ARREDOR DE OTERO PEDRAYO
Paco López-Barxas reivindica a vixencia de Otero Pedrayo cunha nova obra
ARREDOR DE OTERO PEDRAYO
O xornalista e escritor Paco López-Barxas presentará este sábado 5 de setembro, ás 11:30 horas, no Museo Etnográfico da Limia en Vilar de Santos, o seu novo libro “Ramón Otero Pedrayo, arredor de si”, publicado por Teófilo Edicións. A obra, que viu a luz o pasado mes de agosto, convértese nunha fonda e rigorosa homenaxe ao Patriarca das Letras Galegas no ano en que se cumpren cincuenta anos do seu pasamento. A través das súas páxinas, o autor reivindica a magnitude do intelectual ourensán como un guía indispensable para comprender a identidade, a paisaxe e a cultura de Galicia.
Para López-Barxas, mergullarse na traxectoria de Otero Pedrayo supón revivir unha conexión moi persoal. “Para min foi un motivo de volver a reler a Otero Pedrayo”, confesa o autor, quen recoñece que o mestre “tivo como xornalista unha influencia importantísima” na súa vida. O escritor relata como coñecer ao literato marcou de cheo o seu futuro cando apenas tiña 14 anos e se atopaba nun internado ourensán. Tras ler o seu libro sobre a peregrinaxe a San Andrés de Teixido, o mozo atreveuse a enviarlle unhas preguntas por carta e recibiu unha amable resposta: “Mándeme vostede as preguntas por escrito”. A sorpresa foi inmensa ao recibir unhas “cuartillas numeradas en función das preguntas” coa inconfundible “letra manuscrita de don Ramón” respondendo detalladamente a todas as súas inquietudes.
“Non te podes imaxinar a alegría que eu me levei”, rememora emocionado. Aquel xesto de xenerosidade foi determinante para a súa vocación: “Se non me chega a contestar ou non me chega a atender sendo eu un rapaz (...) quizais eu non houbera seguido polos vieiros do xornalismo cultural anos despois”.
Esa proximidade cos mozos non foi, nin moito menos, unha excepción. López-Barxas recalca que o ilustre galeguista “sempre sentiu unha especial predilección, cariño, polos rapaces, polos nenos”, pola súa vocación de docente. A súa figura estivo vinculada ao eido educativo, colaborando asiduamente en calquera centro da contorna porque “sempre estaba atento e escribía nesas follas volandeiras dos centros escolares”.
A nova publicación está estruturada en varias partes para abarcar todas as facetas do autor. As primeiras páxinas achegan ao lector á súa vida e obra “dun xeito máis ameno, coloquial, e en primeira persoa”, seguindo o modelo da súa anterior obra dedicada a Castelao. O tramo central do volume recompila unha antoloxía de “conferencias e discursos de prosas, de relatos, de cartas”, achegando textos inéditos ou esquecidos de enorme interese. Entre eles, destaca especialmente unha intervención pronunciada no Centro Ourensán de Bos Aires o 24 de xullo de 1959. Nesta peza, titulada “Ourense, as súas terras e xentes”, Otero fai un percorrido maxistral pola xeografía provincial, viaxando “dende a serra de San Mamede pasando por Maceda, por Xinzo de Limia, por Verín e polos Chaos de Amoeiro”. Esta descrición demostra ese coñecemento tan íntimo da terra que o caracterizaba, convertendo a obra nun referente “non só de Otero Pedrayo universal, senón moi ourensán”.
Con todo, a xoia do proxecto reside nunha extensa coroa literaria na que participan sesenta escritores e poetas pondo en valor a súa figura. López-Barxas revela que este apartado coincide cun desexo íntimo de Otero, quen antes de morrer lle mandou unha carta a Xosé Filgueira Valverde dicíndolle: “Gustaríame que cando morrese eu se encargase vostede de facerme unha coroa poética, aínda que fose baratiña”. Así llo contou Alonso Montero a López-Barxas, confirmándolle que Filgueira morrera sen levar a cabo o desexo de don Ramón e que el, o propio Alonso Montero, se encargaría de facerlla. Da man de Teófilo Edicións, López-Barxa impulsou unha publicación de luxo que el mesmo considera unha homenaxe colectiva.
Este gran compendio de voces abarca múltiples xeracións e sensibilidades, abrindo a sección con Vicente Risco e incluíndo a intelectuais da talla de Carlos Casares, Aurelio Carracedo, Marcos Valcárcel, Eduardo Blanco Amor, Antón Tovar, Chus Pato, Olga Gallego, Celso Emilio Ferreiro, Pura Vázquez, Xosé Luís Méndez Ferrín, Patricia Arias Chachero e Delfín Caseiro. O libro tamén recupera o traballo do ilustrador Siro López, rescatando unha anécdota moi rechamante. Siro conta que Otero Pedrayo foi ver unha exposición de caricaturas súas na Agrupación Cultural Auriense a principios dos anos setenta, e daquela “non lle gustou a caricatura que lle fixera porque estaba sen pernas”. Para resarcirse con el e renderlle un novo tributo, o recoñecido debuxante reproduce agora neste volume unha caricatura completa, desta vez, coas súas pernas correspondentes.
Toda esta suma de talentos demostra a gran influencia transversal de don Ramón, un home dotado dun amplo coñecemento “das vangardas europeas”. A súa visión cosmopolita permitiulle analizar as raíces galegas cunha profundidade insólita, incluíndo a súa coñecida fascinación pola Lagoa de Antela e a inmensa chaira limiá. Tal e como sinalaba o propio Otero nun dos seus artigos publicados na prensa, “os libros emvellecen de maneira moi desigual”, pero o legado e a brillantez do Patriarca mantéñense inalterables.
O labor divulgativo do autor complétase coa inminente saída do prelo de “Ramón e o pinsapo máxico”, un relato que conta coas ilustracións do escultor Xosé Cid. A publicación ten como obxectivo achegar ao público a estreita e vital relación que Otero Pedrayo mantiña coa natureza e a paisaxe. Con todo, o xornalista defende con firmeza o valor transversal desta proposta literaria, recalcando que “a fantasía non é só para os nenos”. Con esta nova iniciativa, búscase rachar coa idea de que a magna obra do intelectual ourensán está reservada unicamente a un perfil académico ou adulto, abrindo as portas do seu inmenso universo natural a lectores de todas as idades para garantir que a súa memoria siga latexando.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
VOCACIÓN SIN LÍMITES
Lola Hermida, la emigrante que regresó para gozar la música
La Región
¡Un clamor!
YA EN LIBERTAD
Detenido en Ribadavia tras empuñar una espada decorativa
José Luis Fernández Carnicero
DESCUBRINDO A BIBLIA EN OURENSE
Os milagres de Xesús