Luís Candendo, agardando un bocadillo
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Natural das Cortes (Leiro), con só dezasete anos buscou futuro no País Vasco e atopouno en “Altos Hornos”, ata que o 9 de novembro de 1978 oito disparos a queimarroupa fundírono a negro e convertérono no primeiro ourensán asasinado por ETA
O paso do fatídico 12 de xullo polas follas do calendario anual ourensán non debería suceder sen que a figura de Miguel Ángel Blanco fose reivindicada como símbolo de todos cantos encheron cos seus corpos inertes os cementos desta imperfecta democracia que nos temos concedido. Para contribuír humildemente a elo, permítanme exhumar do silencio do camposanto a este veciño de Leiro que marchou para o País Vasco á procura da vida e bateu coa morte mentres agardaba a que a súa muller lle levase un bocadillo.
A casualidade quixo facelo chegar á vida na véspera do día no que o país ó que asomaba iniciaba unha longa procesión polos camiños fondos da morte. É dicir, Luís Candendo naceu o 17 de xullo de 1936 nun humilde fogar da aldea das Cortes (Leiro), nas terrazas do Ribeiro onde xa escasean os bacelos e os bolos graníticos comezan a emerxer camiño de Pena Corneira.
Non era moito, polo tanto, o que esa terra lle ofrecía, así que coa adolescencia evolucionada cara unha xuventude inqueda, con só dezasete anos tomou camiño de Asturias para procurar futuro na compaña dun seu tío. Estivo tres anos, pero as novas alentadoras no ámbito da industria e das posibilidades de atopar un bo traballo chegaban realmente dende “As Vascongadas”, polo que se animou e viaxou a Guipúzcoa, atopando unha primeira ocupación na Unión Cerrajera de Mondragón, pasando posteriormente a traballar en Altos Hornos de Bergara, situada moi preto da localidade de Antzuola, onde pasou a residir cuns compañeiros da empresa.
Segundo relato propio da que sería a súa muller e posteriormente viúva, María Luisa Zabala, cando coincidiron e repararon unha no outro e viceversa -é posible que nalgunha festa da vila-, Luís aínda traballaba na Unión Cerrajera, asentándose pronto en Altos Hornos, o que alixeirou a toma de decisión dun proxecto común de vida.
Casaron e o tempo, como acontece sempre, deparoulle días alegres que culminaron na chegada respectiva dos tres fillos, con outros non tanto, como foi o accidente laboral que lle custou a perda da perna esquerda por debaixo do xeonllo, algo que non o arredou para poder seguir traballando na gran empresa na que exerceu durante moito tempo como enlace sindical, tal como publicou “La Gaceta del Norte” por voz dun veciño, logo do seu asasinato: “lo único que hizo en su vida fue el bien, muchos jubilados de este pueblo le deben a él las pensiones que cobran”.
Silenciáronse os estertores do ditador e a súa integración na sociedade vasca volveuse total, ata o punto de aprender euskera e ser un máis nun “txoko” ó que acudía polas tardes ó saír de traballar, non sen antes pasar pola beira da casa, tocar o claxon do R-8 e agardar a que a muller lle baixara, dende o terceiro piso, un bocadillo que lle servía de merenda e que á fin transformouse no hábito funesto que lle acabaría custando a vida.
Coa chegada da democracia deixouse fascinar pola política e malia que o seu sogro o alertou de que polo pobo corrían rumores de que estaba no punto de mira, el admiraba o discurso de Jaime Mayor Oreja e da súa mau entrou a formar parte na UCD.
Catro meses lle deu tempo a militar e tratar de contribuír co seu compromiso -dicía el- a que a democracia se consolidase.
Pero o seu itinerario cotián (cando ETA asasinaba a máis dunha persoa por semana -66 nese mesmo ano- e os terroristas tiñan que elixir vítimas que fosen doadas de abordar), era máis que asumible.
Entón comezou a funcionar a macabra cadea. Algunha mirada veciña trala xanela alertou desta circunstancia, outra avisou na empresa da súa actividade sindical e da estreada militancia no partido do goberno represor e outros dous agardaron, aquel 9 de novembro, a que Luís esperase polo bocadillo para zorregarlle cobardemente oito disparos que lle segaron a vida, desgraciaron o futuro da familia, pero non lograron que o ceo lle abrise as portas ó mito da “liberación nacional” que lle tiñan prometido con trompetería patriótica.
Quince ourensáns que se manteñen esquecidos no proceso de consolidación da democracia
Folga dicir que ó funeral non acudiron nin trescentas persoas, algúns políticos da UCD, Mayor Oreja e pouco máis. María Luisa Zabala deixou escrito que, días despois da cerimonia relixiosa e do depósito dos restos de Luís no cemiterio de Antzuola, os amigos da sociedade gastronómica “Danoka Bat”, que era á que acodía a cotío, “les dijeron a sus mujeres que me transmitieran su excusa, pues tenían miedo de ser reconocidos como amigos de Luis”.
Corenta e catro anos despois do asasinato, o xornalista Gorka Angulo, autor do libro “La persecución de ETA a la derecha española”, visitou o o barrio popular no que residira a familia Candendo e do seu paso por alí deixou escrito: “Hay en la gente de Antzuola una mala conciencia colectiva por algo que no se hizo bien en el pasado y que les impide hablar con libertad”, incidindo máis adiante, en que “ni en Antzuola ni en las modestas viviendas de La Antigua recuerdan a Luis Candendo y José Fernando Artola -amigo de Luís e asasinado tamén por ETA uns meses despois-, más bien no quieren recordarlos”.
Ora ben, con ser a primeira vítima ourensá da fanática falacia liberadora e, o seu, un dos máis de trescentos crimes sen resolver, non foi o único natural da provincia ó que o demo da sen razón lle pasou por riba, polo que, aínda que esta información xa ten sido publicada neste xornal, non me substraio a volvela reproducir co fin de manter acesa unha labarada, que ó meu ver non está sendo suficientemente divulgada.
En total foron quince os ourensáns anónimos -agás o caso de Miguel Angel Blanco- que morreron por unha causa coa que non tiñan nada que ver, polo que deberían ter un lugar ben visible -a saber, un memorial- que lle permita á sociedade ourensá manter viva a súa presenza e así lembrarnos de que as súas vidas, máis ca para conseguir a quimera da “liberación nacional”, serviron para apuntalar a nosa democracia.
Estes son: Luis Candendo Pérez, Lisardo Sampil Belmonte, Antonio Varela Rúa, Manuel Ferreira Simois, Antonio Gómez Ramos, Sergio Canal Canal, Manuel Rodríguez Taboada, Alfonso Maside Bouzo, Víctor Lago Román, Enrique Rúa Díaz, Antonio López Martínez-Colmenero, María Paz Diéguez Fernández, Juan Manuel Martínez Gil, Luciano Cortizo Alonso e Miguel Ángel Blanco Garrido.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Luís Candendo, agardando un bocadillo
HOGARES UNIPERSONALES
Teresa, de 85 años y dependiente, lleva un año sin poder salir de casa
Lo último