ARTESANÍA
Cuatro siglos creando campanas a mano
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Non logrei dar coa súa data de nacemento, pero o que si documentei foi que en 1894 entrou na Habana a bordo do vapor español “Madrileño”, como tamén documentei que mentres no ano 1903 o Consulado Español andaba á procura do seu paradoiro, el xa debía ter chegado á pequena “Isla de Pinos”, situada ó suroeste da illa nai, negociando o encargo de xestión dunhas augas mineiro medicinais que abrollaban nun lugar case sagrado para os poucos habitantes do atolón.
Como chegou a interesarse por tan afastado emprazamento, como logrou acceder a el e, sobre todo, como convenceu ó alcalde revolucionario do pequeno illote e ex-escolta do falecido líder da revolución, Antonio Maceo, para que lle permitise embotellar e comercializar as augas salutíferas que abrollaban dun manancial situado a carón do regato Santa Fe, tamén é unha incognita.
O que xa non é tanto enigma, porque está ben documentado, é que tan só dous anos despois, o intrépido ourensán xa estaba estudando o modo de transportar aquelas augas á capital, rexistrando a marca comercial “La Cotorra” -como homenaxe á principal ave poboadora da illa-, e xa comezara a abrir mercado na Habana ó adquirir unha serie de tanques nos que a auga era transportada en goletas dende a pequena illa de Pinos ata o porto de Batanabó, xa en territorio firme cubano, e dende alí ata a capital antillana.
Loxicamente a empresa non lle resultou doada, o cal non obstou para que vencera ó seu tesón e, coa canle de distribución xa organizada, traballou na construción dunha planta de embotellado que lle permitiu, en moi pouco tempo, facerse co mercado do consumo de augas minerais, non so da Habana, senón de toda a illa cubana.
A medida que o negocio crecía dun xeito exponencial e dado que as augas de Santa Fe non eran suficientes para a demanda, no prazo de dez anos logrou facerse cuns terreos situados nun pequeno outeiro situado sobre a baía da capital onde tamén había varios mananciais coñecidos como “Chorrito del cura”, na “Loma de la Cruz”, instalou unha moderna planta de embotellado e un adiantado sistema de distribución, primeiro en carros de tiro e despois en camións, que lle permitiu chegar coa auga a practicamente tódalas localidades importantes da illa.
En 1923, a dirección de Sanidade clasificou as augas como de primeira calidade e recomendou o seu consumo gracias ás propiedades beneficiosas para o “aparato digestivo y las dispsepsias”. Entón, Conde Cid decidiu abandonar os afastados mananciais da “Isla de Pinos” e centrarse na explotación das augas de Guanabacoa, onde se fixo cunha extensión de máis de 125 mil metros cadrados e montou un complexo que dedicou non só ó embotellado das augas, senón tamén a outros negocios que probablemente lle rentaron tantos beneficios coma o negocio matriz.
O principal acadouno en 1912, ó lograr o marchamo de distribuidor único da cervexa inglesa “Dog’s Head” e “Guinness” negra, coa que tamén puxo en práctica un exitoso plan de mercado, chegando a promover o consumo da cervexa polas nais no tempo de amamantar ós fillos, porque a malta seica tiña propiedades beneficiosas para fortalecer ás criaturas.
Premios anuais para aquelas que demostraran o seu consumo, torneos financiados pola cervexa e un equipo de fútbol fixeron de Claudio Conde -negociante tamén de gando- un dos ourensáns máis populares de Cuba, ata que “chegou Fidel e mandou parar”.
Aínda que o termo “indiano”, tan asumido e usado noutros lugares do norte de Galicia, non se asentou na provincia de Ourense, isto non quere dicir que emigrantes coma Claudio Conde Cid e outros moitos ourensáns que teñen quedado retratados nestas crónicas, non respondan ó mesmo perfil de benfeitores, non só nos lugares onde fixeron fortuna, senón tamén nas súas terras natais.
No caso deste allaricense de Vilaboa, a vea filantrópica, igual có manancial das augas que o ía enriquecendo, xurdiulle pronto na Habana coma un dos principais promotores do colectivo “Unión Orensana” do que foi o segundo presidente e que ten deixado pegadas na provincia coma os terreos onde está instalado o Colexio Curros Enríquez da cidade ou a casa natal do poeta en Celanova, sen esquecer multitude de iniciativas sociais, culturais e deportivas da Habana por tras das que estaba algunha das marcas comerciais de Conde Cid, xa fosen as augas ou as cervexas.
Con todo, non se librou dalgunhas xenreiras, como a provocada trala estadía de Basilio Álvarez na Habana, que levou a Claudio Cid a promover unha captación de fondos para mercarlle unha rotativa ó xornal “Acción Gallega” que o cura agrarista editaba en Madrid.
Non sei se como consecuencia directa das diferencias políticas ou por antipatía persoal, o caso é que o anónimo corresponsal de “La Región” daquela na Habana, chega a acusar a Conde de usurpador da presidencia da Unión Orensana, cualificándoo de “mentecato”, “imbécil” e “cacique” ó que “el látigo o el puntapié se encargarán de derribarlos”.
Ou cando, durante unha estadía de Claudio na súa aldea natal, a finais de 1920, un mozo de 18 anos ameazouno con voarlle a casa con dinamita se non lle entregaba 12 mil pesetas.
Por fortuna para el e para os veciños de Allariz, nin o mozo tivo o éxito pretendido porque foi capturado, nin os veciños de Allariz tiveron esa percepción, pois Claudio Conde foi un dos promotores da fundación do Colexio dos PP Salesianos na vila do Arnoia, e, no ano 1954 e entregarlle 5 millóns de pesetas para a creación dunha fundación que se encargase de xestionar o centro.
Por este e outros compromisos de Conde Cid con Allariz, o 28 de agosto de 1954 foi nomeado fillo predilecto da vila, na compaña da súa dona María Conde Fidalgo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ARTESANÍA
Cuatro siglos creando campanas a mano
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Claudio Conde e as augas “La Cotorra”
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: lunes, 2 de febrero
Lo último
Rosendo Luis Fernández
Es el sanchismo, estúpido
Chito Rivas
RECUNCHO HEBDOMADARIO
O verdadeiro Robinson Crusoe