Porqueira estreou a súa nova zona para escalada

RÍO FÍRBEDA

O Concello de Porqueira e Turismo de Galicia inauguran a área da Forxa con 43 vías de escalada e un sendeiro homologado nas Fervenzas do Fírbeda

Merelles escoita as primeiras explicacións das vías habilitadas.
Merelles escoita as primeiras explicacións das vías habilitadas. | Óscar Pinal

A Limia xa conta cunha nova zona de escalada. O Concello de Porqueira inaugurou onte de xeito oficial a zona de escalada da Forxa, encravada no canón do río Fírbeda.

Na mañá de onte, un cento de asistentes, veciños e cativos asistiron ao estreo da iniciativa, que contou coa colaboración de Turismo de Galicia para a creación e equipamento da nova área de escalada, así como da homologación dun sendeiro circular de preto de cinco quilómetros pola ruta das Fervenzas do Fírbeda, que contou cun investimento de preto de 40.000 euros. O novo espazo conta con 43 vías distribuídas en seis sectores, adaptadas para escaladores de tódolos niveis e conforme ao estándar europeo de seguridade, específico para ancoraxes de escalada.

Ao acto, celebrado xunto ao panel informativo da nova zona, asistiu o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, quen afirmou que estas iniciativas reforzan o posicionamento de Galicia como destino de turismo deportivo e de natureza. Así, Merelles salientou “a importancia de seguir apostando por proxectos que unan deporte e patrimonio natural, en especial na Galicia rural”, facendo fincapé no “valor estratéxico” do turismo deportivo como “ferramenta para favorecer a desestacionalización e a diversificación da oferta turística galega”.

Pulo ao turismo deportivo

Segundo explicou o director de Turismo de Galicia, a nova área de escalada da Forxa representa o modelo polo que Turismo de Galicia aposta a través da Estratexia de Turismo de Galicia 2030, sendo que o turismo deportivo favorece a desestacionalización, “en especial no ámbito rural”, onde este tipo de proxectos contribúen á xeración de actividade económica e ao fortalecemento dos negocios locais. O derradeiro ano, Galicia recibiu preto de 118.000 turistas vinculados ao turismo deportivo, cun gasto medio diario de máis de 116 euros por persoa por riba da media nacional.

A iniciativa contou coa participación da Asociación de Escaladores Ourensáns (Asesou), a quen tanto o Concello como Turismo de Galicia lle agradeceron a súa implicación. Tralo acto inaugural, procedeuse a apertura da zona de escalada, o momento que os escaladores estaban desexando para coñecer e probar as novas vías.

Contenido patrocinado

stats