Gómez Pato, paraugueiro ó por maior

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Formou parte dunha abondosa familia orixinaria da patria nutricia dos paraugueiros de Ourense que viaxou a Cuba e despois de practicar a ambulancia por rueiros, camiños e vereas fundou unha fábrica que encheu de paraugas a Habana

Foto familiar de Gómez Pato.
Foto familiar de Gómez Pato. | La Región

Non son moitos os rexistros que a hemeroteca cubana destaca sobre este ourensán de Loñoá (Nogueira de Ramuín) que nos anos próximos ó cambio de século optou -coma tantos veciños- por tomar o barco cara a Habana co fin de explorar novas paisaxes e novos horizontes, e procurar unha mellora económica alá onde outros mandaban recado de que aquela -fóra a treboada da independencia- aínda era terra de oportunidades se un sabía rastrealas con sagacidade, intelixencia e tesón.

A primeira información que hai tempo que mo deu a coñecer procede dun libro titulado “Gallegos en Cuba”, publicado no ano 2012 polo investigador cubano Mario Luis López Isla, en colaboración coa universidade de Vigo e no que ofrece o perfil humano e familiar de máis de catro centos galegos que dun xeito ou doutro quedaron rexistrados na illa, chegasen a conseguir o devecido éxito ou simplemente lograsen sobrevivir nunha medianía, que sempre era mellor cá vida deixada na aldea de cada quen.

Segundo indica este historiador, “otro que dejó su impronta en la capital cubana, luego de arribar a ella muy joven, fue José Gómez Pato, el cual había nacido en Orense”.

Entronque da rúa Vives, hoxe Avenida de España.
Entronque da rúa Vives, hoxe Avenida de España. | La Región

O primeiro emprego que atopou no entorno da cadea migratoria, foi a de vendedor ambulante de paraugas, “labor que desarrolló por doce años, hasta que, sintiéndose a gusto y con mucha experiencia, decidió establecerse como fabricante”.

Loxicamente, na decisión de dar o salto á actividade industrial debeu ter moito que ver o coñecemento do oficio de compoñedor o que lle tería dado coñecementos sobre as técnicas construtivas de tan familiares obxectos, ó que se lle engadiu o coñecemento do mercado nos pobos e cidades percorridas ó longo desa ducia de anos.

O lugar elixido para establecerse foi a rúa Vives, hoxe coñecida como Avenida de España, no barrio da Habana Vella, onde comezou a crecer baixo a firma comercial “Gómez, Hnos y Cía”, coa que conseguirían colocarse entre as fábricas máis destacadas de venda ó por maior de paraugas e “sombrillas” de gran calidade, ó seren elaborados con tecidos, madeiras, armaduras e empuñadoras de importación.

Superados case tódolos rexistros históricos da pluviometria galega, non quixen deixar pasar o feito de que a chuvia nos conceda un descanso temporal para traer á memoria a este ourensán que, xunto cos seus irmáns, despois de recoller a cartilla militar, nos comezos do século XX, tomou o camiño de Cuba e decidiu elevar á categoría de industria o humilde traballo que a súa familia e o resto da veciñanza de Nogueira de Ramuín levaban executando dende tempo inmemorial, e montou unha fábrica de paraugas.

Na Habana coñecería a Marcelina Hernández Montero coa que procreou unha familia formada por cinco fillos e unha filla.

Seguindo os pasos, tamén, de tantos e tantos outros, a medida que se foi asentando social e economicamente entre a colectividade galega, tamén foi tomando posición nas entidades que representaban a esta colectividade e que atendían diversos sectores sociais, como a Sociedade de Beneficencia dos Naturais de Galicia ou a Unión Orensana da Habana, dende a que se converte nun dos máis activos e entusiastas colaboradores para conseguir a adquisición da casa familiar do poeta Curros Enríquez, cousa que oficializarían o día dous de abril de 1927.

A finais de setembro de 1930, o xornal “Heraldo de Galicia” anuncia como noticia destacada, “el enlace matrimonial de la gentil señorita Emilia Gómez Hernández, hija adorable del distinguido matrimonio formado por la señora Marcelina Hernández y el señor José Gómez Pato, con el estimado joven Ángel Granel Fernández”, o que revela unha situación máis que acomodada nesa época na Habana.

Posición, esta, que queda aínda máis evidenciada nunha información publicada por “La Región” en maio de 1936, na que se dá a coñecer que “con objeto de pasar unos días al lado de sus familiares en Loñoá de Nogueira de Ramuín, ha llegado a nuestra ciudad el opulento propietario e industrial establecido en La Habana, José Gómez Pato”.

O industrial chegaba acompañado da súa dona e dun seu fillo, Antonio, “aventajado alumno de Medicina”, co que partirían pronto para Madrid e París, “donde quedará ampliando estudios”

Gómez Pato regresaría á Habana manténdose á fronte da industria paraugueira ata o seu falecemento, en decembro de 1950.

“La Orensana” paraugas con denominación de orixe, que resisten nun cuchinche de Bos Aires

Local de “La Orensana” de Bos Aires e portada do poema de Gómez Pato.
Local de “La Orensana” de Bos Aires e portada do poema de Gómez Pato. | La Región

Aínda que non teñen nada que ver, nin por procedencia, nin por relación familiar, nin sequera polo lugar de destino elixido, resulta acaído traer a colación estoutro caso migratorio relacionado co sector dos paraugas, porque non só os casos de éxito económico teñen sido ó longo da historia os que máis honraron o prestixio da emigración galega -e especialmente ourensá- polo mundo.

Este caso ten razón de ser, sobre todo pola constancia, o tesón e a resistencia amosada ó longo dun século, que cumpriu o ano pasado.

Trátase da firma “La Orensana”, unha empresa familiar fundada en 1925 na cidade de Bos Aires polo ourensán Eduardo Rodríguez, quen a medida que os seus fillos foron crecendo e o negocio tamén na rúa Carlos Calvo da capital do río de Plata, foilles transmitindo os coñecementos necesarios para que a actividade comercial fose evolucionando e continuou, primeiro da man do seu fillo José Santiago e logo do fillo deste e neto do fundador, Horacio, ata chegar á cuarta xeración que mantén vivo o nome orixinal de “La Orensana”, que desvela a procedencia da familia.

Daqueles primeiros tempos queda un humilde local na devandita rúa bonaerense e unha firma que ten o seu punto principal de mercado na rede, especializada agora, non só na fabricación e venda de paraugas, senón tamén de bastóns e outros complementos con deseños exclusivos.

Probablemente serían incontables os negocios deste ámbito que se foron asentando co tempo ó longo do ancho mundo, non só ó outro lado do océano, senón tamén por toda a península ibérica e mesmo polo resto de Europa.

Na memoria de todos eles, resulta acaído reproducir en parte un fermoso poema publicado na rede recentemente polo Arquivo Histórico Provincial, titulado “Romance do afiador namorado” (que paraugueiro e afiador, tanto monta, monta tanto), da autoría do tamén ourensán de Nogueira de Ramuín, Serafín Gómez Pato, que na primeira estrofa di:

“- Que afías, afiador,/ na noite do pensamento?

- Na noite da miña vida,/ vou afiando segredos./ Levo no peito un xardín/ de caraveles bermellos/ orballados polas bágoas/ salgadas dos meus relembros./ Magóanme solpores tristes/ e busco menceres ledos/ con risas de sol e chíos/ de xílgaros e de melros (...)”.

Contenido patrocinado

stats