CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Primitivo Romero, o gardián dos curas
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
A espectacular vaga de roubos de crucifixos acontecida esta semana en diversos cemiterios da provincia, culminada por agora cos destrozos nas igrexas da Abelenda e Amiudal (Avión), tróuxome á memoria a este ourensán que se iniciou como humilde número da Garda Civil e logo destacou no corpo en Ourense pola efectividade dos seus axexos nunha época na que os roubos ás casas reitorais e ós cregos que as habitaban eran pan de cada día, forxando un prestixio que o ascendeu a tenente coronel.
Carezo de rexistros comparativos, pero pola documentación que manexei, se non foi o primeiro tenente coronel da comandancia de Ourense nacido na provincia, si podemos afirmar que debeu ser dos pioneiros.
Comezou na comarca da Limia, de onde era natural. Bisbarra na que empezou a dar mostras da súa eficacia contra as partidas de “facinerosos” que tiñan como obxectivo, non tanto as igrexas parroquiais nas que os “cepillos” adoitaban estaren cheos de ferruxe e teas de arañas, como as casas reitorais, onde os párrocos si adoitaban gardaren cantidades en moitos casos inconfesables, agachadas nos buratos máis insospeitados das cortes ou dos palleiros.
Unha das primeiras nas que tivo participación aconteceu no mes de outubro de 1885 na aldea de Ansemil, ó outro lado do Furriolo, onde acabou capturando ó saqueador profesional, Evaristo Pérez, que había pouco tempo que fuxira do cárcere de Bande, axudado por “colegas” do outro lado da raia e acababa de asaltar a reitoral de Torán, no concello de Taboadela, onde durmía a perna solta na casa duns amigos da familia cos que estaba preparando a fuxida a Portugal.
Contan as crónicas do momento (outubro de 1885) que a súa actuación foi certamente audaz, de forma que cando o malfeitor quixo reaccionar ó escoitar alboroto na habitación, xa a rexa forza da lei o tiñan ben amarrado no catre, impedíndolle calquera movemento de evasión.
Queda dito que, superada a etapa carlista na fronteira, durante a que algúns cregos eran os que realmente loitaban contra os axentes de orde pública, fosen afectos ou non ós principios tradicionais do “Deus, patria e rei”, estes comezaron a seren albo das bandas de bandoleiros que campaban polos montes e se refuxiaban nos perigosos barrancos da raia seca, polo que era habitual que de cando en vez os veciños de acá e de acolá ameceran coa noticia de que na madrugada asaltaran ó cura e á súa ama, sen chegaren a saber nunca a canto ascendía a cantidade roubada.
Malia á continua proliferación destes ataques -cruentos, con certa frecuencia- na comandancia non había un grupo operativo especialmente dedicado a perseguir a estes atracadores selectivos. Sen embargo, Primitivo pouco a pouco foi atesourando tal fama, ata o punto de que a prensa dicía del que era “muy conocido, aunque nada estimado de nuestros criminales por la buena maña que se da para echarles mano y hacerles tomar algún descanso entre sus fechorías”.
Isto non pasou desapercibido entre os seus superiores e, ademais de ascender a capitán, pronto lle foi concedida a medalla de primeira clase do mérito militar.
Para aquela, xa tiña detido, entre outros, ós autores do asalto á reitoral de Vilar de Vacas: “En la madrugada del 20 -di a prensa do 27 de maio de 1886- fue asaltada por cinco criminales la casa del cura de Villar de Vacas, maltratando a aquel venerable anciano, a quien, en una hogera que aquellos foragidos encendieron en la bodega, quemaron los pies para que les diese más dinero, no contentos con la suma de 1.250 pesetas que les había entregado, por lo que también maltrataron a una de sus criadas”.
Pero unha das operacións que máis prestixio lle proporcionou para conseguir o ascenso e a medalla de mérito, foi a detención do tan famoso como temido “Venancio das Pitas”, quen levaba tempo agachado en Portugal.
Velaí como o recolle o “Diario de Avisos” da Coruña: “Procedente de una famosa gavilla de malhechores capitaneada por el tristemente famoso Juan Pérez (a) Pulita, se refugió en Portugal hace unos años Venancio Rodríguez Veloso (a) Das Pitas, quien, en posesión de una buena fortuna, no dejaba de hacer alguna correría por este lado de la frontera, manteniendo en constante alarma a los partidos de Celanova, Ribadavia, Allariz y Ginzo. Conocido, al fin, el punto de su habitual residencia, la Guardia Civil ha procedido con tanto sigilo, actividad y acierto que se ha logrado su captura y actualmente se encuentra preso en Braga. Hemos oído que en este servicio ha tomado una parte muy importante el teniente de dicho cuerpo, don Primitivo Romero Peláez”.
Non menos destacable foi a detención de Manuel Fernández, “presunto autor del atentado de voladura con dinamita de la casa que en Santa Cruz de Arrabado posee el señor conde de Ramiranes y que ha sido puesto bajo el fallo de la ley merced a las gestiones del teniente Primitivo Romero”.
E aínda máis, o atraco ó crego de San Martiño de Aguís (Os Blancos), don Lupercio Fernández, cando “seis hombres sin disfraz y completamente armados con carabinas y revólveres, echaron mano del cura y de su ama, y con no buenos modos intimaron al primero que les diese todo el dinero que hubiese en casa”.
Loxicamente, o cura negou primeiro -coma San Pedro-, aínda que, logo dalgúns culatazos, recoñeceu ter unha pequena cantidade que lles entregou con medo.
Pero os atracadores non lle deron creto é comezaron un minucioso rexistro, no que atoparon un depósito de alfaias entre as que destacaba unha cruz “de bastante mérito artístico”, taxada, seica, en 30 mil reais, pero que os salteadores desbotaron “por el temor saludable de que la posesión de aquellos objetos pudiese comprometerlos más adelante”.
A constancia no rastreo deu, non obstante, cunha cantidade de diñeiro “que no se ha podido averiguar cual fue porque el cura, hombre tímido y apocado, no ha querido decirlo, igual que en otras ocasiones en que fue robado”.
Poucas semanas despois, Primitivo foi destinado á Coruña, onde unha súa filla sufriu un ataque brutal no parque de Santa Margarita, é posible que en vinganza por algunha actuación súa.
Logo estivo un tempo en Lugo e de aí, xa co grao de comandante no peito, en Oviedo e posteriormente a Huesca, para retornar, como tenente coronel, a Ourense, facéndose cargo da comandancia en 1911, á fronte da cal cubriu aínda un espectacular e derradeiro servizo, ó lograr descubrir e deter na estación de Ourense “tres vagones conteniendo más de 15 mil quilos de armas de guerra facturadas como maquinaria”, que ían destinados á fracasada contrarrevolución promovida en Portugal polo monárquico Paiva Couceiro”.
E digo derradeira porque o eficiente axente faleceu tan só catro meses despois, ós 57 anos, recoñecido como “Caballero Cruz y Placa de la Real y Militar Orden de San Hermenegildo y otras condecoraciones”, deixando por tras unha abondosa familia de oito fillos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Primitivo Romero, o gardián dos curas
TECNOLOGÍA DE SEGURIDAD
Los mensajes cifrados desaparecerán de la app Instagram el 8 de mayo
AUMENTAN LOS ESTUDIANTES EXTRANJEROS
España autorizó 78.146 estancias para estudios universitarios en 2024
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: lunes, 23 de marzo
Lo último
ELECCIONES CASTILLA Y LEÓN
El PSOE también gana el voto exterior en Castilla y León y se impone en ocho de las nueve provincias