Galería | O Xurés-Gerês, a grande área protexida transfronteiriza
Galería | O Xurés-Gerês, a grande área protexida transfronteiriza | La Región

Galería | O Xurés-Gerês, a grande área protexida transfronteiriza

POLOS RÍOS E MONTAÑAS DE OURENSE

Parque Nacional da Peneda-Gerês, o único con esa categoría en Portugal, e cuxa declaración sería determinante para a creación do parque natural galego.

Ficha

Altitude máxima

Pico da Nevosa: 1.539 metros.

Superficie total

Parque natural 29.345 hectáreas.

Concellos

Lobeira, Bande, Entrimo, Lobios, Muíños e Calvos de Randín.

Teño eu por esta terra un sentimento especial que vén de moi lonxe, dos anos da mocidade que é a época dos soños efémeros e as almas inxenuas; tempos perdidos nos que imos conformando o marco inamovible da nosa madurez.

Xénese

É este un territorio que, indefectiblemente, está xunguido a Portugal; por proximidade, por seren as grandes montañas que conforman o grandioso anfiteatro que rodea o territorio as mesmas e porque o país veciño non se entende nin cultural nin lingüisticamente sen nós. Velaí a razón pola que, na creación desta grande área protexida de case trescentos quilómetros cadrados, teña tanto que ver na súa xénese o país veciño.

Mirador do Pedreiriño (Entrimo).
Mirador do Pedreiriño (Entrimo). | EINIBÓ FILMS

En efecto, cando en España xa existían seis parques nacionais dende que en 1918 se declarara a Montaña de Covadonga (hoxe Parque Nacional do Picos de Europa), o goberno portugués decidiu crear en 1971 o Parque Nacional da Peneda-Gerês, o único con esa categoría en Portugal, e cuxa declaración sería determinante para a creación do parque natural galego. O ano seguinte creábase tamén en España o primeiro parque natural, o de Sant Llorenç del Munt i l’Obac, declarado pola Deputación de Barcelona en base ás competencias da institución en materia de ordenación do territorio. En canto a Galicia, daquela só tiñamos uns pequenos espazos declarados en 1933 polo goberno da República como Sitios de Interese Nacional, atendendo unicamente ao “pintoresco” das súas paisaxes: o Cabo Vilán, o Cumio da Curotiña na Serra do Barbanza e a parte culminante do promontorio do Cabo de Bares. Dous anos máis tarde integraríase nestes sitios o Monte Aloia a proposta do enxeñeiro de montes Rafael Areses, xerme do actual parque natural e decano dos parques galegos. Do mesmo ano en que se declarou o parque nacional portugués é tamén a creación do Instituto Nacional para a Conservación da Natureza (ICONA) onde eu comecei a traballar, e pouco despois se promulgaba a Lei 15/1975 de Espazos Naturais Protexidos, ferramenta xurídica determinante para a creación da rede de áreas protexidas do novo Estado democrático español, e onde se contemplaba, por vez primeira, a figura de parque natural. En base a esta norma, tres anos máis tarde, en 1978, creábase o Parque Natural do Monte Aloia; e en 1980 o Parque Natural das Illas Cíes, espazo que no 2002 ascendería a categoría de Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia logo de engadirlle os arquipélagos de Ons, Sálvora e Cortegada, adquirido o primeiro polo goberno español e o segundo polo autonómico cando estabamos no goberno da Xunta no 2007.

Enténdese pois a preocupación dos portugueses no canto de establecer algún tipo de protección para o outro lado da fronteira, e que ao longo duns noventa quilómetros vai marcando a liña de augas vertentes.

Así as cousas, e unha vez creado o parque nacional portugués, os nosos veciños deberon acudir de inmediato ás autoridades españolas para solicitar algún tipo de protección para “o outro lado das súas montañas”. En efecto, cunha ollada rápida á cartografía deste territorio, axiña nos decatamos de que as zonas elevadas, montañosas e máis valiosas do Parque Nacional da Peneda-Gerês, espallan tamén pola nosa banda. Estamos a falar, sinaladamente, da ladeira leste da Serra do Leboreiro en terras de Quintela de Leirado, Verea, Bande e Lobeira; da parte sur do Planalto portugués que se estende pola Montaña de Queguas en Entrimo; da vertente oeste da Serra de Santa Eufemia en Lobios que esvara cara a Mata do Cabril da Serra Amarela portuguesa; e, por suposto, toda a ladeira norte da Serra do Xurés máis a do Pisco por terras de Lobios e Muíños; morfoloxías ás que tamén lle podemos engadir o río Barcia que vai marcando a fronteira co parque nacional luso ao longo de 14 qm. Enténdese pois a preocupación dos portugueses no canto de establecer algún tipo de protección para o outro lado da fronteira, e que ao longo duns noventa quilómetros vai marcando a liña de augas vertentes.

