EMBAIXADORES DA CASTAÑA OURENSÁ
Os nenos despiden o tempo das castañas da man de Lela e Tuxo
EMBAIXADORES DA CASTAÑA OURENSÁ
A tempada das castañas chega á súa fin e, con ela, tamén se despiden ata o próximo outono Lela e Tuxo, dous personaxes moi especiais do Macizo Central ourensán. Hai xa cinco anos que chegaron para poñer en valor un dos produtos máis emblemáticos da comarca: a castaña -ou o bullote, para algúns municipios-. A través deles, os máis pequenos teñen a oportunidade de achegarse ao mundo deste froito tan ligado á identidade, á cultura e á tradición do territorio. “Queremos que os pequechos coñezan a nosa terra e o que dela sae”, explica Yoli Rodríguez, unha das artífices da existencia destes dous personaxes.
Lela e Tuxo chegaron á provincia de Ourense hai cinco anos no marco dunha convivencia infantil que reunía os diferentes servizos de atención á infancia dos concellos de Vilariño de Conso, A Mezquita, A Gudiña, Viana do Bolo, A Veiga e O Riós. Seis municipios ourensáns nos que a castaña ocupa un lugar destacado durante os meses de outono e forma parte da identidade e da tradición local.
Aínda que esta convivencia deixou de celebrarse hai xa algún tempo, Lela e Tuxo mantiveron vivo o seu compromiso cos máis pequenos e continúan visitándoos cada ano para que non esquezan a importancia deste froito tan representativo da súa comarca. Así, convertéronse en embaixadores da castaña e nunha ferramenta para achegar as novas xeracións ao coñecemento do souto e das tradicións vencelladas á súa recollida.
A súa última parada foi o Punto de Atención á Infancia (PAI) de Vilariño de Conso, onde compartiron cos nenos como se desenvolveu a campaña da castaña deste ano, nun encontro que uniu aprendizaxe e diversión, “É moi importante poñer en valor os produtos da nosa terra, porque forman parte da nosa identidade e da nosa maneira de vivir. Queremos que os nenos saiban de onde veñen as cousas, coñezan o traballo que hai detrás de cada produto e aprendan a valorar o que temos tan preto da casa”, sinala Yolanda Rodríguez.
Lela e Tuxo volverán o vindeiro outono para contarlles aos máis pequenos como foi o ano no seu territorio e lembrarlles a importancia de coidar os froitos da súa terra.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
EMBAIXADORES DA CASTAÑA OURENSÁ
Os nenos despiden o tempo das castañas da man de Lela e Tuxo
EMPLEO Y PROVEEDORES
La mina de Penouta será clave para la industria tecnológica