María Dolores e Manuel, 70 anos de vida en común
BODAS DE TITANIO
Bodas de Titanio. Cecáis, dito así, non saibamos ben a que se refire. Pero se falamos de 70 anos de matrimonio, devandita definición cobra unha nova dimensión. Unha longa e sólida vida de parella simbolizada polo titanio, un metal forte e resistente como o é o matrimonio de María Dolores Des Otero e Manuel Pérez Rodríguez. Dous veciños do Irixo que casaron con 20 e 25 anos, respectivamente, e que tras 70 anos xuntos, botan a vista atrás para rememorar desde o día que comenzaron como noivos ata a celebración destas Bodas de Titanio.
O Irixo, 9 de abril de 1955, as campás da igrexa de A Rúa, parroquia de Loureiro, repenican pola celebración da voda de Manuel Pérez e María Dolores Des. Unha parella de 25 e 20 anos, respectivamente que, coa cerimonia relixiosa, ven bendecida e confirmada a súa unión ante familiares, amigos, e dan comezo a unha nova etapa nas súas vidas. Non faltaron os veciños que asistiron a observar con curiosidade a chegada dos noivos ante o altar, converténdoos en protagonistas das conversas durante os seguintes días.
Os protagonistas
Coa venia
Nome
Manuel Pérez Rodríguez
Lugar e data de nacemento
Barro de Loureiro, O Irixo. 4/03/1930
1. Un recordo do día da súa voda.
- Na igrexa tocou o acordeón. Chorei coa alegría de escoitar ese son que tanto me gusta.
2. Un dos momentos máis felices da súa vida en común coa súa muller, Lola.
- Cando nos naceu a filla, Mariló.
3. Unha cualidade que destaque de Lola.
- Sempre foi unha muller moi boa para todos. Non atoparás a ningúen na familia nin no pueblo que non fale marabillas dela… é o mellor exemplo de empatía que podemos ter todos os que a rodeamos.
4. O momento máis especial da celebración dos 70 anos de casados.
- Cando entrou a música tocando ao salón.
5. Un soño.
- Un que vin, e vexo, cumprido. Ter unha boa casa nun fermoso sitio. E que toda a familia puidese gozar dela.
Coa venia
Nome
María Dolores Des Otero
Lugar e data de nacemento
Quintero, Loureiro, O Irixo. 16/10/1935
1. Un recordo do día da súa voda.
- Se che digo a verdade, non me acordo de nada… Bueno, que había moita xente e que o traxe era de cor negra, que era da cor que se vestían as noivas naqueles tempos. Aínda non hai moito andaba por aí nalgún armario.
2. Un dos momentos máis felices co seu marido, Manuel.
- Todos foron bos momentos. Non hai nada malo.
3. Unha cualidade que destaque de Manuel.
- É moi bo e tranquilo.
4. O momento máis especial do día de celebración dos 70 anos de casados.
- Ver xuntos a filla, netas, bisnetas, sobriños, primos… foi unha fermosa sorpresa que me encheu de felicidade.
5. Un soño.
- Eu quería ser costureira, e meus pais deixáronme estudar no Carballiño. Fixen o que quixen, e iso da moita satisfacción.
Pasaron 70 anos daquel momento, e agora, Manuel e María Dolores, botan a vista atrás para recordar como foi aquela xornada, a súa vida en común, e algunhas das claves dunha historia de amor que desafía ó tempo e que deu comezo dous anos antes, cando se fixeron mozos. “Nós coñecíamonos de toda a vida porque éramos veciños”, comenta María Dolores. “Ela era algo máis nova ca mín, pero recordo vela desde ben nena. E según foi medrando íame gustando”, engade Manuel.
Hai máis de 70 anos, moi lonxe das aplicacións de búsqueda de parella e dos locais de ocio nocturno, o comezo da súa relación foi na típica festa do pobo, coa música soando de fondo -sobre todo a do acordeón e a das pandereitas no Quinteiro– e os bailes entre a mocidade sucedéndose. “Eu dei o primeiro paso e falei con ela. Pregunteille se quería estar cun mozo. E ela preguntábame que con que mozo. Eu, de entrada, non quería decirlle que era eu ese mozo. Por se acaso. Ata que finalmente lle confesei que o interesado era eu mesmo. Ela aceptoume. E aí empezou todo”.
Pero, “daquela non era como agora. Íamos dar un paseo ou, como moito, ao baile. E se eras mozo ou moza de alguén, éralo para sempre. Non como agora que un día son mozos, e aos dous días xa o cambian por outro. Daquela tomábase máis en serio. Aínda que sempre había algún que mocease de máis, que deso sempre houbo”.
Co paso dos meses, Manuel pediu matrimonio a María Dolores, un paso máis na súa relación, que culminou coa celebración relixiosa á que “asistiu moita moita xente. Despois de casar fixemos un pequeno banquete, xa que naqueles tempos a festa non era a tolemia de hoxe en día. E nada de viaxe de noivos; para o outro día, a traballar!”, comenta Manuel, quen tamén lembra a emoción que sentiu cando na cerimonia escoitou os acordes do acordeón, “lembróo como se fora agora mesmo. Naquel momento caíronme as bágoas”.
