CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
O tenente Reinoso, un heroe en Tetuán
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Dado que a actualidade non nos permite centrar a atención noutro lado, velaí unha nova entrega da relación que ó longo do tempo mantiveron algúns ourensáns (seguro que son, nunca mellor dito, lexión)coa comunidade ceutí.
Neste caso trátase dun humilde soldado de Olás que acadara o grao de tenente e unha cruz do mérito militar, e ós 33 anos, formando parte do batallón do axudante de campo de Primo de Rivera, o comandante Mantilla, foron vítimas dunha emboscada en Lauzien e acabou soterrado no cemiterio de Tetuán.
Debía formar parte, Julio Reinoso Fernández, dunha familia ligada á tradición militar, non en van tiña polo menos outro irmán coa graduación de capitán que tamén militou na primeira campaña de asentamento das lindes do protectorado español que había tan só uns meses que fora asinada co goberno francés e por medio da cal o territorio de Marruecos quedara divido en dous, asignándolle a zona norte a España, con capitalidade en Tetuán, e a zona sur ós franceses, coa excepción do territorio do Sahara, que nunca deixou de ser español.
Julio Reinoso, ó igual có seu irmán e tantos e tantos ourensáns, serviu primeiro no destacamento Ceriñola, ó mando do cal estaba o tamén ourensán tenente coronel Dorado, morto nas primeiras batallas de toma de posicións do Rif, o día de noiteboa de 1911.
Durante a etapa no devandito rexemento do heroe ourensán, ademais de exercer como xuíz instrutor de causas relacionadas coas desercións ou de non presentación a filas, tamén recibiu a cruz de mérito militar, pasando logo a servir na milicia voluntaria de Ceuta, integrando o batallón do comandante Mantilla, que era axudante de campo do mesmísimo xeneral Primo de Rivera.
Un Primo de Rivera que foi quen transmitiu a través dun despacho enviado ó ministerio da Guerra na madrugada do 11 de xuño de 1913, no que anunciaba a toma do monte de Lauzien, unha cota estratéxica para controlar o paso a Tanger así como o val de Wad-Ras, ó mesmo tempo que informaba das baixas que por desgracia tiveran, entre as que destacaba especialmente o comandante Mantilla e o referido tenente Reinoso.
“A las dos de la madrugada, el general Primo de Rivera me da el siguiente parte: Tomada posición Lauzien, racionada y evacuada, dejando allí cazadores de Madrid... Ha regresado el resto después de detener continuos combates en la posición, con un enemigo numeroso, bien armado y al que se le han hecho grandes bajas...”
De seguido, o despacho relataba o alto custo que a operación tivera para o eles mesmos: “...teniendo por nuestra parte que lamentar las del comandante Mantilla, mi ayudante de campo, el teniente Reinoso, de las milicias..., además de otros 20 muertos y 45 heridos”.
Loxicamente non sorprendeu que a loituosa noticia chegase pronto a Ourense e este mesmo xornal facíase eco do funeral que tivo lugar na igrexa franciscana de Tetuán, indicando que “con gran solemnidad se verificó el sepelio del joven primer teniente de infantería, Julio Reinoso, perteneciente a la milicia voluntaria de Ceuta...”.
Ora ben, o verdadeiramente sorprendente, por inusual, foi a solidariedade que o seu falecemento provocou, xa que nos días seguintes a numerosa colonia de militares galegos que andaba repartida por esa parte do protectorado, co seu irmán á cabeza, tomaron de forma espontánea a iniciativa de levar a cabo unha captación de fondos para colocar unha placa sobre a foxa na que o tenente foi soterrado no cemiterio español de Tetuán.
“La colonia gallega de Ceuta y Tetuán -publican a finais de xuño- ha abierto una suscripción para colocar una lápida en la sepultura del heroico teniente Julio Reinoso, muerto en el combate del día 11”.
E tampouco tardaron moito en instalala sobre a súa campa, pois sen que rematara outubro celebraron a súa colocación. A lápida di así: “Aquí reposan las cenizas de Julio Reinoso Fernández, primer teniente de la milicia voluntaria de Ceuta, muerto en el combate de Lauzien (11 de junio de 1913)”.
Fose pola circunstancia de que foi o primeiro oficial galego que perdeu a vida na primeira campaña que levaron a cabo os rexementos desprazados de Galicia nada máis comezar as operacións de control do protectorado, ou pola propia acción do tenente “en un combate a la bayoneta de once horas” que lidiaron na toma da posición de Lauzien, o caso é que a morte de Julio Reinoso causou unha fonda impresión entre toda a colonia galega que naqueles momentos estaba desprazada en distintos puntos do tomado territorio marroquí, o que se viu transcrito nas crónicas, tanto da conmemoración do sepelio, como posteriormente na implicación masiva do encargo da devandita placa para a tumba, xa no cemiterio militar de Tetuán.
Neste caso, é de salientar que, ademais do seu propio irmán, o capitán Reinoso, e diversos xenerais do exército español alí radicados, o cerimonial chegou a contar tamén coa presencia e o discurso do cónsul español en Tetuán naquel momento, o compostelán Luis Rodríguez de Viguri, quen “pronunció elocuentes frases, recordando los méritos, el arrojo y la valentía del teniente Reinoso”, engadindo que o que estaban a facer os seus paisanos aínda era pouco.
Toda esa información foi publicada, entre outros xornais, en “El Eco Franciscano” e escrita polo non menos ourensán de Cudeiro, o monxe Buenaventura Díaz, que estivo destinado en Tanger, igual que o ourensán de Leiro, Avelino Muíños, o franciscano que oficiou os actos relixiosos. Avelino Muíños, superior daquela na misión católica de Tetuán e un personaxe especialmente interesante que xa foi incluído nesta páxina.
Dito isto, non debemos rematar sen facérmonos eco dunha circunstancia casual que podería inducirnos a error. Vexamos.
Se nos mantemos ó tanto das informacións que aparecen a diario sobre a cidade ceutí, é moi posible recoñecer nomes de espazos urbanos coma o Tarajal, o barrio do Príncipe, a praia do Trampolín, o barrio de Revellín, etc.
Pois ben, nun céntrico lugar atópase a “Glorieta del teniente Reinoso”, onde está a dirección xeral de Policía, o museo da Lexión e un monumento dedicado precisamente ós lexionarios.
Sen embargo, por máis que un pense que o tal Reinoso é o veciño de Olás, nada máis lonxe da realidade, pois é o ceutí Francisco Reinoso, tenente de enxeñeiros e morto en Larache en 1936.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
O tenente Reinoso, un heroe en Tetuán
BANCOS MÁS ACCESIBLES
Los pensionistas reclaman a la banca servicios adecuados a sus necesidades
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: lunes, 7 de septiembre
Lo último