Breve historia das pintadas de Celanova

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Como edificio histórico que é, con centos de perpiaños pedindo “píntame!”, son varias as fachadas do convento tomadas como escaparate. Unhas teñen sido borradas. Outras lograron a categoría de indelebles e pasaron ó patrimonio histórico local

Grupo das Mocedades de Celanova a carón de onde permanece a pintada.
Grupo das Mocedades de Celanova a carón de onde permanece a pintada.

O episodio acontecido a semana pasada na fachada da igrexa do mosteiro celanovés debido á imprudencia cometida por unha produtora que rodaba na vila unha serie de televisión, ó tentar borrar unha pintada que lembra a cabeceira dun xornal fundado polas Mocedades Galeguistas en 1933 e que forma parte da memoria local, en lugar de facela desaparecer o que fixo foi darlle unha visibilidade social da que carecía. Agora só resta que a xente saiba o porqué da súa mantenza e así evitar que volva acontecer.

Por máis que ó contemplala sen outro apoio informativo có meramente visual semelle un antiestético “lamparón”, o certo é que por diante da súa anodina transparencia ten visto pasar tres anos de república, un golpe de estado, outros tres e pico de guerra, corenta anos de ditadura e outros tantos de democracia. É dicir, 93 anos de aparente anonimato sostendo unha mensaxe, en todo caso positiva, ó exhortar a cabeceira do xornal que a motivou, como era “Adiante!”.

E isto, non só na fachada do mosteiro, senón na da propia igrexa. Coa influencia que durante tantos anos exerceu a curia! Poñamos por caso aqueles do omnipotente bispo, Temiño Saiz.

Cales foron as converxencias sociolóxicas que se deron para que ningún alcalde, gobernador civil, xefe de falanxe ou simple párroco a mandase limpar, cando invocaba a unha determinada ideoloxía?

Velaí onde é que radica precisamente o mérito que a elevou á categoría de memoria histórica local sen necesidade de ningún expediente administrativo, senón coa soa aceptación tácita do pobo, deixando que pasaran os días, os meses e os anos sen lle tocar.

Pero, quen a pintou e por que? Iso é o que de contado imos relatar.

Estamos en xaneiro de 1933. Tempos de axitación política por tódolos bandos. Celso Emilio Ferreiro, Pepe Velo e outros amigos de Celanova constitúen unha célula galeguista que se vai incorporar ó colectivo das mocedades que van xurdindo polo país ó amparo do Partido Galeguista, converténdose nunha das máis activas, ata o punto de que en poucos meses xa contaba con 90 afiliados.

Nese contexto, os dous líderes locais -que acabarían chegando á cúpula da federación galega das Mocedades tan só un ano despois- consideran imprescindible a fundación dun órgano de expresión propio ó que decidiron denominar “Adiante”.

Tiña a redacción no número 3 da rúa Curros Enríquez e saíu do prelo o 5 de xaneiro cunha editorial asinada polo propio Celso Emilio: “Adiante sai nestes intres críticos pra axudar a trocar a nosa Galiza empequenecida e agrillodada, a Galiza do mouro caciquismo -na que o galego é lobo do galego-, nun pobo libre e feliz, nun pobo forte e creador, onde se escoiten coma hino as trovas das Irmandades, onde cada verba sexa unha arela e cada peito unha mañán arumada... Irmáns, os tempos son chegados!”.

O poema de Curros, “Os Mozos”, no centro da portada constituía unha declaración de intencións para incitar ó compromiso da xuventude con Galicia: “Mociños honrados/ de sangre bravía/ si ó mal dos petrucios non fordes alleos,/ librádeos da morte./ Facei montería/ nos lobos da terra, nos lobos dos ceos!”!

E aínda máis, nun “run-run” escrito por Clodo Rodríguez “Prenta”, facía este declaración de respecto polo “noso Escorial, do cal son un dos namorados”, denunciando a facturación “duns bultos” procedentes do mosteiro, na estación de Filgueira, nos que sospeitaban “marchaban” valiosos obxectos procedentes do convento.

