Última fase de licitación para o novo edificio de aeronáutica de Ourense

UNIVERSIDAD

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou un aumento do prezo das residencias

Intervención do reitor Manuel Reigosa no Consello de Goberno da UVigo.
Intervención do reitor Manuel Reigosa no Consello de Goberno da UVigo.

Durante a primeira sesión ordinaria do Consello de Goberno do 2025 o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, adiantou que o proceso da nova licitación da construción do edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo xa se atopa na última fase. Despois de que a primeira proposta realizada pola UVigo, que contemplaba un custo total de aproximadamente 8,3 millóns de euros, quedase deserta o ano pasado, esta nova licitación, segundo avanzou Reigosa, será de aproximadamente dous millóns de euros adicionais. “Agardamos que poidamos ter éxito nesta ocasión e que este ano non só vexamos as grúas no campus de Ourense senón que se avance bastante no edificio”.

O Consello tamén aprobou un Plan de Internacionalización, o primeiro da súa historia, co que pretende, en palabras do reitor, “avanzar en anos sucesivos nun dos eixos fundamentais do noso mandato que é a internacionalización”. Por outra banda, decidiuse actualizar os prezos das residencias de estudantes para o curso 2025/2026, que se incrementarán consonte ao IPC interanual de decembro de 2024 (2,8%) máis a parte da matrícula a repercutir en tres anos, a contar dende o curso 2024/2025 (57,30 €). Deste xeito, no campus de Ourense, no Complexo residencial universitario As Burgas, a habitación individual custará 386,25 €, a habitación individual con cociña compartida 386,25 €, a habitación en estudo dobre 299 € e habitación individual superior 528 €.

Ademais de repasar algúns dos principais acontecementos das últimas semanas, o reitor agradeceu o traballo realizado a Rafael Durán, que deixa de ser decano comisario da futura Facultade de Enfermaría e será substituído por Iris Machado de Oliveira, á que desexou “os mellores éxito para o que vén”. 

Finalmente, Reigosa salientou os resultados acadados pola institución no The World University Rankings by Subject 2025, no que se posiciona entre as 400 mellores universidades do mundo en Ciencias Agrícolas e Forestais, Ciencias do Deporte, Bioloxía e Dereito. “Non é sorpresa que no traballo que facemos no día a día teñamos institutos nestes eidos” e destacou a creación dun Instituto de Ciencias do Deporte, “que agardamos poder formalizar este ano”.

Seis prazas previstas para as novas simultaneidades

O Consello de Goberno da UVigo deu luz verde á tramitación de dous novos programas de simultaneidade para o vindeiro curso na Facultade de Ciencia do Campus: Enxeñaría Agraria e Ciencias Ambientais e Enxeñaría Agraria e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos. As propostas enviaranse agora á Secretaría Xeral de Universidades, que será quen deberá dar o seu visto e bo definitivo para que poidan implantarse en setembro.

Con 6 prazas previstas para cada unha das simultaneidades, a duración de cada unhas -10 ou 11 cuadrimestres- dependerá do itinerario que elixa cada unha das persoas matriculadas. Tamén se aprobou a modificación do curso de iniciación á formación para a docencia universitaria e un convenio de colaboración entre as tres universidades galegas que reduce a burocracia na tramitación dos programas de doutoramento interuniversitarios.

Contenido patrocinado

stats