Árbores e formacións senlleiras
Árbores e formacións senlleiras | La Región

Árbores e formacións senlleiras

POLOS RÍOS E MONTAÑAS DE OURENSE

Xosé Benito Reza permítenos viaxar polos ríos e montañas de Ourense cunha nova entrega, nesta ocasión, sobre os seres vivos máis vellos da provincia

O Prólogo da polémica

Cavilaba eu, cando fun por vez primeira a Inglaterra e me entremetín polas veigas feraces e polos escasos montes de Albión, por uceiras baixas e praderías esmeraldinas, que estes países que sempre se tiveron por ser os máis avanzados en todo e de todo o planeta, non o eran tan só en razón ao seu enorme potencial industrial, nin tampouco unicamente polo seu arrepiante poder bélico, ou incluso en atención aos seus grandes logros científicos e ao que aportaron ao mundo nos múltiples campos da ciencia pola sabedoría e coñecementos dos seus habitantes, caso por exemplo do británico Darwin que andamos a lembrar este ano (bicentenario do 2009). Non, non debía ser só por iso; porque a min o que máis me abraiou cando estiven alí foi que aquela xente tiña un sentimento de autosuficiencia e autoestima que non poupara en ningures, e iso trasladábase dun xeito contundente e moi notorio ao territorio e ao seu patrimonio material e inmaterial. En efecto, latexaba naqueles illáns o orgullo por conservar a herdanza dos devanceiros, de manter incólume a arquitectura tradicional dos seus núcleos, da casa de labranza, da capela ou gótica igrexa, e as súas propiedades e os vellos pubs estaban ateigados de obxectos con varios séculos de antigüidade. E así, puiden contemplar, marabillado, como malia todas as disposicións que deberan aprobar para a ordenación do territorio, malia as concentracións parcelarias e as múltiples pistas que sen dúbida tiveran que abrir para comunicar as explotacións; de cando en vez, moitas veces, xurdía no medio dun eido un carballo enorme estendendo as súas poderosas gallas a unha gran distancia, e as estreitas e reviradas estradas marchaban a rentes de centos de árbores en ringleira, e os campos e agras ían delimitadas por sebes asombrosamente altas e compactas, o que era sinal tamén dos moitos anos que sen dúbida debían ter. E por todo iso cavilaba eu, xa de volta, que o feito de que a aquela xente se lle dera por pendurar un niño para os paxariños na póla máis próxima á porta da súa casa e botarlles de comer en inverno, de seguro que tiña moito que ver coa posición de preeminencia que mantiñan no planeta. E por iso, e por moitas máis cousas que se explican nesta publicación, foi para min e para a Dirección Xeral que eu representei na Consellería de Medio Ambiente, un enorme pracer crear o catálogo de árbores senlleiras de Galicia que neste libro se presenta, así como presidir o seu comité científico; porque, que mellor xeito de amosar o respecto polo noso e polos que nos precederon que protexer os monumentos vivos máis vellos de Galicia, e que, teimosamente, seguen a entorgar coa terra e cos que nos precederon.

Portada do libro “Árbores e formacións senlleiras de Galicia”.
Portada do libro “Árbores e formacións senlleiras de Galicia”. | M.A. Montero

Este texto que vostedes rematan de ler é o prólogo que eu escribín para o libro en gran formato que publicamos na primavera do ano 2009 co título: Árbores e formacións senlleiras de Galicia, unha obra da autoría, entre outros, do profesor Antonio Rigueiro Rodríguez, colega meu e catedrático emérito da USC, con fotos de Miguel Angel Montero Vaz. Pois ben, o primeiro que debo facer é desculparme ante vostedes por ter aproveitado esta ocasión para dar a coñecer ese texto, pois o libro foi “secuestrado” por decisión dos que nos sucederon na Consellería de Medio Ambiente; e por ese motivo este inocuo e inofensivo prólogo nunca chego a ver a luz. O caso explícase porque eu, días antes de deixar a dirección xeral de Conservación da Natureza e logo de decidir non presentar o libro dada a nosa condición de interinidade, encarguei a unha empresa distribuidora que repartira os preto de tres mil exemplares que fixeramos polos colexios e bibliotecas públicas de Galicia, de xeito que os rapaces e o público en xeral tiveran coñecemento destas magníficas árbores e do catálogo que puxeramos en marcha un par de anos antes, e do que nos sentíamos especialmente orgullosos. Pero pasou que só dúas semanas despois de abandonar eu a dirección xeral, a empresa encargada ten a cortesía de chamarme para me informar de que, tristemente, a distribución non se chegara a realizar ao ser paralizada por unha persoa da “casa”, quedando así o reparto aprazado sine die; de tal xeito que un ano despois os milleiros de exemplares languidecían no garaxe da Consellería de Medio Ambiente en Santiago. Así as cousas, e logo de que algún importante medio de comunicación galego se fixera eco deste esperpento, no outono do 2010 a consellería acordaba repartir os libros previa devolución á imprenta para que desmontaran os tres mil exemplares e arrincaran as tres mil follas onde viña a páxina co meu prólogo (“a un coste mínimo”, subliñaban daquela os novos responsables políticos). E así, penso eu, debemos ser unicamente unha ducia de persoas as que temos en Galicia o libro “completo”.