É dicir, que non se debeu, pois, a ningún desmán xuvenil contra o edificio, senón a un acto de reivindicación simbólica, o feito de “saudar” a saída do semanario coa devandita pintada. Un semanario que, sen embargo, non durou -que se saiba- máis alá dese primeiro número, debido, probablemente, a problemas económicos.

Pero a pintada quedou aí e non tardou mioto en ter que superar o primeiro envite, cando, nas eleccións de 1936, os falanxistas -co celanovés Fernando Meleiro á fronte- chegaron unha noite á vila para “sustituir la propaganda galleguista por la de la Falange”.

Nun libro publicado polo propio Meleiro e titulado “Anecdotario de la Falange de Ourense”, relata en primeira persoa aquel episodio:

“Estaban muy altos los pasquines galleguistas. Mezclados los ingredientes de la pintura roja, Emilio Núñez pintaba yugos y flechas, y frases en rojo, decorando el cemento(...) Por la tarde se presentó en nuestra peña del Roma el alcalde de Celanova. Protestaba de que le llenásemos el pueblo de pasquines y letreros. Pase, lo de los pasquines -decía-, porque son bonitos y están colocados sobre los de los galleguistas. Pero lo de la pintura es un abuso!

Ánimos para o afamado xurista que quixo ser por dúas veces deputado e non o deu logrado

Á pintada de “Viva Lezón” tamén lle deron unhas “fretas” para tentar borrala.
Á pintada de “Viva Lezón” tamén lle deron unhas “fretas” para tentar borrala.

Con ser, esta, a máis coñecida, é evidente que non foi -nin é- a única pintada que ó longo do tempo procurou sostén nos limpos granitos do centenario mosteiro.

Obviando aquelas que entrarían directamente na categoría de “gamberradas grafíticas” e das que aínda hoxe permanecen algúns refugallos nas paredes traseiras do edificio, na mesma fachada frontal do convento que dá á praza Maior e á rúa da Botica, consérvanse dúas en letra de molde máis difusa -polo que pasan máis desapercibidas-, nas que se pode ler “Viva Lezón”.

Quen era o tal Lezón e por que houbo quen sentiu a necesidade de impregnar o edificio con tan lacónica expresión? Vexamos.

Manuel Lezón Fernández foi un avogado nacido en Celanova en 1854, que exerceu de rexistrador e logrou un importante prestixio nacional como xurisconsulto. Gran coñecedor do dereito civil galego e firme loitador a favor da supresión dos foros, presentouse ás eleccións xerais de 1905 polo distrito do Carballiño, onde foi vítima dun “pucheirazo” que lle impediu tomar posesión en Madrid.

Pasaron os anos e en 1923 volveuno intentar, pero neste caso por Celanova. Todo apuntaba a que agora si lograría a devecida elección durante tantos anos agardada, pero problemas xurdidos con Basilio Álvarez dividiron ós colectivos agraristas celanovenses e un segundo “pucheirazo“ por parte do candidato sucesor de Senén Canido, volvéronlle furtar a posibilidade de ser deputado.

Renunciado, este, á presentación por unha terceira ocasión, sucedeulle no intento o seu fillo, tamén avogado, Octavio Lezón. Fíxoo nas eleccións de 1931, sen afiliarse a ningún partido e tampouco o logrou.

Fose, pois, en 1923, a favor de Manuel ou no 31 reivindicando a Octavio, o caso é que aí quedaron rexistrados estes momentos históricos da vila, por máis que a xente non as vexa ó pasar a carón.

A que non deu superado o paso do tempo -e algo daría porque estivese indeleble- foi aquela que citou Curros cando denunciou o abandono do edificio trala Desamortización: “No hay espectáculo que tanto aflija el ánimo como la contemplación de inscripciones como ‘Biva el probincial de Monterrey!...’ escritas con tinta en cuya composición parecen haber entrado el cieno, el vino y la pólvora”, porque hoxe resultaría ortograficamente insuperable.

Contenido patrocinado

stats