Maxia para ilusionar, sorprender e divertir

A todos nos encantaría saber facer maxia. Ter a capacidade de ilusionar, sorprender e facer rir. Cualidades coas que, cecáis, hai que nacer, pero tamén formarse, moitas veces de forma autodidácta, e invertir horas e horas para que o resultado sexa o esperado.

Publicado: 30 ene 2022 - 06:03 Actualizado: 31 ene 2022 - 07:54

Carlos Tomico, a maxia de ilusionar

Carlos Tomico tivo claro dende neno que o mundo do ilusionismo lle atraía. Tanto foi así que xa de cativo facía os seus pinitos ante os seus compañeiros de clase. Agora, anos despois, leva o seu traballo a diferentes escenarios e eventos preparando espectáculos cos que deixar abraiado ao público, tanto miúdo como adulto. Damas e cabaleros, con todos vostedes, Carlos Tomico!

Perfil

O mago Carlos Tomico abre un feixe de cartas na súa man.
O mago Carlos Tomico abre un feixe de cartas na súa man.

(Foto: JVLANDIN)

Nome

Carlos Tomico Pérez

Lugar e data de nacemento

Ourense, 16/02/1992

Formación e profesión

Traducción e interpretación. Mago, profesor de danza e de inglés.

Compañía

Pertence a Magia en la Manga, un grupo de catro ilusionistas que o acompañan: Óscar Fernández, Xulio Merino e Sara Rodríguez.

A maxia sempre nos fai soñar, sobre todo de cativos. A vostede, como lle espertou ese interese por ser quen leva esa ilusión ao público?

Dende pequeno sempre me gustou facer trucos de maxia. Lembro perfectamente facer un truco aos meus compañeiros e compañeiras de Primaria con tan só seis anos. A eles encantáballes. Logo aprendín catro ou cinco trucos máis de ver a xente por aí, cousas que lía sobre a materia… e xa con 18 anos comprei o meu primeiro libro de maxia como tal. Foi o momento no que me din conta de que quería centrarme neste eido. E dende entón, non parei!

Como fai un mago para formarse?

En xeral, todos os magos somos bastante autodidactas. Aprendemos con libros que escriben outros magos, coñecemos a outros ilusionistas con máis experiencia, e falamos con eles. Eles vannos descubrindo algún “segredo”, facemos reunións, asistimos a conferencias…. É o xeito máis normal de formarse. Con libros e coa axuda doutros magos.

E logo na casa moito ensaio ata que saia perfecto…

Soen ser libros moi prácticos que che ensinan os trucos de xeito moi visual. Pero unha parte moi importante de ser mago tamén é poñerse ante o público. Cada un ten que darlle o seu toque, unha posta en escea, atrapar aos espectadores tamén coas palabras…

No seu caso tamén crea unha persoaxe moi singular.

Unha parte importante de ser un mago é tamén crear a túa forma de facer, a túa propia personaxe. A mín, persoalmente, gústanme os magos de principios do século XX, a comedia, os aires máis retro e vintage… unha mistura de moitas cousas que me gustan e que acaban converxendo e uníndose. Así, cando o público me ve, ve a un mago de estilo vintage, co meu maletín clásico, monóculos… como saído doutra época.

Agora que fala de comedia, para ser mago, é preciso ter un toque humorístico?

Non é necesario. Hai magos moi serios e son moi bos. Pero para a xente que vai a un espectáculo de maxia, se lle pos un toque de humor, a cousa cambia. Escoitar as risas tamén da azos sobre o escenario.

Carlos Tomico no Festival Internacional de Cine Infantil de Ames.

Moedas, cartas, panos… hai algún destes elementos que lle guste especialmente?

Non é tanto polo obxeto, senón polo tamaño do escenario. Falamos da maxia de cerca, da maxia de salón e da maxia de escena. A de cerca é aquela que se fai a curta distancia, con público reducido, con xogos interactivos ata certo punto. A de salón, xa é aquela que se fai en espazos máis grande e con máis público. A maxia de escena desenrolase nun gran escenario, con música, luces, caixas… Personalmente, a que máis me gusta é a de salón, que con elemento varios, se involucra a algúns dos espectadores para que colaboren co espectáculo.

Ante o público, cal é o máis difícil, o infantil ou o adulto?

É diferente. Os dous públicos teñen as súas esixencias. O infantil segue outras regras totalmente diferente a dos adultos. Gústame moito actuar ante os máis cativos. Pasoo moi ben. Pero teño que esquecerme un pouco do que sei para os máis maiores, para poder chegar aos nenos e nenas.

