Os pequenos mouros e cristiáns piden paso na Saínza

FUTURO GARANTIDO

A Romaría da Saínza entrou na fin de semana coa recuperada recreación infantil do combate e o emocionante asalto ao castelo, preludio da gran xornada festiva deste domingo

Independentemente do resultado final, a cativada xuntouse trala batalla para a foto de familia.
Independentemente do resultado final, a cativada xuntouse trala batalla para a foto de familia. | C.L.M.

A Romaría da Saínza viviu este sábado unha das súas xornadas máis emotivas coa esperada recuperación de “O meu primeiro combate de mouros e cristiáns”. Tras anos sen celebrarse, a novena edición desta recreación infantil volveu cubrir de ilusión o Campo do Castelo, garantindo a necesaria remuda xeracional dunha celebración con case dous séculos de historia.

Sobre o inmenso escenario da batalla, a cativada ocupou os seus postos coa seguridade de quen coñece ao detalle as esixencias do espectáculo. Coa axuda dos capitáns adultos, baixo a guía da narradora e a atenta mirada da veciñanza, os pequenos exércitos movéronse con áxil determinación. O intrépido capitán cristián e o orgulloso rei mouro protagonizaron parlamentos e escaramuzas que poñen o listón ben alto para os adultos.

Independentemente do resultado final, a cativada xuntouse trala batalla para a foto de familia.
Independentemente do resultado final, a cativada xuntouse trala batalla para a foto de familia. | C.L.M.

A tarde continuou coa solemnidade da procesión da Nosa Señora da Mercé dende a Capela da Saínza ata a igrexa de San Xoán. Xa pola noite, a animación musical da orquestra Triunfo serviu de antesala ao momento de maior dramatismo da noite. Pouco antes da medianoite, o exército cristián desfilou cara ao campo de batalla para dar paso á XIX Noite Moura. Baixo a luz da lúa chea, as tropas sarracenas executaron o tradicional asalto á fortaleza, logrando tomar o castelo e deixando o escenario preparado para a loita definitiva. A festa no campo prolongouse coa orquestra América S.L. e o grupo Triunfo.

Este domingo, o gran combate

A batalla en miniatura foi igual de vistosa.
A batalla en miniatura foi igual de vistosa. | C.L.M.

A Romaría da Saínza afronta este domingo o seu día grande. A programación arranca ás 11,00 horas coa descarga de bombas de palenque, previa á saída da procesión dende a igrexa de Rairiz cara ao Castelo, acompañada pola Escola de Gaitas Municipal. Despois da misa solemne no campo de batalla, ás 12,45 dará comezo o emblemático gran combate, onde o exército cristián loitará por reconquistar a fortaleza tomada polo bando mouro a noite anterior. A xornada completaráse coa música da charanga Los Támega, a homenaxe ás persoas destacadas da romaría e o peche de ouro a cargo da man da París de Noia.

Contenido patrocinado

stats