CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Manuel M. Risco, o discípulo do Nobel
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Se nun artigo aparecen citados os nomes de Marcelo Macías ou Vicente Martínez Risco é moi posible que o lector non precise de meirande explicación para aproximar a súa ubicación no tempo e no espazo desta provincia. Se facemos o mesmo con Sebastián Martínez Risco, malia que a proporción diminúa substancialmente, aínda haberá quen o relacione, entre outras actividades, cunha longa presidencia á fronte da Real Academia Galega. Sen embargo, se, como acontece agora, abordamos a figura de Manuel M. Risco —ou Manolo, como seica se recoñecía el—, xa serán case contadas as persoas que alcancen a ensarillar uns mínimos trazos sobre quen foi, a que se dedicou e que lle aconteceu no tránsito vital, pese a que podemos consideralo un dos máis destacados científicos, non só galegos, senón estatais, que se formou en Amsterdam no laboratorio do premio Nobel de Física de 1902, Pieter Zeeman, e que el mesmo afondou en estudos relacionados coa luz e o son derivados da teoría da relatividade einsteiniana, que incluso lle concederon a talla de candidato ó Nobel que magoadamente non conseguiu.
Por todo o avanzado, case folga dicir que Manuel M. Risco naceu en Ourense en 1888 e que, despois de rematar a educación secundaria no instituto que dirixía o seu tío Marcelo Macías, desprazouse a Madrid para licenciarse primeiro e doutorarse despois en Física na especialidade de Óptica, logo de ter pasado dous anos, gracias a unha bolsa que lle foi concedida pola Xunta de Ampliación de Estudos, no laboratorio do devandito premio Nobel neerlandés. Catedrático de Acústica e Óptica na universidade de Zaragoza en 1915, que o converteu no catedrático máis novo da Universidade Central madrileña tres anos despois, o seu periplo investigador compaxinouno con outras actividades académicas complementarias e cunha presenza periódica en Ourense, animado pola relación que comezou a manter con Fernanda Pérez Cóleman, coa que casa en 1927.
É nesta época —logo da caída da ditadura de Primo de Rivera—, cando se adentra na actividade política da man de Manuel Azaña —a quen coñece no Ateneo— e da man de quen se presenta como candidato por Ourense ás cortes constituíntes de 1931, saíndo elixido deputado por Acción Republicana, con, entre outros, o seu amigo da infancia Otero Pedrayo e por riba incluso de Calvo Sotelo. O compromiso adquirido co futuro presidente da República e a actividade parlamentaria levouno a relaxar a investigación científica e aínda que en 1933 non logrou repetir escano, converteuse nun dos principais valedores da redacción do Estatuto de Autonomía para Galicia, proclamando a súa condición de “galleguista non separatista”.
Chegado o fatídico 1936, Manuel M. Risco recupera o escano no Congreso dentro do mesmo marco ideolóxico da Izquierda Republicana de Azaña, por delegación de quen tiña formado parte do comité de organización da Fronte Popular, ocupando, xa no goberno, a presidencia do Patronato de Óptica do Ministerio da Marina e colaborando activamente na resistencia do goberno da República —logo do golpe militar—, non só no ámbito da defensa pública da mesma como asinante dun manifesto de “Los intelectuales españoles contra el criminal levantamiento militar”, senón aplicando os seus coñecementos científicos para a localización de submarinos e de canóns por medio de infrasóns.
Para conformar esta estampa sobre tan poliédrico personaxe, tomo notas da hemeroteca e de dous familiares de Manuel, a saber o historiador Luís Martínez-Risco Daviña e o investigador do Instituto Carlos III, Federico Román Alonso, así como do divulgador científico coruñés Xosé A. Fraga. Esas coinciden —como non podía ser doutro xeito— en que a “toma de Madrid” e a caída do goberno republicano supoñen a caída en desgracia dun inxente número de intelectuais e científicos que foran fieis ó goberno democrático, entre os que se encontraba Manuel.
En 1939, xunto coa súa muller —coa que non tivo descendencia— consegue exiliarse en París, onde se ve abocado a traballar no que fose (Luís M. Risco afirma que na memoria familiar conservan que chegou a exercer como zapateiro), ata que o Centro Nacional de Investigacións Científicas parisino logra contratalo como “investigador principal”, reanudando a investigación sobre a relación da óptica coa relatividade einsteiniana. Pero, esa estabilidade profesional non logrou saldar nunca a amargura do derrotado no se viu convertido, tal como lle escribe a Otero Pedrayo en 1952: “Continúo trabajando en estas chifladuras de la relatividad, que me valieron durante años para encerrarme en mí mismo y no ver las fealdades del exterior. Tuvimos aquí una guerra -otra guerra- y había que aislarse para no contemplar la realidad”.
Unha amargura, esta, que se transforma nunha traxedia emocional cando, en xullo de 1951, por medo a ser detido despide á súa amada Fernanda na fronteira, quen, gravemente enferma, decide que quere ir morrer a Ourense. O día 24 dese mesmo mes “La Región” publicaría a súa esquela. Manuel “aguantaría” tres anos máis, ata o 3 de maio de 1954, despoxado de todo canto tiña —incluso a súa biblioteca— en Madrid e da que disque se aproveitaron elementos afectos ó réxime franquista, habendo quen cita a un tal Ulpiano, cuñado dun tal Puga, antecesores dun tal Julio que xogou no Real Madrid.
Mentres, en París, o profesor da Sorbona, René Lucas, despedíao, cando trasladaron os seus restos para Ourense, cun: “Es un honor del CNIC haber acogido a este sabio (...), al hombre de ciencia y al hombre cuyos sentimientos de nobleza, espíritu de sacrificio y de solidaridad humana, pueden ser dados como ejemplo”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Manuel M. Risco, o discípulo do Nobel
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: lunes, 12 de octubre
Lo último