Aciñeira de Covas, Rubiá.
Aciñeira de Covas, Rubiá. | M.A. Montero

O Catálogo

Ben. Pedindo desculpas de novo por esta intrusión persoal (aínda que concordarán comigo en que o asunto ten a súa ensulla), imos ao que nos interesa. Como dicía, por Decreto 67/2007 iniciabamos ese ano o catálogo de árbores e formacións senlleiras de Galicia cuxa creación estaba contemplaba na Lei 9/2001 de Conservación da Natureza de Galicia. Ou sexa, un exhaustivo listado que recollía un total de 106 árbores e 21 formacións ou conxuntos arbóreos singulares repartidos por toda a xeografía galega, e que os nosos expertos, logo dun encomiable labor de inventariación e coa inestimable axuda dos propietarios, consideraban con méritos abondo para entrar nese selecto grupo e gozar así do favor e da protección da administración autonómica. Un listado de vellas e asombrosas árbores que hoxe alcanza os 157 pés e 48 formacións singulares ou mouteiras tras sufrir importantes variacións nestes últimos vinte anos entre baixas (as árbores tamén morren de vellas) e sobre todo altas.

Castiñeiro de Entrambosríos, Parada do Sil
Castiñeiro de Entrambosríos, Parada do Sil | M. A. Montero

No devandito decreto recollíase que, en efecto, aquelas árbores que polas súas excepcionais características en canto a porte, dendrometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético ou paisaxístico se fixeran merecentes dunha especial atención, poderán incluírse no dito Catálogo pola Xunta de Galicia. Aclarando que, ademais da administración autonómica actuando de oficio e que con este decreto daba así vida ao Catálogo, poderán instar o inicio do devandito procedemento os propietarios, outras administracións públicas, centros de investigación ou asociacións e entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins a protección da natureza. E tamén se creaba co devandito decreto o Comité das Árbores Senlleiras, coma órgano consultivo da Dirección Xeral de Conservación da Natureza nesta materia, tendo, entre as súas funcións, a de establecer os criterios de inclusión, propoñer a catalogación ou descatalogación das árbores, emitir informes sobre as solicitudes presentadas, ou aconsellar sobre as medidas de conservación que haxa que realizar para asegurar a supervivencia destes impresionantes monumentos vexetais. Ao respecto, o Decreto 10/2015 do goberno galego modificou o anterior en canto a procedementos de catalogación ou descatalogación, ben por perda dos valores que levaron á súa inclusión ou ben por morte biolóxica. Así, por exemplo, o comité encargado deste asunto decidía no 2019 dar de baixa un total de once exemplares, dos cales dez perderan as calidades polas que foran catalogados (por exemplo os tileiros prateados de Oseira que amentamos na primeira etapa da nosa viaxe), e outro por morte biolóxica.

Mapa árbores e formacións senlleiras
Mapa árbores e formacións senlleiras | La Región

En canto ás consecuencias derivadas da inclusión no Catálogo o decreto sinala especialmente que esa árbore ou formación singular queda protexida a todos os efectos, de tal xeito que calquera acción ou proxecto cuxa execución poida ameazar a súa integridade e os valores polos que foi incluída no Catálogo requirirá autorización do organismo autonómico responsable, neste caso da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. E subliñar tamén que a Xunta de Galicia concede periodicamente axudas ás entidades locais, comunidades de montes ou propietarios para coidar destas árbores que ademais do seu valor natural intrínseco teñen tamén, sen dúbida, un moi alto valor como patrimonio cultural das comunidades onde se asentan; unhas axudas para actuacións varias baixo a supervisión do persoal da administración como podas de formación e eliminación de elementos danados ou enfermos, tratamentos fitosanitarios, mellora da permeabilidade e fertilidade dos solos onde se asentan, e outro tipo de accións destinadas á divulgación e ao coñecemento e mesmo a sinalización.

