COLOR DEL AÑO
Cloud Dancer: minimalismo, calma y moda en un solo color
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
E evidente que non descubro nada ó traer a colación a este franciscano da Gudiña que sen ter chegado ós trinta anos forma parte da exclusiva e elitista orla de ourensáns inmortais.
Son moitas as microbiografías que de Francisco Blanco se atopan espallados pola rede e basicamente todas elas coinciden nun perfil que na súa fase inicial é moi común a outros moitos ourensáns que a través da orde franciscana, da compañía de Xesús ou de calquera comunidade afondaron na súa formación -incluso aprenderon idiomas minoritarios de comunidades ignotas- co fin de divulgar “a palabra de Deus” e levaren a cabo complexas investigacións de carácter, non só relixioso, senón sociais, científicas e antropolóxicas para coñecermos mellor aquelas sociedades nas que chegaron a integrárense ata seren quen de -coma o propio Francisco Blanco- acabaren os seus días nelas.
Nacido, este, na parroquia de Tameirón (A Gudiña), uns din que en 1569 e outros que en 1570, todo apunta a que a relación da súa familia co conde de Monterrei foi clave para que as súas adiantadas inquedanzas cara o estudo e o coñecemento o trasladaran inicialmente ó colexio xesuíta do propio lugar de Monterrei e posteriormente á universitaria Salamanca, onde estuda “Leis”, para logo desprazarse ó convento de Villalpando (Zamora) e tomar alí o hábito de San Francisco, co obxectivo xa de poder ir ás misións.
Non había de ser á primeira porque unha doenza de “quartanas” -din na España Sagrada-, é dicir, unha sorte de recorrente paludismo obrigouno a vivir en Pontevedra, pero tan pronto o corpo llo permitiu tomou destino de Sevilla -que fixo a pé- e, dende alí México (oito meses, disque lle durou a travesía) para logo tomar destino das Illas Filipinas, onde asentou durante dous anos.
No transcurso da navegación aprende artes que remata no convento de “Nosa Señora dos Ánxeles” da capital mexicana.
Xa en Manila, ó longo dos dous anos que permanece alí completa os estudos de teoloxía e na viaxe que finalmente realizou ó Xapón tivo a oportunidade de aprender xaponés, co cal pronto comezou co labor evanxelizador no centro franciscano de Meako.
O coñecido freire do Ribeiro, Samuel Eiján descríbeo en “El Eco Franciscano” coma un “orensano insigne que compraba conversiones resucitando niños, curando milagrosamente enfernos e ilusionando con su sonrisa de ángel las salas de los hospitales”.
A súa chegada a esta comunidade coincidiu, sen embargo, cunha transcendental decisión do emperador Toyotomi Hideyoshi, quen, temeroso de que o cristianismo se asentase no país e afastase as súas milenarias tradicións, promulgou un edicto de prohibición do cristianismo no Xapón que provocou a persecución, detención, prisión e morte dos misioneiros alí asentados, cousa que fixeron de forma inmediata coa comunidade franciscana de Meako, ós que trasladaron a pé ata Nagasaki, sufrindo toda clase de aldraxes no camiño, co fin de que servira de exemplo a tortura, ata o punto de que lles cortaron a orella esquerda a todos eles antes de atalos a cada un nunha cruz e lancealos a todos e así deixalos morrer sobre un acantilado da devandita cidade.
Era o 5 de febreiro de 1597.
Neste caso foron vinte e seis e pasaron á historia como os “Mártires do Xapón”. Catro deles eran españois e todos foron canonizados polo papa Pío IX -e, polo tanto adquiriron a condición de santos- o oito de febreiro de 1862.
Como recordo daqueles sinistros acontecementos, que se sucederon no tempo con outras moitas execucións en diversos lugares do Xapón e con motivo da conmemoración do centenario da elevación ós altares dos vinte e seis mártires de Nagasaki, no espazo onde tivo lugar o martirio, abriu as portas en 1962 un museo dedicado, tanto ós mártires xa abordados, coma á historia do cristianismo no Xapón. Ó seu carón levantaron tamén un monumento que reproduce as figuras dos vinte e seis, entre os que había dous nenos ós que Samuel Eiján lle dedica -digamos de paso- un relato sobre a inclusión de ambos na crucifixión e que, por ser dificilmente crible, remata asegurando que “el episodio que acabamos de relatar es rigurosamente histórico”.
Contan os cronistas da época que entre as torturas ás que eran sometidos os cristiáns, unha das psiquicamente máis crueis era a denominada “fumie”, que consistía en colocar no chan as imaxes en bronce de Cristo e da Virxe, obrigándoos a pisaren por riba para demostrar que non eran cristiáns. Ou, de negárense a elo, serían arroxados o volcán situado no monte Unzen.
Obviamente descoñezo outros pormenores que contén o edificio, ademais das cartas orixinais de San Francisco Javier -un dos pioneiros da estadía no Xapón-, así como “El camino de Nagasaki”, que simboliza, non só o traxecto físico a esa cidade, senón tamén o espírito cristián dos mártires.
O que non se conserva -ou non se debe conservar, se lle facemos caso á tradición que conserva a veciñanza de Outarelo (O Barco de Valdeorras)- é a caveira de San Francisco Blanco porque di que alí está custodiado na igrexa parroquial, de onde o sacan en procesión cada ano con motivo da romaría que se celebra arredor do 5 de febreiro, día dedicado no santoral a San Francisco Blanco e os outros mártires de Nagasaki.
Tal tradición popular di que o devandito cráneo chegou ata esa aldea do Barco de Valdeorras por mor da influencia e disposición de Andrés de Prada y Gómez de Santalla, natural precisamente de Outarelo e poderoso señor que serviu como secretario de guerra de Felipe II e Felipe III e loitou en Flandes para os dous monarcas. Pero, como acaba de albiscar, este personaxe merece espazo propio, que xa terá que ser outra ocasión.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
COLOR DEL AÑO
Cloud Dancer: minimalismo, calma y moda en un solo color
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: domingo, 21 de diciembre
HASTA 200 EUROS DE SANCIÓN
Lista | Cómo saber si mi baliza V16 está homologada y evitar ser multado
Lo último
ELECCIONES EN EXTREMADURA
Casi 891.000 extremeños están llamados a votar este domingo en las elecciones autonómicas del 21D
La Región
JARDÍN ABIERTO
Simbología de la flor de amarilis en Navidad