Da ingua á ponte das cepas

PINGAS DE ORBALLO

Publicado: 30 ago 2026 - 05:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Non hai dous sen tres. Eramos poucos e pariu a avoa. Así, expresións ou ditos semellantes poderían servir para sinalar que, o mesmo día que fixen cun fillo dúas andainas por Entrimo -a das Pozas do Mallón e a do Pozo Caído-, realicei cun irmán outra en Baños de Molgas. E iso a pesar de que, pola zona da ingua esquerda, levaba un bo tempo -xa cando fixemos a andaina ó Pozo Caído- notando unha certa dor aguda.

Pero, como na visita que lle fixen ó irmán este non sabía que facer ata que chegase a hora de ir cear o polbo ós Milagres, non quedou outro que dar un paseo que, pouco a pouco, se foi convertendo en media andaina ou, se se quere, nunha visita turística á ponte das Cepas. Iso si, fomos no coche ata a estación do ferrocarril e, desde alí mesmo, emprendemos o camiño pola propia vía do tren. Aquilo xa me retrotraeu, me remontou ó pasado da infancia: a cando iamos colocar coios sobre raíl para ver como, ó pasar o tren, este os esnaquizaba nun amén.

Sabendo que agora xa non circulan os trens -desviaron o percorrido por Santa Eufemia por mor do AVE-, metémonos por debaixo do túnel de Bouzas. E, a pesar de que xa se vía a claridade do día na outra punta, houbo que botar mans das lanternas dos móbiles.

Foi rematar de atravesar o túnel e atoparnos coa maxestade da ponte das Cepas

Foi rematar de atravesar o túnel e atoparnos coa maxestade da ponte das Cepas, o viaduto que se construíu a mediados do século XX entre dous túneles, o citado de Bouzas e o de San Pedro, e cunha altura no arco central de 48 metros, máis alto mesmo que o de Ourense, que ten 45.

Logo de deixar caer uns cantos coios ó río Arnoia -como se fósemos aqueles nenos dos anos 60 e 70-, volvemos para Baños de Molgas pola carrilleira de toda a vida, aquela que levaba ó muíño do Dositeo.

Xa me esquecera da dor da ingua.

Contenido patrocinado

stats