A adulteración do viño no século XIX

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Todos lembramos o problema da colza de comezos dos anos 80, que provocou milleiros de mortos en España, así como o “caso do metílico” dos anos 60, que lle afectou especialmente en Ourense. Sen embargo, a “fucsina” perdéusenos no tempo

Distintas escenas da produción e comercialización do viño do Ribeiro en imaxes do Museo Galego do Viño e outras.
Distintas escenas da produción e comercialización do viño do Ribeiro en imaxes do Museo Galego do Viño e outras.

A chegada adiantada das vendimas no Ribeiro sérvenme de desculpa para afondar sobre un termo descoñecido para min e que encontrei na hemeroteca dixital hai un tempo, de forma casual: a fucsina ou fucshina, que das dúas maneiras se fixo popular a finais do século XIX, e non só en Ourense e no resto de Galicia, senón polo territorio nacional, que só comezou a tomar conciencia do problema a partir de que Francia lle pediu explicacións ó goberno español para que freasen o fraude que arredor do viño se estaba a xerar.

Que, xente aproveitada, oportunistas sen conciencia, outros sen escrúpulos, falsarios sen remordemento e temerarios sen empatía co resto da sociedade, téñense dado sempre no mundo dos negocios, ó longo da historia, e teñen provocado en moitos casos auténticos episodios de afectación colectiva debido á súa mala praxe, chegando a ocasionar traxedias de difícil solución, sobre todo cando tocan temas tan sensibles como o da saúde.

Probablemente non rematariamos se nos puxésemos a contabilizar casos que se manteñen na memoria e que teñen que ver coa avaricia de empresarios que por incrementar o rendemento dos seus productos teñen sido capaces de atentar contra a saúde dos anónimos e confiados consumidores expostos a unha ignorada morte dun xeito tan impune como criminal.

Pola súa conexión coa provincia e a relativa cercanía temporal, mentei os casos tristemente paradigmáticos da adulteración do aceite de oliva con aceites destinados á actividade industrial -o coñecido aceite de colza- ou aqueloutro no que a augardente foi adulterada con alcohol metílico e puxo en risco a saúde -cando non matou- a ducias de ourensáns.

A memoria selectiva non nos dá para lembrar, sen embargo, un proceso semellante que tivo lugar a mediados dos anos setenta do século XIX, cando alguén descubriu un produto que se extraía do carbón de rocha e que tratado quimicamente dun xeito atinado remataban sendo un magnífico colorante que inicialmente foi utilizado para a industria téxtil, ata que algún espabilado decatouse de que tamén podería servir para axudar a incrementar o prezo do viño tinto, daquela valorado especialmente pola intensidade e a brillantez do seu color “violado”.

Non era nova a dinámica de tratar de darlle maior graduación e outras propiedades ó viño, incorporándolle engadidos máis ou menos naturais ou máis ou menos inocuos, como “las moras, las bagas de saúco o las cochinillas”, que todo ía parar ó fermento do elixir vínico, pero, outra cousas era incorporar o colorante industrial, con compoñentes arsénicos e que, polo tanto, non tardou moito e facer aflorar os seus efectos perniciosos a través do deterioro da saúde daqueles que o consumían con maior intensidade e cotidianidade, pois comezaban a poñérselles as orellas vermellas, como interludio doutras eivas corporais que podían chegar incluso á morte.

Así o denunciou o xornal coruñés “El Telegrama” o 12 de xullo de 1878, ó inserir a seguinte información: “Muchas son las desgracias que ha habido en la provincia de Orense a consecuencia de la adulteración del vino. Según carta que tenemos a la vista, muchas son las enfermedades que alli se han desarrollado por efecto de las malas condiciones de dicho líquido, que en vez de dar salud destruye el estómago y concluye con la vida.

Damos esta noticia, non con objeto de producir alarma, si no con la sana intención de que nuestras autoridades despierten del letargo y sometan a un escrupuloso examen todos cuantos caldos entren en esta capital. Que no se diga que aquellos que deben velar por nuestra salud pública nos dejan morir envenenados por la fucsina”.

A nivel de Galicia, aquel que máis fixo por atopar remedios para detectar a adulteración foi o boticario noiés Jovita Labarta, quen descubriu un método case doméstico e suficientemente fiable como para permitirlle á xente comprobar o grao de pureza do viño denantes de atreverse a botarlle un grolo.

Que era concretamente a fucsina e cómo lle afectaba “a un hombre robusto de 50 años”

Carimbo da Sociedade Económica de Amigos do País, de Santiago.
Carimbo da Sociedade Económica de Amigos do País, de Santiago.

O “método Labarta” foi avalado pola Sociedade Económica de Amigos do Pais” de Santiago de Compostela e aínda que logo apareceron outros dotados de maior ou menor fiabilidade, acabou sendo un ensaio de referencia para dentro e fóra de Galicia.

É certo, segundo denunciaron os xornais da época, que as autoridades españolas estiveron relaxadas, ata que Francia prohibiu a importación de viños. Entón sociedades científicas e o Ministerio de Hacienda publicaron estudos e editaron decretos que conseguiron divulgar os graves efectos que provocaba a adulteración na saúde e diminuír a práctica delictiva ata erradicala definitivamente.

Un destes estudos avalouno a Sociedade Matritense en 1878, e resulta interesante porque ademais de resumir a procedencia da fucsina, puxo un exemplo práctico de como lle afectaba o seu consumo ó ser humano.

A denominada “fucsina roja” ou “violado de anilina”, extráese “del carbón de piedra, mezclándole el doble de la cantidad de aquella con hidrato de arsénico, de lo cual resulta un producto industrial o caramelo llamado glucosa colorada, que se encuentra en el comercio en forma de granitos de sal común” e dela din os científicos que “produce una de las enfermedades más terribles de la humanidad: la albumuneria”.

A falta de datos estatísticos sobre a xente que morreu en Galicia daquela -e dun xeito especial en Ourense-, vexamos como lle afectou o consumo cotiá do viño adulterado a un home adulto: “Que un hombre robusto de 50 años bebió en ayunas 200 centímetros cúbicos de vino que contenían 50 centígramos de fucsina pura en disolución. Al cuarto de hora se le pusieron las orejas de un color rojo intenso, las encías se le entumecieron, con tendencia a frecuente salibación. El color de la orina, a las dos horas, era de un rojo muy subido de fucsina.

El mismo día consumió durante doce mañanas un litro de vino intervenido en cada una, produciéndose menos coloración en la orejas, pero más picazón en la boca. Al octavo día sitió quemazón en las orejas y al undécimo apareció diarrea con depósitos del color de la fucsina, y al duodécimo cólicos fuertes seguidos de numerosas evacuaciones conteniendo albúmina.

Suspendido el tratamiento, el paciente pudo restablecerse al cabo de dos días”.

Contenido patrocinado

stats