O crime de Allariz e a prisión de Ceuta

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

O estado de permanente actualidade e de preconflito no que convive Ceuta fíxome volver a mirada cara aquel histórico lugar a través dun asasino múltiple ourensán que a finais do século XIX estremeceu ó pobo de Allariz con tres homicidios cometidos no cárcere local e acabou penando tódalas cadeas perpetuas ás que foi condenado, na prisión ceutí, a onde ían parar os criminais máis perigosos e onde o goberno da Rexencia quixo converter ós territorios españois de África nun afastado gran correccional.

O vello cárcere de Allariz, onde aconteceron os feitos, funciona dende hai anos como a Casa da Cultura local.
O vello cárcere de Allariz, onde aconteceron os feitos, funciona dende hai anos como a Casa da Cultura local.

Por máis anos que teñan pasado, a prudencia pídeme paso para non identificar con nomes, apelidos e lugar de residencia ó protagonista desta cruenta historia, por respecto ós posibles descendentes que aínda manteñan algunha póla da árbore xenealóxica ligada a tal personaxe.

Isto non obsta, sen embargo, para que a traiamos a colación, porque así se atopa recollida en distintas cabeceiras xornalísticas do momento no que aconteceu, alá polos derradeiros días de agosto de 1894, na cadea de Allariz, hoxe transformada na casa da cultura da devandita vila ourensá.

Naqueles acalorados días de verán ó pé do Arnoia, un mozo de 22 anos “e mala vida”, que respondía ás iniciais I. M. e pertencía a unha honrosa familia doutra vila ourensá na que seu pai exercía como médico, acababa de ser trasladado polos “gardinhas” da fronteira portuguesa ó penal allaricense, como presunto culpable dun asasinato cometido dentro do marco do partido xudicial de Allariz.

Pendente de dilucidar a causa xudicial á que estaba sometido, contan as crónicas que aquel 30 de agosto eran nove os presidiarios alí custodiados nun estado de relativa tranquilidade xeral, e que ó incorporarse á poboación reclusa un novo, o tal I. M. iniciou unha conversa con el tan pronto detectou que aquel tiña agachada unha navalla das coñecidas como de “lingua de vaca”, é dicir, de folla curta, pero de dobre fío e o suficientemente ancha e perigosa como para provocar feridas mortais de necesidade.

Disque o inminente homicida tivo o suficiente poder de convición como para lograr intercambiarlle a navalla por un abrecartas de pouca consistencia que tiña el. As crónicas publicadas son bastante coincidentes e explícitas no relato, xa que logo todas elas afirman que, sen ningunha causa aparente que lle dese explicación ó episodio posterior, “aceptado el cambio y sin que mediara provocación alguna, el tal I. M. le asestó un golpe de navaja en el costado izquierdo que le atravesó el corazón, dejándolo muerto en el acto”.

De seguido abalanzouse contra outro dos reclusos e repetiu a operación, deixándoo tamén morto de inmediato e aínda lle deu tempo de ferir de gravidade a un terceiro -que morrería días despois-, e incluso causarlle feridas de diversa consideración a algúns outros, denantes de que a forza pública e os gardas da prisión lograsen reducilo, incautándoselle da arma homicida sen máis consideración.

“Huella imborrable -contaba El Regional uns días despois- ha dejado en el ánimo de todos el sangriento suceso de que hemos dado cuenta. Parece aún oírse el toque de arrebato de las campanas del pueblo sembrando por doquier el espanto, como anuncio de la tragedia horrible y aún parece verse esparcidos aquí y allá, sobre el suelo de la cárcel, los ensangrentados cuerpos de los infelices reclusos”, un dos cales tiña previsto deixar o presidio xusto ó día seguinte.

Coa vista do primeiro homicidio aínda pendente, que o conducira á cadea de Allariz, I. M. foi trasladado á prisión da capital, onde -non sen deixar de tentar o suicidio en varias ocasións- foi completamente illado ata que tiveron lugar os dous xuízos nos que foi condenado a catro cadeas perpetuas.

E coas sentencias en firme, tal como era costume para os reos condenados a cadea perpetua, en setembro de 1896 foi trasladado á fortaleza de “El Hacho”, a onde foron parar outros ourensáns, o máis coñecido de todos, o “lobishome” Manuel Blanco Romasanta, tamén xulgado en Allariz.

De cando quixeron facer de Ceuta a prisión de España e unha visita real ó ourensán no penal

Aínda que relatado así, dun xeito individual, puidera dar a ver que o traslado do asasino da navalla de “lingua de vaca” ó penal de “Monte Hacho”, en Ceuta, foi un episodio circunstancial, nada máis lonxe da realidade, pois, como moi ben saben os que no seu tempo cumpriron o servizo militar no territorio ceutí, a fortaleza que preside o principal outeiro da noutrora provincia e agora comunidade española, entre mediados do século XIX e comezos do XX recibiu a tódolos reos españois de menos de sesenta anos condenados a cadea perpetua, razón pola que alí foron parar tamén os osos do corpo miúdo de Romasanta.

Actualmente, o penal do “Monte Hacho” -á dereita- e un cuartel de artillería.
Actualmente, o penal do “Monte Hacho” -á dereita- e un cuartel de artillería.

Logo -media ducia de anos antes do crime de Allariz-, o ministro de Gracia e Xustiza, o liberal ferrolán José Canalejas, deseñou un proxecto que trasladou a un Real Decreto dotado orzamentariamente con 200 mil pesetas para acondicionar o penal ceutí “y llevar allí a tres mil penados de los demás presidios de la Península”, así como destinar outras 250 mil para “desarrollar las colonias penitenciarias de los presidios de África”. É dicir, converter as posesións españolas do outro lado do estreito en lugares nos que instaurar un novo sistema penitenciario, e conseguir “limpar” ó mesmo tempo, o territorio peninsular dos que, coma o criminal ourensán, xa non tiñan remedio. Xa ven...

Criminais que, coma el, chegaron a seren tratados pola prensa como “con un corazón y hiena e instintos perversos y malvados”, e con maliciosa sorna, engadiría eu. Senón, vexamos...

Por razóns que non explica o cronista, no mes de marzo de 1908 o penal ceutí recibiu a visita do “duque de Fiffe y su esposa, la princesa Maud, hija del rey de Inglaterra” e no transcurso do itinerario, o duque pediu ver algunha celda nas que se atopaban os presos “solitarios” nunhas “mazmorras oscuras y estrechas con los penados amarrados con enormes cadenas a la pared”.

Casualmente leváronos ó calabozo do ourensán. O duque interrogouno en inglés e I. M. respondeulle “en un correcto francés”, indicando que estaba condenado a dez cadeas perpetuas por outros tantos crimes cometidos.

Entón, nun momento final do inquérito, o principe inglés preguntoulle: “Eres malo?”.

A resposta non se fixo agardar: “Eso dicen, pero a mi no hay quien me convenza de ello!”.

Contenido patrocinado

stats