Un sevillano gaña o concurso de relatos en galego de Parada de Sil

"O GALEGO, LINGUA VIVA"

O acto do Día das Letras Galegas en Parada de Sil reúne participantes de Galicia e fóra dela na entrega do Concurso de Microrrelatos, destacando o compromiso coa lingua e a súa difusión.

Manuel Alejandro Rodríguez recibe o premio de mans do alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez.
Manuel Alejandro Rodríguez recibe o premio de mans do alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez. | Ced

Nun acto no que se conmemoraba o Día das Letras Galegas celebrado no salón de plenos do concello de Parada de Sil e cheo de conveciños, fíxose entrega dos premios da edición deste ano do Concurso de Microrrelatos.

Ao acto asistiu o gañador do concurso de relatos en galego, o sevillano de 20 anos Manuel Alejandro Rodríguez Acosta, acompañado da familia, que deu lectura ao seu magnífico microrrelato, moi aplaudido polo público asistente, e explicou que el era nado en Sevilla e que o que máis preto tiña de Galicia era un avó que nacera en Puebla de Sanabria, pero que descubriu o galego e entroulle o desexo de coñecelo. A dicir do alcalde, Aquilino Domínguez, ten un magnífico manexo do idioma, xa que fixo un agradecemento en galego.

“O galego, lingua viva, tamén en Sevilla, e Parada de Sil empurrando para que o uso do idioma galego aumente”, sinalou o rexedor.

Proxección

Tamén se proxectou un vídeo de agradecemento remitido pola gañadora do concurso de microrrelatos en castelán, a canaria Patricia Sánchez Ramos, que lamentou non poder acudir debido á distancia, e o seu microrrelato foi lido por unha voluntaria, Rosamari Vila, a quen o alcalde lle agradeceu o xesto.

Contenido patrocinado

stats