Cruceiro de san Pedro en Ludeiros (Lobios)
Cruceiro de san Pedro en Ludeiros (Lobios) | Xosé Benito Reza

O parque nacional

Quedei moi sorprendido cando descubrín que o goberno de Franco fora moi receptivo á proposta do goberno luso de Marcelo Caetano, de tal xeito que a maquinaria administrativa española se puxo a traballar de inmediato para declarar o Xurés galego con mesma categoría de “parque nacional”. Así, a daquela Estación Central de Hidroloxía e Zooloxía, con motivo de la reunión del Comité de Cooperación Agraria Hispano-Portuguesa para tratar entre otros temas el problema de las reservas naturales en la zonas fronterizas, encarga un estudo sobre a conveniencia da dita declaración, manifestando que: el estado portugués ha creado recientemente en la zona sudoeste (da provincia de Ourense) el Parque Nacional Peneda-Gerês, y, de acuerdo con la insinuación de los miembros del comité portugués de la conveniencia de crear en la zona fronteriza española un parque análogo para evitar ciertos contratiempos que concurren en la actualidad, se ha realizado este estudio sobre el estado actual y las posibilidades futuras de la zona fronteriza española como posible Parque Nacional. Non deixa de ser chocante o de “certos contratempos”, referíndose seguramente á caza furtiva e quizais tamén ao pastoreo e aos incendios.

O Gerés David Simón
O Gerés David Simón | David Simón

O dito estudo, aplicado a unhas 50.000 has de superficie que constituyen la zona más idónea para la creación de un Parque Nacional por sus condiciones naturales y su proximidad a la frontera portuguesa, nunca chegou a materializarse ao atopar como inconveniente insuperable algo que hoxe sorprende: a elevada densidade de poboación do territorio onde se quería implantar (35 habitantes por quilómetros cadrado), e que, ademais, pastoreaban repartidas por casi toda la zona preto de 21.000 cabezas de gando; razón pola que aqueles montes se atopaban nun estado de forte regresión e moi modificados pola man do home entre rozas, incendios, cortas e pastoreo. En consecuencia, propoñen como alternativa crear unha Reserva Nacional de Caza, pero restrinxida a súa área a unhas 20.000 hectáreas pertencentes aos concellos de Entrimo, Lobios e Muíños, dado que nesa área existen amplias zonas donde la presión humana es escasa o nula. Esta proposta, aínda que tampouco prosperou, si foi a que motivou a creación dunha Zona de Caza Controlada segundo a Lei de Caza vixente do ano 1970. Finalmente, tamén se propoñía algo que, como veremos, algún día sería realidade: También debería considerarse la reintroducción de la cabra hispánica en las Sierras de Jurés y Santa Eufemia, desaparecida de este macizo montañoso según datos históricos allá por el año 1890.

Mapas_EspazosOU_XuresTerritorio
Mapas_EspazosOU_XuresTerritorio | Xosé Benito Reza

Cando lin ese estudo quedei moi sorprendido, porque hoxe, nas corenta e pico mil hectáreas que ocupan os concellos de Lobeira, Entrimo, Lobios e Muíños, viven soamente cinco mil habitantes, cunha densidade de poboación de unicamente 11,5 habitantes/qm2; ou sexa, soamente a terceira parte da poboación que había fai cincuenta anos. En canto ás 21.000 cabezas de gando que segundo o estudo se repartían por todo o territorio en 1972, hoxe e segundo os últimos censos se reducen a unhas 4.500. En canto ás greas de cabaliños galegos, garranos ou burras que outrora campaban ceibes e en gran número por estes montes, tamén se ven hoxe moi diminuídos. Daqueles tempos de tanta xente polas aldeas e tanto gando pastoreando as serras todas; e tamén da fame e da miseria que obrigou á xente a emigrar, quédanos algunhas obras de referencia, tan evocadoras e tan ben escritas que se nos pon a pel de galiña. Ese é o caso do libro de Alberto Pérez Adán “Olelas na lembranza”, publicado no 2008 pola Deputación Provincial de Ourense e que ben merecía unha reedición. Esa obra é todo un canto á liberdade, á vida naquela época e a evocación serena duns tempos duros e sacrificados pero cheos de vida e actividade; de amizade e solidariedade, de sorrisos, cor e música de acordeón. Un libro fermoso que te engruña a alma e te transporta por riba do Quinxo ata Olelas, polos grandes espazos abertos e todos os penedos que (iso me dixo un día meu pai cando o acompañei alí de pequeno) lle sobraron a Deus cando fixo o mundo; unha viaxe espectacular que esperta os sentidos levados da man daquel meniño da última aldea galega denantes de se ver forzado a emigrar.

