O PP critica os “bulos e mentiras” e defende a xestión do hospital de Verín
SANIDADE PÚBLICA
A Comisión de Sanidade dos PP de Galicia reuniuse en Verín. Acusa á oposición de usar o hospital con fins electorais e defende a xestión con cifras de persoal e tempos de espera
A Comisión de Sanidade do PPdeG reuniuse este martes en Verín para analizar a situación do hospital comarcal e amosar o compromiso da Xunta coa atención sanitaria na zona, a poucos días de que teña lugar na vila a manifestación convocada para este sábado pola Comisión Delegada de Verín e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei.
A coordinadora de Sanidade do PPdeG, Encarna Amigo, explicou que o obxectivo da xuntanza era “combater os bulos e as mentiras que se están a xerar” sobre a sanidade pública na comarca. Amigo atribuíu as críticas a estratexias electorais de BNG e PSOE, afirmando que “o motivo é puramente político, na Plataforma hai xente que milita con cargos neses partidos”. Ademais, remarcou que “o verdadeiro problema que temos é a falta de médicos especialistas, un problema non só en Galicia, senón en España”, sinalando ao Goberno central como o responsable de “formar novos profesionais”. Concluíu afirmando que “temos unha sanidade excelente e temos a obriga de defendela”.
Pola súa parte, o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, debullou as cifras de persoal e de actividade no centro, afirmando que “nos anos de vida do hospital nunca estivo tan ben cuberto como nestes momentos”. Camba destacou a estabilización dos traballadores, a incorporación de 15 novos médicos nos últimos dous anos e os bos indicadores nos tempos de espera, con medias de 30 días para consultas e menos de 60 para cirurxías. O xerente recorreu á máxima de “dato mata relato” para argumentar que o de Verín é un dos hospitais “con mellores resultados e máis completos” de Galicia.
“Falar con datos”
Finalmente, Sandra Quintas, secretaria xeral do PP ourensán, insistiu na necesidade de tratar a xestión sanitaria de xeito obxectivo, sinalando que “hai que falar claro, pero con datos” e advertindo de que a sanidade “é demasiado importante para convertela nunha arma política, confundindo á cidadanía”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
DESCARTAN EL CIERRE
Desacuerdo político por la gestión del Hospital de Verín
MÁS DE 20 CALLES
Verín invertirá un millón en asfaltar sus vías principales
Lo último