Tamén quixera subliñar que cando puxemos en marcha o Catálogo xa existían en base á vella lei do estado 4/1989 de Conservación da Natureza, algúns exemplares de árbores protexidas en Galicia e en Ourense; caso do Souto de Rozavales de Manzaneda, con exemplares varias veces centenarios, declarado Monumento Natural por Decreto 78/2000 e onde sobresae o castiñeiro de Pumbariños, un castiñeiro “sen terra” de 12 metros de perímetro e cuxa protección fora impulsada polo alcalde e médico Gabino García, sendo eu o responsable do servizo de Medio Ambiente Natural na provincia. Un souto que, por suposto, tamén se incluíu no Catálogo coa categoría de “Formación senlleira” (código 6F) e o castiñeiro como “árbore senlleira” (código 20A). Do mesmo xeito e por Decreto 45/2007 declaramos ese ano como Monumento Natural de Galicia a Carballa da Rocha de Rairíz de Veiga, sita moi preto do famoso campo de A Saínza dese concello limiao; un espectacular carballo de 6 metros de perímetro e uns excepcionais 31 metros de altura incluído igualmente no Catálogo co código 81A.

Árbores e formacións

Contamos hoxe na provincia de Ourense, ademais do citado Souto de Rozavales de Manzaneda, con outras cinco formacións ou agrupacións catalogadas. Unha delas é precisamente o Teixadal de Casaio do que falamos abondo a semana pasada, e tamén constan: o bidueiral de Xares no concello de A Veiga, a única formación deste tipo e os únicos vidos ou bidueiros (Betula celtiberica) catalogados como árbores senlleiras en Galicia; os catro castiñeiros centenarios de Os Blancos; os tres carballos da Sementeira fronte á igrexa de Bande; e os tileiros prateados da igrexa de San Domingos en Ribadavia, que foron os últimos en catalogarse na nosa provincia e os terceiros de Galicia. As especies ás que pertencen estas senlleiras repártense pola provincia, comezando polas máis numerosas, do seguinte xeito: 14 castiñeiros (Castanea sativa) nos concellos de A Mezquita (con 3), Manzaneda (con 2) e con un Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, Baños de Molgas, Xinzo de Limia, Viana do Bolo, Os Blancos, Laza, Vilariño de Conso e O Irixo; 4 carballos (Quercus robur) en Rairíz de Veiga, Porqueira, Xunqueira de Ambía e Viana do Bolo; 3 cerquiños (Quercus pyrenaica) en Manzaneda, A Mezquita e Entrimo; unha aciñeira (Quercus rotundifolia) en Rubiá e a sobreira (Quercus suber) do Loña en Ourense. Cinco especies ás que debemos engadir os teixos (Taxus baccata) do Teixadal de Casaio, os bidueiros (Betula celtiberica) de A Veiga e os tileiros de Ribadavia (Tilia tomentosa). O que fan un total para Ourense de 23 pés arbóreos e 6 formacións senlleiras pertencentes a 8 especies diferentes.

Castiñeiro de Surribas, O Irixo
Castiñeiro de Surribas, O Irixo | La Región

En canto a concellos destacan por orde: Manzaneda con 1 formación, 2 castiñeiros e 1 rebolo; A Mezquita con 3 castiñeiros e 1 cerquiño; Os Blancos con 1 souto e 1 castiñeiro; e Viana do Bolo con 1 castiñeiro e 1 carballo. Quedando 4 concellos con cadansúa formación senlleira (Carballeda de Valdeorras, A Veiga, Bande e Ribadavia), e outros 13 concellos coas súas respectivas árbores senlleiras (O Irixo, Ourense, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, Baños de Molgas, Xunqueira de Ambía, Xinzo de Limia, Rairíz de Veiga, Porqueira, Entrimo, Laza, Vilariño de Conso e Rubiá); o que fan un total de 21 concellos os que teñen na provincia algunha árbore catalogada.

En canto a especies destacan entre as 23 senlleiras, como dixemos, os 14 castiñeiros repartidos entre 11 concellos, especialmente na zona central e oriental da provincia; unha especie cultivada dende a antigüidade e de especial importancia no mundo rural pola calidade da súa madeira e os seus grandes froitos. Exemplares como o castiñeiro de Pumbariños xa citado e o de Placín-Cubeiros, os dous en Manzaneda; o de Surribas en O Irixo de 15 metros de altura e furado por un raio; o impoñente de Trambolosríos na Ribeira Sacra (Parada de Sil) con 9 metros de perímetro e preto de 700 anos de idade; ou o espectacular de Cerdedelo (Laza), que segundo os expertos pode ser tamén e igual que o anterior un dos máis vellos de Galicia; sen esquecer, por suposto, os tres de A Mezquita (da Ribeira, de Cádavos e do Prado da Ponte), o de Soutogrande en Vilariño de Conso, o de Edroso en Viana do Bolo, o de Santa Eufemia en Baños de Molgas, o de Pexeiros en Os Blancos, o de A Ramigoa en Nogueira de Ramuín e o da Finca da Cerca en Xinzo de Limia.

