CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Cándida Loureiro e a Galicia remedada
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Os sapos que un bo fato de arxentinos esgarraron contra os españois trala final do mundial fixéronme botar a vista atrás e reparar nas fobias e as xenreiras das que o pobo galego foi vítima, non só na Arxentina senón noutros países onde asentaron colonias de galegos nos séculos XIX e XX, pois aínda que na memoria ten quedado instalado o ben que fomos acollidos, non sempre foi así, como ben demostra o rol representado por esta Cándida Loureiro que fixo rir -é da que se mofaron- ós arxentinos nos anos 40 e 50.
Quen foi esta Cándida Loureiro Ramallada, estará preguntando vostede arestora. E eu tratarei de resumirllo nesta páxina, que non pretende realimentar liortas pasadas, senón, simplemente contar unha pequena historia.
Comecemos por especificar que a tal Cándida, por non ser, nin foi un personaxe real, por máis que chegase a ser coñecida e seguida por unha gran parte da sociedade arxentina da década dos corenta do pasado século cando, primeiro a través das ondas de radio e logo na escuridade colectiva das pantallas de cine a onde acudían os arxentinos e tamén os milleiros de galegos que residían no país para entreterse nos días de ocio.
Foi en 1939 cando a súa figura foi dada a coñecer para o gran público arxentino, non sen antes ter sido creada por unha actriz de orixe asturiano chamada Marina Esther Traveso e nacida en 1903, que subiu ó cumio da sétima arte co nome de Niní Marshall e que chegou a ser coñecida como a gran dama da comedia arxentina, sendo cualificada como a “Chaplin con faldas”.
Crecida nun ambiente familiar ben posicionado, malia que seu pai faleceu cando ela aínda era nova, e dotada dun don especial para saber facer rir ademais de gran facilidade para os idiomas, a raíz das primeiras incursións como “actriz radial” tomou como modelo a unha moza galega chamada Francisca, que levaba anos traballando no servizo da casa e, acostumada a escoitar o seu singular acento e a forma non menos particular de expresarse, creou un personaxe ó que lle puxo o nome de Candida Loureiro Ramallada, que comezou a ser coñecida entre os seguidores radiofónicos de Bos Aires, o que ocasionou que ó pouco tempo lle chegase a oferta de dar o salto á gran pantalla cunha produción titulada precisamente “Cándida” protagonizada polo trasunto de Francisca, co que logrou, non só saltar á fama, senón tamén evidenciar unha problemática que a emigración galega viña sufrindo dende a chegada masiva das xentes humildes que fuxían da fame e da inanición en Galicia.
O éxito deste primeiro film levou a Nini Marshall a protagonizar media ducia de películas con “Cándida” como protagonista, o que incomodou a unha gran parte da colectividade galega que se sentía humillada ó verse representada naquel rexistro tan irreverente para todos cantos buscaban un lugar entre a sociedade bonaerense.
Abonda con coller un fragmento da revista Hispánica de xaneiro de 1941, con motivo da proxección da película nun acto da sociedade de Beneficencia galega, para decatármonos de como foi acollido o personaxe a través da pantalla:
“...si los valores morales deben ser considerados como superiores, entonces ‘Cándida’ es una cinta admirable que honra a las mujeres de nuestra tierra y merece el aplauso de los gallegos; ahora, si hemos de darle preferencia al triunfo de la intriga, de la desvergüenza y de la ausencia de toda idea del deber..., entonces ‘Cándida’ denigra a nuestra tierra ¿Estamos?”.
Esta visión sobre a emigración galega foi motivo de preocupación por parte dos directivos das diversas colectividades organizadas en Bos Aires, algo que se viu incrementado coa chegada dos intelectuais exiliados trala guerra civil, que ademais de campañas informativas e formativas levaron a cabo outras moitas iniciativas para evitar esa ridiculización da que era obxecto unha colectividade traballadora e humilde que, sen embargo, quedaría inmortalizada nos “Chistes de gallegos”.
Sería un atrevemento pola miña parte pretender comprimir neste breve espazo tantos e tantos traballos realizados por historiadores e especialistas que abordaron esta cuestión derivada da emigración masiva dos nosos conterráneos a un lugar tan afastado do seu mundo iniciático como era a Arxentina de finais do século XIX ata mediados do século XX.
Boto man, entón, dunhas consideracións vertidas na revista Madrygal polo historiador arxentino, Ruy Farías arredor da imaxe do inmigrante galego naquel país nesa época.
Segundo afirma o investigador, “es ya un lugar común referirse al estereotipo negativo que en la Argentina envolvió durante mucho tiempo la condición de ser natural de Galicia”, citando ó tamén historiador, neste caso ourensán, Xosé Manuel Núñez Seixas, para aseverar que o uso pexorativo do xentilicio “gallego” ten sido rastrexado no Río da Prata xa en tempos tardocoloniais.
Isto viuse exacerbado a partir da chegada masiva “de inmigrantes galaicos, en su gran mayoría campesinos analfabetos”, o que provocou unha reactualización dos antigos tópicos despectivos, xa que “al ser muchos y poco preparados, los gallegos, al desempeñar toda una serie de ocupaciones en el sector terciario urbano de gran exposición el público, se hacían notar aún más”.
Esta circunstancia fixo que a súa presencia chegase a ser caricaturizada en moitas representacións escénicas, como foi o caso paradigmático da “Cándida” de Niní Marshall.
Unha Niní Marshall á que non todo lle foi un camiño de rosas debido fundamentalmente a dous episodios que marcaron negativamente, non só a súa traxectoria artística, senón tamén a súa vida.
O primeiro tivo lugar en 1943, coa chegada da ditadura militar que a declarou proscrita por considerar que deturpaba o idioma coas súas representacións paródicas e prohibiu a súa contratación en teatros e tamén na radio.
A segunda foi en 1950 cando o todopoderoso Perón acusouna de arremedar á intocable Evita nun cabaret vestida de prostituta. Nunca se demostrou a veracidade daquela representación, pero a actriz tivo que emigrar a México e non retornou ata a caída do peronismo, pero xa nada foi o mesmo, aínda que continuou traballando como actriz, falecendo en 1996, ós 93 anos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Cándida Loureiro e a Galicia remedada
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: lunes, 27 de julio
Lo último
AUMENTO DEL 315%
Perú, Colombia y Cuba abanderan la explosión migratoria en Ourense
CAMPO DA FEIRA
Perú festeja su día de la independencia en Ourense
FUERTE DEMANDA
La escasa vivienda disponible limita el alquiler en O Barco
Sonia Torre
¡UN CAFÉ SOLO!
El dolor del fuego