Expertos abordarán no Riós a situación do sector da castaña

DÚAS XORNADAS

O edificio multiusos do Riós acolle este venres e sábado un novo Foro da Castaña, con charlas técnicas e visitas de campo

O multiusos do Riós volverá acoller os relatorios da primeira xornada este venres.
O multiusos do Riós volverá acoller os relatorios da primeira xornada este venres. | La Región

O concello de Riós acollerá os días 2 e 3 de outubro a quinta edición do Foro da Castaña, unha cita organizada pola Deputación a través do Inorde, en colaboración co Concello e a Consellería do Medio Rural. O encontro reunirá a especialistas e profesionais do sector no edificio multiusos para debater sobre o presente e o futuro deste cultivo estratéxico, así como sobre os retos do seu desenvolvemento sustentable.

A xornada inaugural arrancará o venres 2, ás 10,30 horas, coa participación do presidente do Inorde, Rosendo Fernández; a directora xeral de Ordenación e Xestión Forestal, María Luísa Piñeiro, e a alcaldesa do Riós, Eva Barrio. Ao longo do día, diversos expertos abordarán temas clave como a situación actual da avespiña, os castiñeiros no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, a innovación alimentaria con ingredientes funcionais e o impacto da domesticación do cultivo na Indicación Xeográfica Protexida. A sesión teórica completarase con charlas sobre a comercialización da madeira e a presentación do proxecto Chesnutcare fronte ao cambio climático, culminando cun espectáculo de cociña en directo a cargo de Begoña Vázquez, premio Cociñeira Galega 2024.

A actividade continuará o sábado 3 cunha saída en autobús ás 9,00 horas para realizar unha visita técnica á Sociedade Cooperativa Galega Amarelante e ao castiñeiro de Pumbariños en Manzaneda. O foro finalizará cunha demostración práctica sobre o uso de maquinaria agrícola para a recollida mecanizada do froito.

Inscricións

As persoas interesadas en asistir aínda están a tempo de formalizar a súa solicitude, xa que o prazo de inscrición permanecerá aberto ata este mércores 30. A participación no evento é totalmente gratuíta, pero cómpre inscribirse previamente, xa que as prazas son limitadas, no Centro Agroforestal do Inorde, chamando ao 988 317 951 ou enviando un correo a centroagroforestal@inorde.com.

Contenido patrocinado

stats