Hai que loitar contra esta lacra, axudar no que se poida, colaborar na persecución do delito.

En canto ás 9 fagáceas do xénero Quercus (carballos, cerquiños, sobreiras e aciñeiras), destacan dende logo a xa citada Carballa da Rocha de Rairíz de Veiga; a aciñeira de Covas do parque natural do que falamos a semana pasada e que quizais sexa a máis vella de Galicia nestes ecosistemas mediterráneos tan especiais; o cerquiño de Queguas en Entrimo con preto de 18 metros de altura, emprazado nun lugar idílico a carón da ermida da Ascensión e dentro do parque natural do Xurés; a sobreira “urbanita” do Loña na cidade de Ourense, paradigma tamén da mediterraneidade con 22 metros de altura e uns 300 anos de idade; o carballo “literario” de Padroso, propiedade do editor e amigo Bieito Ledo e que se atopa xusto ao pé da Vía da Prata ao paso por ese lugar de Xunqueira de Ambía; o carballo grande de Reboreda en Porqueira con 28 m de altura, o Pai dos Rebolos en Umoso-Dradela de Viana do Bolo que non é un rebolo senón un carballo; o rebolo do Pazo da Pena en Manzaneda que este si é un cerquiño (Quercus pyrenaica), ao igual que o de Santigoso en A Mezquita.

Rebolo do Pazo da Pena, Manzaneda.
Rebolo do Pazo da Pena, Manzaneda. | M.A. Montero

Incendios

Son estas, as nosas árbores máis prezadas, o paradigma do traballo da Natureza ao longo dos séculos levado á súa máxima expresión no caso das autóctonas. Son os carballos e cerquiños das nosas fragas, os castiñeiros dos soutos amables que tantos beneficios nos deron e que hoxe sucumben baixo o furor das lapas. O ano pasado ardeu preto do 20% da provincia, máis de cen mil hectáreas, unha auténtica calamidade, unha vaga de destrución e morte como nunca viramos antes; porque ademais de perderse casas e poñerse en risco as propias vidas humanas, arderon soutos con centos de venerables castiñeiros, milleiros de carballos, árbores que vivían agarimadas pé das corgas e regueiros e que en moitos casos non lograron sobrevivir. Lumes algúns deles intencionados, nocturnos, por mero vandalismo e gañas de amolar; estámolo a ver nos xulgados. Tantos anos da miña vida profesional xestionando lumes de tolos, fanáticos e interesados. Lumes que se repiten ata fartar todos os anos. Nomes que seguen a resoar na miña cabeza como A Mezquita, Pereiro; Cualedro, Montes; Manzaneda, Placín; Muíños, Requiás; Maceda, Castro de Escuadro; Chandrexa, Requeixo; Melón, Quins... Mágoa de ver como nos dá a benvida a provincia baixando do túnel de A Cañiza cara a Ribadavia; cos montes devastados, debullados polas lapas, ermos e cos ósos brancos á vista como se fora un cemiterio calcinado; pétrea desolación onde morde a erosión que se ergue como un monumento á estulticia humana a ambos os lados da autovía; e penso se aínda vivirá o incendiario, quen será e como vivirá; logo de tantos anos de dedicado esforzo á destrución total. Hai que loitar contra esta lacra, axudar no que se poida, colaborar na persecución do delito.

Carballa da Rocha, Rairiz de Veiga.
Carballa da Rocha, Rairiz de Veiga. | M.A. Montero

Antes os pastores (que levaban milenios facéndoo) plantaban lume e ardía “o que querían que ardera”; pero agora, co quecemento global, cos milleiros de hectáreas de interface, cos absurdos negacionistas, cos accidentes e neglixencias que irremediablemente acaecerán, o escenario mudou radicalmente, e a lapa dun chisqueiro pode derivar nunha catástrofe de consecuencias devastadoras.

Castiñeiro de Pumbariños, Manzaneda.
Castiñeiro de Pumbariños, Manzaneda. | M.A. Montero

Agora si remato estas miñas colaboracións, dando de novo as grazas a todos os lectores que tiveron a ben seguirme neste xornal todos os domingos dende o pasado 26 de abril, e tamén por suposto aos fotógrafos e ao meu paisano Miguel Angel Montero polas fotos desta última entrega.

Carballo de Padroso, Xunqueira de Ambía
1/4 Carballo de Padroso, Xunqueira de Ambía | M. A. Montero
Carballos da Sementeira, Bande
2/4 Carballos da Sementeira, Bande | M. A. Montero
Sobreira do Loña
3/4 Sobreira do Loña | M. A. Montero
Carballo de Padroso, Xunqueira de Ambía
4/4 Carballo de Padroso, Xunqueira de Ambía | La Región

Contenido patrocinado

También te puede interesar

Lo último

stats