ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: miércoles, 6 de mayo
Crónicas de agora e sempre
Forma parte da tradición oral que a emigración ourensá en Portugal xurdiu fornecendo as rúas lisboetas de augadores, carboeiros, afiadores e carreteiros. Moitos lograron dar o salto á hostelería e, de contado, á vida comercial ou, naqueles episodios de éxito, mesmo á empresarial. O caso de Venancio Silva non pende, sen embargo, dese marco xeral, por máis que a saída do fogar se producira -coma tantos- á tenra idade de trece anos, pois o seu destino foi o dos “caminhos de ferro”, onde chegou a ser maquinista do exclusivo “comboio” real.
A actualidade dos trens de vía estreita que comunican Galicia co País Vasco a través de Asturias e Cantabria e que ó seren mal medidos seica non ían coller polos túneles que deberían cruzar cando fosen postos ó servizo do transporte, tróuxome á memoria a figura deste ourensán, do que non nai moitos datos biográficos publicados, pero os poucos que hai retratan a un home humilde, responsable e traballador tenaz, valores que se repiten na maioría dos casos que teñen protgonizado esta galería.
Como xa foi apuntado, chamábase o personaxe Venancio Silva e segundo afirma o presidente da Asociación Veciñal de Loiro, Manuel Fernández, el non só non ten logrado dar con ningunha documentación rexistral que posicione o seu nacemento na parroquia de Loiro, senón que tampouco é común o apelido Silva pola revolta.
Esta afirmación contrasta, sen embargo -pero non se fai incompatible con ela-, coa que deixou escrita o director da revista “Vida Gallega”, Jaime Solá, no mes de xullo de 1909, logo dunha das súas viaxes -neste caso a Lisboa- e nas que tanta información recollía e daba a coñecer sobre a nosa diáspora repartida polo mundo.
Segundo relata o xornalista vigués, o feito de que non fose habitual que os emigrantes galegos centrasen a súa actividade profesional na mecánica foi o que reclamou “nuestra atención sobre una de las personas de quienes puede enorgullecerse la colonia gallega en Lisboa”.
Subliñando que, mentres a gran maioría dos galegos-lisboetas -loxicamente, de entre os que destacaban na cidade metropolitana, que eran os que espertaban o seu interese informativo- “llegaron a poseer excelentes restaurants”, Venancio Silva “llegó a desempeñar la jefatura de maquinistas de la Compañía Real de los ferrocarriles portugueses”.
Un Venancio que contaba daquela (xullo de 1909) con 41 anos de idade e que, probablemente non sen ter probado antes outros traballos aínda máis ingratos, “ingresó como aprendiz en el taller de máquinas de la Compañía” para aprender o oficio de fogoneiro.
Non tardaría máis de 14 anos en escalar “por oposición” a maquinista “de tercera, segunda y primera clase”, ata chegar a xefe de maquinistas e presentarlle “servicios importantes” á Compañía, “interviniendo con general aplauso en todos los asuntos técnicos, regularizando la velocidad de los trenes, examinando puentes y túneles y conduciendo la máquina de los trenes reales o personajes de alto coturno”.
Solá non escatima eloxios cara o ourensán e indica que “la condición de extranjero y por más señas gallego, fue causa de conquistar crecido número de envidiosos amigos, a los cuales venció con su sobriedad, talento, pericia y recta administración de los asuntos que debe regir por la categoría de su empleo”.
Velaí -afirma fachendoso o xornalista de “Vida Gallega” na crónica de 1909- “como, por la inteligencia y el esfuerzo, un gallego (de Ourense, engadiría eu) ha logrado dirigir los trenes en que viajan los Reyes de Portugal”.
O día do rexicidio (que tivo lugar o 1 de febreiro de 1908, acabaría derivando na declaración da I República e provocando, un ano e medio despois, un cambio radical na historia de Portugal), quen sabe se Venancio formou parte do “staff” ferroviario que devolveu no “comboio real” a Lisboa, ó rei Carlos, á raíña Amelia e ós dous fillos, Luis Filipe e Manuel, dende o pazo ducal de Vila Viçosa (Alentejo) a onde a familia real acostumaba a viaxar con frecuencia.
Como responsable que era do equipo de maquinistas do tren que o monarca utilizaba para uso exclusivo, é moi posible que alí estivese, o que de forma indirecta o situaría nun punto estratéxico e nun momento transcendental da historia de Portugal.
Falecidos, o propio rei e o primoxénito na liña de sucesión, durante un ano mantívose á fronte do país o segundo fillo, Manuel, ata que o día 5 de outubro de 1910 a sublevación dun milleiro de militares en Lisboa provocou a fuxida do mozo-monarca e da súa nai e a instauración da república como forma de goberno en Portugal.
Para aquela, a locomotora que turraba do “comboio” da familia real e que fora considerada unha das máis rápidas locomotoras do mundo, xa deixara de facer servizos exclusivos para Manuel II, pero Venancio continuou fiel ó seu traballo de maquinista cubrindo a liña regular que comunicaba Lisboa con Badajoz.
Así, o 8 de outubro de 1910, tres días despois dos sucesos revolucionarios de Lisboa, un xornalista do ABC ten a oportunidade de falar con el en Badajoz, quen lle dá reporte do que acontecía na capital do país naqueles días.
“El maquinista Venancio Silva, que acaba de llegar a Badajoz -escribe o xornalista do diario madrileño- me ha hecho un relato muy completo de los sangrientos acontecimientos de Lisboa, del cual telegrafío los siguientes detalles, que me parecen nuevos y de cuya autenticidad respondo”.
Seguro que, como bo ourensán, Venancio deixou sen contar a súa relación laboral coa familia real -que non pasaba polos mellores momentos-, pero debeu ser o suficientemente convincente como para que o xornalista avalase coa súa sinatura a autenticidade do relato dun Venancio ó que aquí se lle perde a pista, á espera de que alguén -de Loiro ou doutro lugar- nos ilumine con novos datos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: miércoles, 6 de mayo
PRESENCIA DE ZARA
Galería | "La moda es arte": la Met Gala 2026, en imágenes
Lo último
Luís Celeiro
TÍA MANUELA
Fillos da máquina
Jenaro Castro
MORRIÑA.COM
La princesa ilustrada
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este miércoles, 6 de mayo
DERROTA 1-0
El Atlético dice adiós sin coraje en semifinales