O entretemento é diferente. A rapazada desfruta máis do percorrido que do final máxico. Do que vai sucedendo antes de chegar ao final máxico. É importante que sexa divertido, entretido, durante todo o proceso para non perder a súa atención.

O equipo de Magia en la Manga.

A maxia tamén ten algo de superación persoal.

Si. De feito é moi típico dos magos saír dun espectáculo e mover a cabeza negando. Como decindo que saiu mal. Que algo fallou. Moitas veces son detalles moi pequenos, que o público non se da conta. Pero nós dámoslle voltas e voltas, e tentamos correxilos para seguir mellorando. Buscando unha execución perfecta. E tamén seguir sorprendendo con novos trucos.

Que ilusiona a un ilusionista?

Persoalmente, o que máis me fascina é a teatralidade. Ver unha obra de teatro que me chega estéticamente, que me sobrecolle; unha maxia que é persoal, única…

Que é o que máis lle gusta do seu traballo como ilusionista?

A parte creativa. O de sentarse cos compañeiros de Magia en la Manga, ou na casa cos libros de maxia, e darlle voltas a unha idea para desenrolala e ver como pode quedar mellor, como se lle pode dar forma. Buscarlle un toque de humor, a sorpresa… O proceso de cambiar un número para que sexa máis meu.

Durante un espectáculo.

Outra das cousas ás que se adica é a ser mestre de danza… vai ter que concretarnos un chisco máis…

O estilo de baile que fago é o “lindy hop”, un baile afroamericano, que naceu en Harlem nos anos 30. É un baile que atopei de casualidade. Estaba en Madrid cunha beca e un día fun parar a unhas clase abertas de “lindy hop”, e namorei. Seguín formándome e comecei a dar clases en Santiago en Danza Alfaia. É un baile con un aire vintage, dinámico nos seus movementos, frenético, enerxético. É paixoal, divertido, moi feliz. A conexión coa parella é coa música é esencial.

Ademais de clases, participa en exhibicións?

Máis que exhibicións, vou a festivais de swing, a cursos para aprender de profesores que chegan doutras comunidades e países, e, sobre todo seguir en contacto con máis compañeiros especializados neste estilo.

E o Lindy Hop, como calquera outro baile ten os seus beneficios.

O primeiro, o baile significa moverse. É unha forma divertida de facer exercicio sen pensar: “teño que facer 50 abdominais”. Que sona máis a obrigación. O baile do Lindy Hop é tamén un baile moi social, que nace na rúa. Nas rúas de Harlem. Polas noites, a xente saía a bailar, sen nada establecido. É o baile perfecto para a xente que queira pasalo ben e coñecer xente nova deste mundo.

Que plans ten para este 2022? Será o ano no que xa poidamos asistir a espectáculos con máis liberdade?

Ata agora xa houbo moita melloría, e agardamos que siga nesa senda. Nós estamos facendo máis plans e a axenda tamén se vai enchendo de actuacións.

E como dun peto máxico, aínda queda por falar desa moda vintage que ten á venda a través dunha páxina web.

Ese é outro dos piares que me complementan. Dende que bailo swing e fago maxia gústame o mundo da moda, a sastrería, a búsqueda dun estilo propio... E cando viaxas polo mundo, daste conta que noutros países hai moito máis mercado de roupa de segunda man, de que a roupa vintage ten outro significado. Aquí, para as mulleres, aínda que é unha roupa sen diferencia de xénero, atópanse cousas, pero para os homes… está a cousa máis difícil. Así que abrín a miña tenda online: Professor Cumberland (www.cumberlandvintage.com). Por se a alguén se lle apetece navegar por ela e renovar armario.

0

Nunha clase online de maxia en inglés nun colexio.

Coa venia

1. Un mago. - Tommy Wonder.

2. Un lugar onde lle gustaría actuar. - Unha superstición.

3. Non me gusta durmir diante dun espello. - Nun cabaret clandestino.

4. Un recordo da súa nenez. - O olor a sopa do comedor do colexio de infantil das Lagoas.

5. Cando se mira ao espello, ve… - A cara cansa de tanto traballar.

6. Unha manía. - Demasiadas.

7. Unha viaxe pendente. - Nova Iorque.

8. Un lugar para perderse. - Glasgow.

9. Unha virtude. - Sempre estou de bo humor.

10. Un defecto. - Penso demasiado.

11. Un vicio confesable. - A Coca Cola.

12. Faille perder a calma… - Conducir en Vigo.

13. Recobra a calma perdida… - Cunha ducha relaxante e boa música.

14. Un soño. - Bailar swing en Nova Iorque.

Contenido patrocinado

stats