Un estrondoso aniversario na Candelaria

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Naceu o 24 de xuño de 1936 e cando chegou á vintena, tentado polo andazo venezolano subiu ó “Santa María” en Vigo e baixou na Guaira coa ilusión de ser alguén nun país no que, xusto nove décadas despois “celebrou” un estrondoso aniversario

Manuel Álvarez Quiroga o día que lle foi posto o seu nome ó arquivo da “Hermandad Gallega de Venezuela”.
Manuel Álvarez Quiroga o día que lle foi posto o seu nome ó arquivo da “Hermandad Gallega de Venezuela”. | La Región

Corría o ano 1956. Día tras día Manuel Álvarez Quiroga -que a tal nome responde o personaxe que hoxe traio a colación- vía partir a veciños solitarios ou a pequenos grupos familiares cara o país das oportunidades no que se tiña convertido Venezuela. A cadea migratoria levaba uns anos turrando deles a máxima produción e el decidiu ser un máis en deixarse arrastrar pola súa forza tractora. Marchou, pero media cabeza e corazón, setenta anos despois, continúan residindo no imaxinario particular da súa vila natal, Celanova.

Pasaba algo das seis da tarde do día de San Xoán en Caracas (algo máis das doce da noite do día seguinte, aquí en España). Ás oito, cando as voces da radio me devolveron a consciencia e as novas salferían crónicas apuradas e ateigadas de preocupación e tristura polo que acababa de acontecer, pronto me decatei de que a traxedia volvíase cebar -unha vez máis- con Venezuela.

Collín o teléfono para tratar de ampliar aquelas primeiras informacións de alcance e o whatsapp amosoume unha mensaxe reportada ás catro da mañá (as dez da noite en Venezuela), que dicía: “Hola, boas noites desde Caracas. Amigo Antonio, estamos na rúa. Acaba de ter lugar un terremoto de 7 graos. Hai varios edificios colapsados. A xente está fóra porque ten medo entrar na casa”.

Quen se me pronunciaba así era Manuel Álvarez Quiroga, con quen manteño unha vella relación de amizade, por veces neoepistolar a través das mensaxes telefónicas e outras por medio de longas conversas telefónicas nas que intercambiamos información. Eu póñoo ó día do que acontece en Celanova, algo do que con frecuencia agora está máis ó tanto ca min, e el vaime facendo partícipe dos aconteceres ligados ós encontros de fin de semana na Hermandad Gallega, cos poucos veciños e amigos que lle van quedando nela.

Seguindo esta secuencia e despois de recibir os primeiros vídeos que agoiraban o inmenso grao de desastre que nin sequera agora somos quen de dimensionar, Manolo, non sen denantes transmitirme o estado de shock no que se atopaba, cos osos aínda trementes polas dúas sacudidas -a segunda aínda máis forte cá primeira-, pero sabéndose, malia todo, un afortunado porque no seu entorno non acontecera ningunha desgracia persoal no popular barrio da Candelaria onde se atopaba, algo ó que, pola contra, non foran alleos no cercano barrio de San Bernardino , onde si sabía naqueles primeiros momentos que xa había varios edificios colapsados.

O feito de inserir de principio a data concreta do natalicio de Manuel non foi por mera casualidade, senón para resaltar que ese mesmo día 24 de xuño, mentres as placas tectónicas comezaban a ruxir o berro seco da morte, Manolo estaba celebrando nada máis e nada menos có seu noventa aniversario.

Envolto nunha sorte de vella retranca galega que a miúdo mestura cunha certa sorna caribeña, pasou a relatarme que a sorte fora dobre porque a piques estivera de caerlle por riba un moble-bar cheo de cubertería, cristalería e, sobre todo botellas diso que en Venezuela transforman en “palitos” para as celebracións con ron e wisqui.

“Non me matou un moble cargado de botellas -continuou, co fin de poñerlle algo de cara amable á catástrofe- porque deus non quixo. E mira ti que, co que eu levo destilado neste país , tamén resultaría irónico que fora acabar os meus días aplastado pola malta!”.

Traio a conto esta anécdota con final feliz para contrastala co drama humano ó que aínda non lle vimos o final e que se verá amplamente exponenciado pola incompetencia amosada polos dirixentes “encargados” que están á fronte dun Estado fallido, como hai dez anos escribiu Felipe González no limiar do libro de Leopoldo López, “Preso, pero libre”.

Na memoria de todos cantos non tiveron a fortuna de Manolo, vai esta pregaria, que se converte en blasfemia cando por máis que un repara non logra ver unha triste escavadora removendo os cascallos que manteñen baixo terra á desventurada sociedade venezolana.

Contenido patrocinado

stats