11 ene 2026
Moncho, “da Tanco”, unha viaxe pola historia e os libros
En tan só un ano a Librería Tanco celebrará o seu 75 aniversario. Un logro que a converte na máis antiga da provincia de Ourense e, posiblemente, de toda Galicia. Moncho “da Librería Tanco” leva nela dende o 1981 e, dende hai catro anos, como único xestor e coa pervivencia e futuro asegurado da man da súa filla Rut Martínez. E é que a pegada de Tanco non se pode perder. Polas súas portas pasaron diferentes xeracións buscando o agarimo que sempre prestan os libros. E tamén a afable conversa de Moncho sempre disposto a recomendar, guiar, axudar e tamén aprender. Actitudes que van máis alá do traballo e forman parte intrínseca do seu ser e que tan ben soubo transmitir ao seu persoal, que segue a súa estela nunha atención que converte a cada cliente en protagonista de cada lectura.