Mugares recupera o voo do Galo no Corredoiro

DOMINGO CORREDOIRO

A parroquia de Toén rescata unha tradición documentada por López Cuevillas que, tras décadas no esquecemento, volveu á praza grazas ao testemuño oral dos maiores e ao traballo de investigación etnográfica da AC Entroido Mugares

Dous dos veciños saltan para tentar coller o galo.
Dous dos veciños saltan para tentar coller o galo.

Esta pasada fin de semana, a parroquia de Mugares viviu un momento histórico coa recuperación do Xogo do Galo no seu Domingo Corredoiro. Esta manifestación do Entroido tradicional, que se dera por perdida durante décadas, está documentada en obras de referencia como “El Entroido de Mugares” de Florentino López Cuevillas. O acto serviu tamén como emotiva homenaxe a Ángel Iglesias “Xelo”, veciño fundamental na transmisión oral desta tradición, falecido o pasado ano aos 97 anos.

O traballo de recuperación foi minucioso, baseado en entrevistas recollidas polo etnógrafo Anxo Rosales en 2021 e ratificadas pola AC Entroido de Mugares en 2025. Grazas a estes testemuños, soubese que o galo colgaba orixinalmente da torre do reloxo e que o animal era o propio premio da competición. Na celebración actual, adaptouse a tradición mantendo un galo simbólico en forma de boneco para evitar o uso de animais.

A xornada arrancou na Praza á saída da misa, coa veciñanza lucindo roupa tradicional e os Gaiteiros Castrodeallo poñendo a banda sonora ao evento. Tras os saltos e a competición por acadar o boneco, as tres primeiras persoas foron premiadas cunha ducia de ovos cada unha. A festa concluíu cun concurrido pasabares polas rúas da parroquia, con paradas no Bar La Isla e no Restaurante Casa Ana, dando así o pistoletazo de saída a dúas semanas de intensa actividade.

O ciclo do Entroido en Mugares encara agora a súa recta final con dúas citas imprescindibles. Este vindeiro domingo, 15 de febreiro, a carpa do local social acollerá a partir das 16,00 o Domingo de Entroido coas tradicionais “Comedias”, a entrega de premios aos mellores disfraces e a música de DJ Smile e o grupo Sublunar. O broche de ouro chegará o 17 de febreiro, Martes de Entroido, coa saída dos Labardeiros ás 12,00 e o xantar popular a base de cocido.

Contenido patrocinado

stats