María Dolores tamén lembra daquel día o seu traxe, “que aínda non hai moito andaba por aí nalgún armario. Era negro cuns bordados na mesma tea. Daquela as mulleres casábamos de negro”. Algo que agora parece inusual pero que era práctica común cunha gran carga simbólica e cultural. Por unha banda, decíase que protexía contra os malos espíritos e a mala sorte. Por outra, simboliza a morte e o renacer. Ao elexir o negro, as noivas expresaban simbólicamente que deixaban atrás a súa vida anterior como solteiras e comezaban unha nova. Tampouco é alleo a esta costume que o branco estaba reservado para aquelas persoas de alta sociedade, quedando o negro para as de orixe máis humilde.
Tras a voda, viviron os primeiros anos en Barro, localidade natal de Manuel, e tamén a súa única e máis longa separación: dúas semanas nas que Manuel marchou traballar ao País Vasco. “Fun moi pouco tempo porque estando alá naceu a nosa filla María Dolores, Mariló. Pasaran dous anos desde que casaramos, así que viñen para casa coñecela… e nunca máis volvín marchar”.
O día a día da parella transcorreu entre o traballo como albañil de Manuel, “aínda que tamén fontaneiro e carpinteiro” e de costureira de María Dolores, “tiven sorte e meus pais sempre me deixaron facer o que quixen. Así que de rapaza mandáronme a Carballiño para aprender o oficio de costureira”. Non por ter estes traballos deixaron de sacar tempo para o coidado das fincas, “tiñamos millo, centeo, patacas, e, dende hai máis de 30 anos facemos viño para o consumo da casa”, e dos animais, “ademais das galiñas, había vacas, pero non daban o suficiente para todo o sacrificio que esixían”. Con todo, “a xente nos pobos non pasaba fame. Esa pasábana os da capital, porque por moitos cartos que tivesen, non tiñan mercancía. E a nós deso nunca nos faltou”.
Tempo libre, pouco, pero o que había dedicábano a ir ao baile. “Eu nunca fun de xogar a partida despois de comer, prefería facer cousas na casa, e o que sempre me gustou foi a música. Meu pai tocaba o acordeón de mozo e eu aprendín a tocalo de oído. Co tempo puiden mercar un, e pouco a pouco fun collendo as notas. Quen me dera haber tido máis tempo para a música!”, comenta Manuel. E con esto entendemos a emoción do día da súa voda ante os acordes deste instrumento tan versátil e tan harmónico. Lembra, con certa nostalxia, como en Loureiro había ao redor de 10 persoas que sabían tocar o acordeón, agora, “son máis ou menos os veciños que quedan”. Manuel ten dous acordeóns, aos que, de cando en cando, aínda lles saca algunha nota, e engade, “tamén cheguei a tocar algo a trompeta. Cando a tocaba, era o anuncio de que a festa comezaba”.
En tantos anos costa imaxinar que non houbese tempos mellores e outros non tan bos, “pero non houbo nada demasiado complicado máis alá do que a vida che vai presentando”. O máis doroso sempre é “a pérdida dos seres queridos que se van indo, sobre todo miña irmá Flora que se foi moi nova, e meu xenro que foi dun accidente de tráfico”, engade María Dolores.
Chegados a este punto, non podemos menos que preguntar por ese segredo que fai que unha relación dure tanto. “O primeiro, antes, cando te casabas, casabas para sempre. Non andabas xa pensando en separarte como agora, que parece que o mesmo día da voda xa pensan en canto durarán”, di, medio en broma Manuel. “Era ata que a morte nos separe. Sen volta atrás”. “Tampouco ‘aguantan’ nada. Volvéronse cómodos, e á mínima, cambian un por outro”, engade María Dolores.
A decir verdade, “tampouco pensamos en vivir tanto”, di, rindo, Manuel. Tanto e con tan boa saúde, que María Dolores, tras unha fractura de cadeira, xa conta os días para volver á súa horta para cultivar os seus vexetais e repartir con todo o mundo.
Aseguran que pasar 70 anos xuntos, “que vai ser difícil!”. Tan só hai que “levarse ben e respectarse. Eso ante todo. Habendo respecto, xa hai todo”. Non hai que fuxir das diferenzas nin das discusións, porque tamén forman parte da vida. E “estar sempre xuntos, apoiándonos”. A día de hoxe coinciden en verse como “amigos e compañeiros dunha vida” na que todavía se percibe amor e moito agarimo.
Recentemente celebraron cunha festa sorpresa perfectamente argallada polos seus seres queridos, os 70 anos de matrimonio. Non faltou súa filla Mariló, as netas Verónica e Tamara, e as bisnetas Aroa e Lola (a terceira, Antía, está estudando en Florida e non puido estar, “pero con ela descubrimos o mundo das videochamadas”) todo un reinado de mulleres no que Manuel se sinte cómodo “e moi feliz porque elas son todo para min”.
Nos seus desexos futuros, “quero para os meus que coiden a súa relación tanto como o fixemos nós, que estean ben e sexan moi felices”, un desexo que extende a todo o mundo, “porque é moi bonito compartir cunha persoa tantos momentos”.
Agora tocará agardar para a celebración das Bodas de Brilantes, 75 anos. Mentres, Manuel seguirá botando unha peza de acordeón e coleccionando ‘cachivaches antigos’ baixo a atenta mirada de María Dolores, que tampouco descoidará a súa horta. Rodeados da súa familia e da burbulla de amor e respeto que transmiten, seguen sumando días nos que se seguirán querendo como nunca. E como antes.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último