Música para dar voz ao TEA

GALA POR EL TEA

Estudio Repenica é un dos colaboradores da gala Por eles TEA, encargado de por ritmo ao evento solidario que terá lugar o vindeiro 29 de marzo no Auditorio e que agarda visibilizar a realidade do autismo que viven moitas

Ensaio do Estudio Repenica para a gala Por eles TEA .
Ensaio do Estudio Repenica para a gala Por eles TEA . | Iago Cortón

A terceira edición da gala Por eles TEA xa conta con todo o necesario para ofrecer un espectáculo que non esquecerán ningún dos asistentes que se acheguen ao Auditorio o vindeiro 29 de marzo. 

Música e ritmo conflúen nun evento organizado para concienciar e informar a toda a sociedade sobre a realidade do autismo, desterrando mitos e afianzando os coñecementos previos que o conxunto da poboación pode ter xa sobre o Trastorno do Espectro Autista

A escola de música Estudio Repenica é unha das entidades que colaboran da man de Por eles TEA para dar vida a unha gala na que a solidariedade dos ourensáns adquire un papel fundamental para todos os implicados no autismo. “Como cidadá e como parte da sociedade, creo que todo o mundo temos unha obriga de coñecemento de todas as realidades e diversidades; e achegarme ao autismo é unha forma de seguir satisfacendo esa obriga moral, e ser consciente de que o mundo non é igual para min que para outras realidades, como neste caso o autismo”. Con estas palabras, destacou a directora do Estudio, Marta Bravo, a importancia persoal dunha gala que, agarda, “sexa un reflexo do que se necesita, e do difícil que é ter unha realidade diferente á normativa”.

Este evento parte da necesidade de dar a coñecer as diversidades, romper as barreiras e redignificar o autismo. Para Bravo, é fundamental que “sigamos loitando pola cultura para que a xente teña unha visión real do que significa a música e do importante que é construír”. Un traballo común no que os alumnos de Repenica non dubidaron en participar, “con todo o esforzo e compromiso que iso implica”. 

Como nai dun neno con autismo, Rebeca Iglesias, vogal de Por eles TEA, sente esta gala como unha posibilidade para que os ourensáns coñezan un pouco máis “esa realidade que sufrimos moitísimas familias”, poñéndose na pel de quen convive con esta afección de forma diaria. Obxectivo sobre o que incide a presidenta da asociación, María Losada, quen agradece o altruísmo e o talento de todos os artistas e colaboradores que, como o Estudio Repenica, forman parte dunha gala solidaria única. 

Para todos aqueles que queiran formar parte desta iniciativa, dende a organización agradecen a participación a través da compra de entradas, que aínda que aparezan numeradas na páxina, permitirán que todos os asistentes elixan o asento unha vez chegado o día, para poder compartir ese momento na mellor compañía.

Contenido patrocinado

stats