Antonio Luz: “A miña música é un canto as miñas raíces galegas, con toques do flamenco tradicional"

FUSIÓN SEN FRONTEIRAS

Dende neno, Antonio Luz tivo claro que o seu era a música. Autodidacta en varios instrumentos, cantante e apaixoado do flamenco, nos seus temas pódese sentir o amor por Galicia, o seu rural e o idioma, así como unha clara reivindicación do papel destacado da muller en todos os ámbitos. Paralelo a este sentimento, tamén está o que sente polo flamenco, un estilo co que medrou e que ten presente nas cancións. Con estes dous piares crea un estilo característico e único. Cun claro selo, o de Antonio Luz.

Publicado: 02 feb 2025 - 05:55 Actualizado: 02 feb 2025 - 09:22
Antonio Luz.
Antonio Luz.

PERFIL

Nome: Antonio Luz

Lugar de nacemento: Nocelo da Pena, Sarreaus

Profesión: Músico

O seu nome non é novo no eido da música, pero, por se acaso, que é Antonio Luz musicalmente falando?

Antonio Luz é un neno de aldea que, dende moi cativo, soñaba coa música. Creo que con tan só 6 anos xa amosaba interese por aprender a tocar e tiña bo oído, como me decían os meus mestres. Cos anos, paralelamente a miña formación máis puramente académica, non deixei de formarme, de forma autodidacta, en guitarra, gaita, piano e frauta.

E, co paso dos anos, puido ver o seu soño feito realidade e agora acaba de ver a luz “Alalá”, un adianto do seu vindeiro disco. Que nos presenta con este tema?

“Alegrías” é un dos definidos como “paus” do flamenco. Os “paus flamencos” son a base sobre a que se desenrola toda a música e danza flamenca. Cada pau ten o seu propio ritmo, estructura e características melódicas. Algúns dos paus máis coñecidos, para poñer exemplos máis prácticos son a “soleá”, a “bulería”, o “fandango”, a “seguiriya”, ou a “alegría”, entre outros.

Videoclip de “Alalá (Alegría)”, o adianto do próximo traballo de Antonio Luz.
Videoclip de “Alalá (Alegría)”, o adianto do próximo traballo de Antonio Luz.

E velaquí acabamos de descubrir o enlace co título do tema e o que busca transmitir.

(Risas). Si! Pero explicóo, nón?

Adiante!

A “Alegría” é dos paus do flamenco moi alegre e festivo, pero cun ritmo un chisco máis lento ca bulería. As letras son optimistas e ten carácter de celebración. E o “alalá” é o canto máis representativo da identidade e alma galegas. Así que con “Alalá” combino o flamenco coa nosa música tradicional. Penso que é un tema moi pegadizo e universal. Que convida a gozar da vida co seu ritmo.

Imaxe dun videoclip.
Imaxe dun videoclip.

Ademais, polo que sei, é un tema persoal ao 100%.

Totalmente. Nel, ademais de compoñer a música e cantar, tamén gravei as guitarras, gaitas, frautas e voces, fixen a producción, as mesturas e os arranxos. Así que esta tamén foi a miña estrea como produtor e arreglista.

Un adianto dun álbum que deixa entrever como soará.

O tema é o inicio dun álbum no que combino o flamenco coa música da miña terra, Galicia. A miña idea é que fosen nove temas, pero como serei eu o que se encargue de todos os arranxos e producción, xa irei vendo, paso a paso, se inclúo máis temas.

Xa ten nome?

Aínda non, pero o que si ten é data aproximada, finais do 2025 principios do 2026.

Será tamén no quinto aniversario do seu primeiro disco.

Si. Foi “28 Besos”, producido por David Santiesteban. Con ese disco fixen a miña particular homenaxe ao meu pai que xa non está. El tamén era músico e foi gracias a el que espertou en mín a paixón polo mundo da música. Nel os temas son de ritmo pop, con influencias urbanas.

Tras el, un single que deseguida volverá soar moito, porque se achega o Entroido…

“Entroido” saqueino fai case cinco anos e aínda hoxe, según se achegan estas datas volve soar moitísimo en todas partes. Nel fago un repaso por moitas das máscaras tradicionais de Ourense cun ritmo moi pegadizo. Lembro estar en pleno Entroido anónimamente e entrar a sitios e escoitar o meu tema soando unha e outra vez.

Tras ese “Entroido” chegou un momento co que ninguén contaba. A pandemia. E aí fixo un tema moi especial “Ángeles sin alas”.

Con el busquei amosar todo o meu apoio á xente que se atopaba en primeira liña na loita contra o covid-19, pero que igual non era tan mediática. Todo o obtido coa súa descarga nas plataformas e as visualizacións do vídeo foi destinado íntegramente a Cáritas.

Os coidados videoclips, outra sinal de identidade do músico.
Os coidados videoclips, outra sinal de identidade do músico.

E xa toca facer parada no disco “Paraíso das airas”.

O álbum é un tributo o noso rural e o noso idioma. Son nove temas nos que hai un fío común: o rural, a defensa do galego e o papel imprescindible das mulleres en todos os ámbitos.

E tamén para as mulleres, as que son gardas civís, compuxo un tema.

Foi un tema que compuxen polo centenario da entrada da muller no corpo da Garda Civil, co apoio do instituto armado. Estreouse en Madrid, ante numerosas autoridades. E un tema que fixen con moito agarimo para as miñas compañeiras.

Sei que non lle gusta falar delo, pero vostede tamén é Garda Civil.

Son. E máis que non gustar, é que considero dous mundo totalmente opostos que eu procuro manter separados.

Na actualidade reside en Madrid, pero en cada palabra e canción nótase o amor que ten pola súa terra.

E que Galicia… non o podo evitar. É a miña terra! Botoa moitísimo de menos.

Ten un fondo apego por Galicia e pode resultar curiosa a pegada flamenca nos seus temas. A que se debe?

Digamos que foi o que “mamei” porque na miña casa escoitábase moito flamenco, tanto pola parte de meu pai como por meu tío. Con todo, o bonito da música é que é universal e, se indagas no cancioneiro máis popular galego e andaluz, verás que, no fondo non son tan diferentes. E eu quero buscar ese nexo.

Igual nos vemos no Entroido, é unha boa data para facernos unha visita e escoitar o seu tema.

Non che podo decir con seguridade, pero tampouco o descartes…

Como se definiría?

Non me considero un artista, nin un cantante nin un cantautor, diría que son músico, e, ante todo, unha persoa humilde que a forza de constancia e traballo aprendeu a desenvolverse na música dentro das miñas propias limitacións.

Aínda nos queda un ano para coñecer todos os temas do seu próximo álbum.

Un ano no que teño moito traballo! Hai catro ou cinco temas que xa teño rematados, pero os outros aínda estou con eles. Agora tamén me encargo da producción e quero que todo saia perfecto.

Contenido patrocinado

stats