Miguel Abad Vila
TRIBUNA
La generación rota
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Os datos previos son lacónicos, sen dilatadas referencias de hemeroteca, pero neles asenta o resto da súa vida e do carácter filantrópico co que conviviu, tanto na súa terra nativa -Xuvencos, Boborás, o Carballiño e Ourense- coma en Madrid e Barcelona onde non só ampliou a súa incontable riqueza, senón que tamén a gozou convertido nun membro máis da alta sociedade española ata o punto de codearse co propio Alfonso XIII.
Naceu na aldea de Xuvencos, no ano 1854, fillo do médico Andrés Viéitez, que ademais de exercer a medicina na comarca tamén atendeu a saúde dos emigrantes nalgunhas expedicións á Habana, como quedou rexistrado nun contrato de 1862 publicado na revista “Fronda” do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e polo que cobrou 4.680 reais.
Afeito a que o pai cruzase o océano, non é de estrañar que o fillo sentira azos polo “máis alá” e embarcou moi novo para Bos Aires onde disque seica se fixo millonario no complexo mercado internacional dos diamantes e das pedras preciosas que o leva de Arxentina a Lisboa e de aí a Amsterdam, denantes de asentar a residencia entre Barcelona e Madrid.
A primeira información relativa ó seu retorno á terra aparece en 1880 cando manda construír sobre as ruínas dun antigo pazo, a casa grande da Almuzara, situada no concello natal de Boborás e hoxe dedicada a turismo residencial. Levantada co fin de que se converterse no lugar de descanso para as estadías ourensás, estas comezan a seren recorrentes nos anos do cambio de século, momento a partir do cal empeza adquirir propiedades na capital da provincia, facéndose con algún edificio singular coma o que ocupaba a sucursal do Banco de España ou mandando construír ata tres edificios no Carballiño, algún dos cales tamén dedica a residencia ocasional cando retorna á provincia.
Era obvio que a impactante imaxe aparecida a semana pasada, con máis dun cento de xoias ateigadas de presuntas pedras preciosas no despacho do expresidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, tiña que ter un trasunto en Ourense. E vaia se o tiña..! Realmente, estaba agardado no meu cofre por unha noticia que o sacase a colación. Este é Perefetino Viéitez, un fillo de Xuvencos (Boborás) que fixo fortuna na Arxentina e logo gozou dela no retorno como indiano benfeitor cos veciños das Terras de Arenteiro.
Neste tempo a súa popularidade comezou a subir coma a escuma, non son polos compromisos de beneficencia que adquire en diversas causas veciñais -a ampliación do cemiterio foi unha delas- senón incluso porque a mesmísima Pardo Bazán o fixo protagonista indirecto da novela “El cisne de Vilamorta” que a coruñesa asenta na vila do Carballiño, dado que a familia do seu marido -os Quiroga- era orixinaria de alí e alí pasaba a escritora tempadas estivais.
Por mor do compromiso coa vila carballiñesa, non só no caso do cemiterio, senón sobre todo na promoción agrícola -que lle serviu a recepción da medalla de mérito agrícola-, o Carballíño imponlle o seu nome a unha céntrica rúa da vila e noméao fillo predilecto.
Solteiro e sen fillos, a vida familiar concéntraa arredor dunha ampla nómina de sobriños e a residencia oficial tena en Barcelona, onde ademais de manter a actividade comercial ligada á xoiería, adquire terreos e propiedades no Prat de Llobregat, que compaxina con Madrid, onde, entre outras empresas adquire un manancial de augas “purgantes e depurativas La Maravilla” de Coslada, que lle encarga analizar a Ramón y Cajal e acaba vendendo ó que sería varias veces presidente do Consello de Ministros, Alejandro Lerroux.
Por ser, Viéitez incluso acabou sendo alcalde de Boborás antes de 1940 cando, ós 86 anos, faleceu no pazo da Almuzara, menos dun mes despois de que o fixera en Valencia o que exercera moitos anos como “persona de confianza y secretario particular” Enrique Girona, o que -segundo a prensa- “le produjo inmenso dolor la muerte de tan excelente subordinado”.
Ó longo da vida retornada foron incontables as ocasións durante as que Perfectino Viéitez amosou as súas dotes de benfeitor colaboracionistas con causas colectivas que el consideraba xustas e que melloraban a sociedade.
A máis importante e se cadra tamén onerosa ou, polo menos espectacular, foi a que tivo coa catedral de Ourense facéndose cargo da restauración dunha gran coroa procesional de prata que o cabido utilizaba na procesión de Corpus e que estaba sumamente deteriorada.
Conta o historiador Miguel Ángel González, que esta cruz procesional “de plata dorada al fuego, es la pieza más espectacular del Museo de la Catedral”.
Cunhas dimensións de case un metro e medio de fuste e setenta e tres centímetros de diámetro na base do crucifixo, aínda que non se lle coñece autor, a peza chegou á catedral auriense en 1515, entregada polo conde de Benavente, Alfonso de Pimentel e feita para a propia catedral, xa que entre as figuras repuxadas en prata atópase a de San Martiño, patrón da diocese ourensá.
No ano 1903, o cabido aproba a proposta realizada “por un caballero” que amosou interese de dotar de novo a cruz cunhas pedras preciosas que lle fagan recuperar o esplendor artístico que a mesma posuía inicialmente e que se fora deteriorando polo paso do tempo e porque, debido ó seu peso, era moi complicada de trasladar na procesión por unha soa persoa.
O cabaleiro, loxicamente, resultou ser Perfectino Viéitez, quen se comprometeu a levala a Madrid con total garantía de seguridade e “restaurarla en todo graciosamente y adornarla de la pedrería fina que fuese compatible con el arte”.
O resultado final foi que no mes de maio de 1904 a cruz foi entregada na catedral ourensá cun documento do propio Vieitez no que se relataban tódolos arranxos executados así como unha detallada relación de 243 pedras preciosas que foron incorporadas á peza e coas que enriqueceron o valor artístico e, polo tanto económico, da mesma.
Entre as alfaias pétreas cabe destacar 114 amatistas, 28 topacios, 2 jades, 31 brillantes, 5 diamantes, corindóns, zafiros, rubíes de Siam, crisolitas, aguas marinas e xacintos. En total cinco mil quilates de pedras preciosas que costaron, nada máis e nada menos ca 125 mil pesetas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Miguel Abad Vila
TRIBUNA
La generación rota
Xabier Limia de Gardón
ARTE ET ALIA
Significadas exposicións de Oro Claro e Acisclo en Compostela
Antonio Piñeiro
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Perfectino Viéitez, o home dos diamantes
Daniel Montero
SUEÑOS DE OLIMPIA
Italia en los 70: años de plomo, años del Lazio
Lo último
RECLAMACIONES DE CCOO
Preocupación por falta de personal en el servicio de extinción en Ourense
ASCENSO A PRIMERA FEDERACIÓN
Borja Fernández, entrenador de la UD Ourense: "Lo que hemos hecho este año es una locura"