Pozo da Seima en A Cela (Lobios).
Pozo da Seima en A Cela (Lobios). | Xosé Benito Reza

E tamén debo subliñar, sobre todo, que o que aquel estudo consideraba como zonas máis idóneas a protexer, serían finalmente as que se incluirían no Parque Natural galego trinta anos despois: as 20.000 hectáreas dos concellos de Entrimo, Lobios e Muíños donde la presión humana es escasa o nula; ou sexa, as zonas máis elevadas e escarpadas desta grande área fronteiriza lindeira co corazón do parque nacional portugués. Ademais, tamén é xusto mencionar, que cumprimos abofé coa recomendación que nos fixeran os nosos colegas de hai cincuenta anos: devolver as cabras bravas a estas montañas, feito que fixemos realidade no outono de 1997, cando chegaron as primeiras á finca de Salgueiros.

O parque natural

Coa chegada da democracia créase o Estado das Autonomías e con tal motivo se lle transfiren en 1981 á Xunta de Galicia as competencias do Estado en materia de conservación da natureza, para que leve a cabo as accións que considere necesarias para a protección, conservación e mellora dos espazos naturais; sinaladamente a protección da paisaxe e a creación e administración dos parques naturais. Así, e grazas ao empurre que recibimos do daquela delegado da Consellería de Agricultura, Carlos Martínez Alonso, un gran profesional e sobre todo unha excelente persoa, e ao apoio decidido e ilusionado do director do parque nacional portugués Tito Costa, comezamos a traballar no proxecto de creación dun parque natural naquelas montañas que a xeito de ferradura pechaban a raia. Unha decisión que non só se tomou polo continuado interese amosado dende Lisboa durante tantos anos para que protexeramos “a outra cara das súa montañas”; senón tamén polos importantes valores paisaxísticos e naturais que aínda gardaba este territorio.

Esa obra é todo un canto á liberdade, á vida naquela época e a evocación serena duns tempos duros e sacrificados pero cheos de vida e actividade; de amizade e solidariedade, de sorrisos, cor e música de acordeón.

En efecto, cando me asomei por vez primeira ao miradoiro do Pedreiriño de Entrimo a mediados dos anos setenta, sentín unha fonda emoción ao contemplar aquel escenario único que se desenvolvía alá en fronte por moitos quilómetros de fronteira. Fun entón consciente do gran tesouro que alí se acochaba e do enorme potencial que podían ter aquelas terras para o turismo de natureza, nun intre en que espertaban as conciencias por todo o planeta e nacían todo tipo de organizacións reclamando un trato digno e preferente para a Natureza, así, con maiúscula (ADEGA anda a celebrar precisamente este ano o seu 50º aniversario). Dende a varanda daquel fantástico balcón natural enxérgase unha paisaxe espectacular: terras, vales e montañas que fertiliza e partilla o río Limia e o seus emisarios una vez abandonadas as terras da gran chaira cuaternaria da Limia. Un mundo pechado en si mesmo polas montañas que a xeito de ferradura van debuxando a raia máis elevada de toda a fronteira hispano-lusa: a Serra do Pisco camiño da república independente do Couto Mixto; as agullas pétreas do Xurés cos pináculos rochosos do Fontefría e as Gralleiras; o longo cordal montuoso que chega aos 1.500 metros de altitude; a impresionante falla tectónica pola que discorre o río Caldo; a mole compacta da Serra de Santa Eufemia padroa da cidade de Ourense; e, por fin, logo de cruzar o gran río, o Monte do Quinxo, terra espida e áspera onde pacen os cabaliños bravos e imperan as mil formas caprichosas do granito. Polas costas, invisible por tras dunha longa pendente, vai a montaña de Queguas, prolongación final da Serra do Leboreiro; morfoloxías de dondos e avultados lombeiros cicelados sobre rochas metamórficas que ocultan aló no alto o mundo superior herboso e húmido que os lusitanos chaman Planalto. Ademais desas espectaculares paisaxes tamén eramos conscientes de que aquel territorio era un importante reduto de biodiversidade; non só polas moitas especies de fauna rara, ameazada ou de gran tamaño que vivían alí (caso de lobos, corzas, londras ou aguias reais), senón tamén porque, ademais do forte gradiente altitudinal que condiciona neste territorio montañoso a vida vexetal en cada un dos “pisos bioclimáticos” resultantes, estabamos no encontro de dous mundos ou rexións bioxeográficas moi diferentes: a Eurosiberiana e a Mediterránea, o que convertía a aquel territorio límite nunha zona privilexiada dende o punto de vista da flora, con presenza de especies tipicamente atlánticas como carballos, pereiras bravas, toxos ou queirugas; xunto a outras tipicamente mediterráneas como sobreiras, érbedos, loureiros, trobiscos ou xaras.

