república. Son cento corenta e seis obras de medio formato acompañadas de fichas, nas brancas paredes, e nelas denotase a pegada que lle deixou ao autor o deseño gráfico, traballo que desempeñou durante case catro décadas. Ao deixalo comezou a súa actividade como pintor de paisaxes e retratos realistas que, nalgunha ocasión, ten exposto con Caíno, conveciño colega. Achámonos pois así cunha exposición-catálogo de perfil etnográfico.

Son cento corenta e seis obras de medio formato acompañadas de fichas, nas brancas paredes, e nelas denotase a pegada que lle deixou ao autor o deseño gráfico, traballo que desempeñou durante case catro décadas.

A primeira mención coñecida do Entroido documéntase na Idade Media, mediado o século XIII, datada en 1251, o que sinala un arraigado costume anterior. Así non pode estrañar o seu amplo abano no territorio do Antigo Reino de Galicia, nomeadamente en Ourense, que se singulariza no SE do bispado, señoreado no civil polos poderosos condes de Monterrei, dos Ulloa e Zúñiga, Acevedo, Fonseca e Biedma, con categoría de Grandes na primeira metade do século XVII, virreis de Nova España, Perú ou Nápoles, causalidade da eclosión dos Cigarróns e as súas significadas vestimentas, en Verín. E, con variantes, Laza, Maceda, Xironda e Cualedro. A súa influenza e atracción é tal que hai artistas como o pintor tudense J. Valcárcel, aveciñado nas terras do Carballiño, que pinta e firma desta volta a mitra da máscara dun Cigarrón. Neste punto convén lembrarmos como nesta vila de Verín loce a primeira escultura, colocada na rúa Traviesa 11, dende o 20 de febreiro de 1972 por obra e graza de Xosé L. Gómez Rivada, tamén pintor. Este artista é así un referente no tema sendo pioneiro en darlle visibilidade máis aló do seu ciclo estacional, quen ademais fai anos que elabora no seu taller a icónica peza a modo insignia de solapa. Eis para o autor un tema recorrente tamén na pintura e así o ben facendo nas súas exposicións. Así no cadro e o busto que se exhiben na IIIª mostra colectiva arredor do Cigarrón dos artistas de Monterrei, Verín e bisbarra no antigo hospital da Trindade, sito na sobranceira acrópole amurallada que domina o val do Támega. Alí están Fernando Barreira, con dúas acaídas obras, Luz Nóvoa, Manuela Rojas, Bruno Simón cunha fotografía sobre lenzo e, entre outros artistas, Alfonso Sola coas Peliconas da Muralla, cadro que reflicte en esencia a radical liberdade da festa dende uns acaídos nus femininos. En na sala municipal de Viana do Bolo a Asociación Robreda amosa “O noso Entrudio, un cachiño de cada casa”, a variedade do concello nunha mostra máis alá dos boteiros, comparsas, mula e fulión. Non quere finalizar sen destacar algo que semella invisible: a presenza dos laboriosos artesáns que fan vestimentas e máscaras tradicionais. Así Marcos Basteiro co Boteiro de Viana; Rubén Hervella, cos puchos das Mázcaras de Manzaneda; Mari Domínguez en Vilariño de Conso ou en Maceda, para os Felos, David López e as costureiras Mercedes e Pili, como se ten publicado neste periódico. Son uns botóns de mostra que se poden potenciar..., pois uns e outros, artistas e artesáns, fan Ourense.

Contenido patrocinado

stats