Opinión

Viana fica no coraçao

Trouxéronme, os pasos da "segunda feira", de novo a Viana do Castelo, a pouco máis dunha carreiriña dun can, en termos de comunicación modernos, da miña aldea dos Quintairos de Amoroce.

Sempre fun un anónimo namorado desta pequena cidade de Portugal dende que tiven a fortuna de poñer os pés por primeira vez nela. Sempre fun un namorado anónimo e un anónimo divulgador, porque para min reúne tódalas condicións para ser o entorno ideal para vivir. Coa dimensión urbana necesaria para ter no seu entorno todo canto ofrece unha grande cidade. Coa dimensión cultural suficiente para responder ás necesidades propias de calquera persoa coas mínimas inquedanzas culturais. E coa dimensión orográfica privilexiada capaz de conxugar a lonxitudinalidade fluvial, coa horizontalidade marítima e unha perspectiva natural que fan do seu entorno, como ben apuntou a revista National Geografic, un escenario espectacular do que presumen a cotío os seus orgullosos habitantes.

Producto destas singulares circunstancias xeográficas, atesoura Viana do Castelo unha inmensamente rica tradición étnica baseada no mar, no río e na montaña, que ten dado lugar a unha diversidade etnográfica certamente excelsa e que a sitúa, neste aspecto, nun dos primeiros lugares dun país tan orgulloso da súa propia cultura popular como é Portugal.

Mentiría se digo no que non sinto envexa de Viana do Castelo cada vez que me achego a ela, deixándome levar pola liña que debuxa o Limia ata chegar ó mar.

E sinto envexa -como escribo- por moitas cousas, pero fundamentalmente por unha, como é o orgullo que amosan os vianeses da súa pequena-gran cidade.

"Viana fica no coração", reza o seu lema de reclamo, adornado por un fermoso corazón de filigrana que a tradición popular deseñou en tempo inmemorial para adovío feirado das súas damas, que aquí chaman "mordomas" cando saen en procesión estival e que dende hai uns anos se ten convertido no seu símbolo identificativo, na súa marca de imaxe que todo vianés porta consigo, léveo ou non pendurado da lapela da súa chaqueta.

"Quem gosta, volta, quem ama, fica". Velaí a segunda mensaxe que contextualiza o orgullo de seu que portan os vianeses. E velaí a razón pola que eu sinto envexa.

Porque dificilmente un pobo pode ser quen e mirar ó futuro con esperanza se non cre nas súas potencialidades colectivas. Naquelas que lle concedeu a natureza e a histoira e naqueloutras que pode ser quen de deseñar en comandita.

É evidente que Ourense non ten mar, pero ten outras moitas potencialidades efectivas, algunhas das cales poderían colocarnos -se certamente crésemos nelas- un posición de privilexio para o futuro.

Pero, lamentablemente, non cremos nelas. Imaxine, senón -poño por caso-, que dirían algúns se a alguén se lle ocorrese acuñar o lema "Ourense no corazón"?

Te puede interesar