Os Calvo Sotelo e os “señores de Sorga”

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Trazando as derradeiras curvas de ferradura que serpentean na subida cara ó monte do Forriolo, á procura da planicie de Antela, atópase unha vella casa grande, hoxe practicamente derruída, que atesoura silandeira a memoria soterrada dos Sotelo

Fotografías familiares dos dous Calvo Sotelo e imaxe do centenario expresidente intervindo no Congreso dos Deputados.
Fotografías familiares dos dous Calvo Sotelo e imaxe do centenario expresidente intervindo no Congreso dos Deputados. | La Región

A conmemoración do centenario do breve pero eximio expresidente do Goberno, Leopoldo Calvo Sotelo, fíxome revivir unha vella historia desas que aniñan no silencio dos tempos idos e que están aí, sen facer ruído, pero están, malia que ninguén as mente. Este é o caso de que, aínda que a relación do sobrio expresidente e do exministro e logo malogrado tío, procedan, pola torgueira dos Calvo á vila de Ribadeo, é tempo de relembrar que os Sotelo eran profundamente ourensáns, concretamente de Sorga (A Bola).

O día 3 de decembro de 1925 o ditador Miguel Primo de Rivera elevou a ministro de Hacienda a un mozo de 32 anos chamado José Calvo Sotelo, quen despois de ter alcanzado o primeiro posto nas oposicións á Avogacía do Estado e de adquirir unha sólida formación sobre a función pública e sobre administración do Estado, mergullouse de contado no proceloso e perigoso mundo da política no que tanto significaría para o futuro da historia de España, accedendo por primeira vez ó Congreso dos deputados como candidato polo distrito do Carballiño.

Días despois daquel discutido nomeamento, debido á súa xuventude, os veciños “de la parroquia de Sorga y de otras pertenecientes al municipio de La Bola” escribíronlle unha carta que sería publicada neste xornal un mes despois xunto coa correspondente contestación do ministro, na que o felicitaban por ter chegado “a ocupar uno de los puestos más altos y difíciles en los actuales momentos”, manifestándolle ó mesmo tempo o seu “ferviente entusiasmo y cordial enhorabuena a V.E. y a sus distinguidos y afortunados padres a quienes recuerdan con el grato nombre de los señores de Sorga”.

Semanas despois, procurando tempo de onde non o tiña, o novo e cortés ministro remitiulles acuse de recibo “para hacerles presente mi profunda gratitud, tanto por las frases de elogio hacia mí, como por la delicada atención que han sabido ustedes tener respecto de mis queridos padres, motivos ambos que vienen a acrecentar los que ya tenía para recordar siempre con afecto a los buenos amigos de la parroquia de Sorga y en general del municipio de La Bola”.

Con esta comunicación protocolaria de ida e volta, ministro e veciñanza non viñan senón a realimentar unha longuísima historia que se perdía nos tempos dende moito antes de que no século XVII fose levantada a casa grande por Tomás Pungín de Novoa, “capitán de los ejércitos del Rey, natural de la Valenzana y fundador del vínculo que lleva por título nobiliario, señores de los cotos de Sorga y Lodoselo y el cual corresponde en la actualidad a ostentar a los señores de Sotelo”, segundo escribiría, tamén neste xornal pero en xullo de 1938 polo segundo cabodano do seu asasinato, Isabel Noguerol.

Neste artigo, que a tal Isabel asina como “directora por oposición de Grupo Esolar”, dá conta dos derradeiros Sotelo que habitaron o pazo de Sorga —que aínda conserva, por certo, o escudo de armas—, indicando que o último corpo soterrado no panteón familiar foi en 1848 o de Joaquín Sotelo, cura-párroco de Sorga e tío en segundo grao do que fora ministro, mentres que doutro Joaquín Sotelo, de segundo apelido Valledor e avó do político conservador, consérvase a acta de nacemento no arquivo parroquial.

Se foi esta ou o mero sentido da oportunidade política a razón pola que o Calvo Sotelo se presentou, primeiro polo Carballiño e despois en diversas ocasións por Ourense, descoñézoo, como descoñezo tamén se o seu sobriño e xa centenario expresidente, Leopoldo Calvo Sotelo, tivo vagar de achegarse algunha vez por estas terras montesas do Forriolo, a través das que, dalgún xeito viviu unha segunda versión do contacto epistolar, aínda que no seu caso non foron os veciños de Sorga senón os da capitalidade da comarca, os que lle enviaron felicitacións, pero para pedirlle que mirara polo mosteiro celanovés e froito do cal foi acelerada a súa restauración, a consecución do premio “Hispania Nostra” e a instalación dos Institutos.

“Aquí jaz Jan Feyjoo, escudeyro, bon fidalgo e verdadeiro, gran caçador e monteyro”

Se lle damos para atrás ó tempo e imos á procura dos primeiros “señores de Sorga”, adentrariámonos nun espeso souto de nomes e apelidos, de casamentos e de herdanzas que se mesturan con moitas das familias fidalgas e poderosas, non só da provincia de Ourense, senón tamén do resto de Galicia.

Un enxame que nos conduce dun xeito especial ó apelido Feijóo con tódalas súas variantes -que son moitas- e de entre os que imos extraer ó singular Juan Feijóo de Prado “El Bueno”, que estivo casado coa irmá do “señor de Xocín”, Aldonza Rodríguez Sotelo, “a quien correspondió el coto de Sorga por una donación de Mendoza Sotomayor Sotelo”, segundo informa “Cruzbanco” nun foro de xenealoxía sobre esta estirpe provincial.

Vista do pazo e escudo cos brasóns dos Feijóo, Puga e a cruz dos Sotelo.
Vista do pazo e escudo cos brasóns dos Feijóo, Puga e a cruz dos Sotelo. | La Región

A razón de tal selección ten que ver cunha campa sepulcral que se conserva no Museo Arqueolóxico de Ourense e que estudou Óscar Montero Feijóo para unha das “pezas do mes” que esta institución edita periodicamente co fin de divulgar a riqueza patrimonial do devandito e desgraciadamente pechado museo.

A pedra, alongada e piramidal procede do mosteiro de Celanova e reproduce o escudo dos Feijóo, aínda que sen a espada que separa os “besantes” ou círculos heráldicos que o identifican, e a dicir do historiador, a devandita inscrición fálanos dunha persoa “pertencente á baixa nobreza (fidalguía)”, señor dun couto e, polo tanto, vixía de terreos vedados para a actividade da caza por parte do campesiñado, que cobra rendas e servizos pola forza en nome, neste caso, do mosteiro de Celanova.

Para Montero Feióo, “o feito de que se destaquen na inscrición as súas calidades cinexéticas non é algo casual” na mentalidade baixomedieval, onde abondan as representacións que abordan o tema da caza como exaltación das virtudes do milites cristián que se enfronta á besta, lobos, xabarís, etc.

Consecuentemente, di Montero, “non é infrecuente atopar este tipo de escenas en sepulcros”, nos capiteis das igrexas e, por suposto, nos abundantes tratados de montaría, polo que a campa sepulcral do escudeiro Jan Feyjoo é un documento que nos aproxima ao coñecemento da mentalidade dunha época e á personalidade dun home do seu tempo que, en todo caso, presumía de ser “escudeiro, bon fidalgo e verdadeiro, gran cazador e monteiro”.

Contenido patrocinado

stats