 Pena de Anamán, na raia do Leboreiro.
Pena de Anamán, na raia do Leboreiro. | Xosé Benito Reza

Por todas estas cousas en febreiro de 1993 declarábase o Parque Natural da “Baixa Limia-Serra do Xurés” con 20.920 hectáreas nos concellos citados, que logo se ampliarían ata as 29.345 de hoxe con parte dos de Lobeira, Bande e Calvos de Randín; conformando así, xunto co seu veciño o Parque Nacional da Peneda-Gerês, a maior área protexida transfronteiriza de toda raia con Portugal e a segunda da península logo do Parque Pirenaico das Tres Nacións; con preto de cen mil hectáreas de superficie (98.935 has), superando así ao Parque Natural do Douro Internacional (86.840 has) e ao do Texo Internacional (51.572 has). Ademais, o espazo protexido foi declarado no 2004 como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e incluído tamén na relación de Lugares de Interese Comunitario (LIC) da Rede Natura 2000 (o gran proxecto europeo para a conservación da natureza), xunto coas terras altas dos concellos de Verea, Quintela de Leirado e Padrenda; pechando así o gran arco que configura pola outra banda o parque nacional portugués nunha superficie de 33.920 has. Posteriormente, o ano 2014 a Xunta de Galicia declararía todos estes LIC Zonas de Especial Conservación (ZEC), acadando así o seu status definitivo a Rede Natura galega.

Por último, a UNESCO, logo de analizar o documento que presentamos no 2008 cos nosos colegas portugueses ante a Secretaría do Programa MaB (Man and Biosphere) en París, acordou na súa reunión anual celebrada en Corea do Sur no 2009 aprobar a Reserva da Biosfera Transfronteiriza “Gerês- Xurés” coa superficie total dos concellos que integran os dous parques e onde Galicia aporta o 23% da área total. Cumpríase así unha vella aspiración compartida entre Lisboa e Santiago que iniciaramos en 1997 coa sinatura do acordo de cooperación de Portela do Home e avalada polo presidente da Federación Europea de Parques Nacionais e Naturais de Europa (EUROPARC) que ata alí se desprazou; acordo ratificado dez anos máis tarde no mesmo lugar polos secretarios de estado de Medio Ambiente dos gobernos portugués e español.

 A aldea de Salgueiros (Muíños).
A aldea de Salgueiros (Muíños). | Xosé Benito Reza

Reivindicando

Por todo o antedito, non hai en Galicia unha zona protexida tan extensa nin con tantos títulos e recoñecementos; e, por esa razón, non se entende que a administración competente na xestión deste espazo teña desistido de moitos dos seus compromisos e responsabilidades para con este parque natural e coas xentes que viven nel e son os seus propietarios; abandonando proxectos estratéxicos como eran o Camiño Natural da Vía Nova que pretendía unir o Xurés co Parque Natural da Enciña da Lastra ou a aldea ambiental de Salgueiros en Muíños onde se fixo unha inversión millonaria a comezos de século. E máis chama a atención esa desafección cando noutros territorios como a Ribeira Sacra a administración autonómica está a facer e dende hai ben anos, nunha acción concertada con outras administracións, fortes investimentos para a defensa e promoción das paisaxes e dos valores naturais e culturais daquel territorio, apoiando a propietarios e emprendedores con importantes axudas e subvencións; digo isto, por suposto, sen intención ningunha de desmerecer os extraordinarios valores naturais e culturais daquela zona, nin o encomiable labor que está a facer o seu consorcio dende hai vinte anos, axudando así a que cheguen alí eses fondos.

Nas dúas próximas entregas falaremos das paisaxes e da vida silvestre que mora nestas montañas da raia.

Miradoiro do Pedreiriño (Entrimo)
1/12 Miradoiro do Pedreiriño (Entrimo). | Einibó fims
Foxo de Guende (Xurés)
2/12 Foxo de Guende (Xurés) | David Simón
Marco das Catro Cruces (Leboreiro)
3/12 Marco das Catro Cruces (Leboreiro) | La Región
Salgueiros 3
4/12 Salgueiros | La Región
Salgueiros 2
5/12 Salgueiros. | La Región
Salgueiros 4
6/12 Salgueiros. | La Región
Salgueiros (Muíños)
7/12 Salgueiros (Muíños) | La Región
Río Barcia ou Leboreiro
8/12 Río Barcia ou Leboreiro | David Simóm
O Xurés dende O Quixo
9/12 O Xurés dende O Quixo. | La Región
DSC_0744
10/12 Gran Rota Transfonteiriza Xurés - Geres.
Mirador do Pedreiriño (Entrimo)
11/12 Mirador do Pedreiriño (Entrimo) | EINIBÓ FILMS
O Xurés
12/12 O Xurés. | EINIBÓ FILMS

Contenido patrocinado

También te puede interesar

Lo último

stats