Opinión

O "Sevilla" no "Nyt"

Aínda que semelle un xeroglífico e que o decorrer desta columna vaia devalar pola fermosa cidade andaluza, se continúa a ler acabará por comprobar que destas dúas expectativas non se verá cumprida nin a primeira -a do xeroglífico-, nin a segunda -a da capital andaluza-.


O "Sevilla" é un restaurante que ocupa unha valiosa esquina do postmoderno e exclusivo Greenwich Village neoyorkino e que aínda que calquera que se dispoña a adentrarse nel isto poida pensar inicialmente que o seu propietario  e un inmigrante andaluz, nada máis lonxe da realidade, pois tan pronto como bote a man ó pecho da porta decatarase de que pegado ós dous cristais da mesma hai un escudo repetido no que se pode ler "Concello de Celanova".


E é que, tanto José Antonio Lloves coma o seu curmán e socio Bienvenido Álvarez, son orixinarios destas terras rosendianas das que tamén me honro en ser eu, e así llelo queren dicir ó mundo que cada día pasa por diante das súas portas en tan concorrida esquina, colocando sobre elas o escudo de "armas" da súa torgueira iniciática e dicíndolles ó mesmo tempo que o mellor xeito de estaren ben chantados en calquera lugar do mundo sen que a un o leve a marea do cosmopolitismo é, precisamente, o de ter unhas boas raíces que o fixen con forza á terra.


Pois ben, traio hoxe o "Sevilla Restaurant" a esta columna porque a través do muro do fillo de José Antonio, Tony, no "facebook", leo que ese restaurante no que tiven oportunidade de estar hai xa uns cantos anos na compaña do propio José Antonio e de saudar alí ó meu benquerido Roberto (que por máis que teña netos xa americanos continúa a ter o reloxo coa hora española) e que leva xa preto de medio século ofrecendo comida española a anónimos e famosos, aspirantes a estrelas e estrelas de cine, sen perder unha faísca só de "glamour", senón ó revés, acaba de recibir un prestixioso premio de cociña clásica pola súa "comida de calidade, carácter local e atractivo duradeiro", razón pola que acabou recibindo unha chamada dun xornalista do New York Times e sendo obxecto dunha reportaxe neste importante xornal, na que se destaca o seu carácter tradicional e a súa cociña tan valorada polos clientes habituais.


Di, o xornalista que asina a información, que cando José Antonio Lloves recibiu a chamada da Fundación  "James Beard America`s Classic" e non saber ben que era e a qué se dedicaba, pasoulle o número ó seu fillo Tony para que se enterase ben de a qué obedecía aquela chamada e que significaba aquel premio.
Entón, ó ser coñecedor da noticia dixen eu para min, pois se o New York Times se fixo eco dela, por qué non se vai facer eco tamén "La Región", que seguro que lle presta máis a José Antonio cando saiba que nos alegramos de certo co seus éxitos neoyorquinos.

Te puede interesar