Opinión

Paraugas e atmósferas

<p></p>

Ata a sala baixa do Centro Cultural chega a derradeira exposición que fixo o artista coruñés José Ramón Iglesias Rivera (1939/2016): ’La alegría del color’. Mais desta volta é póstuma..., sendo da man dos fillos a súa escolla e disposición. Concebida para Madrid, onde a montou na sala da Casa de Galicia en abril de 2014, e xa de volta á nosa terra para amosala no Espacio de Arte de El Correo Gallego (Santiago), viaxando finalmente con ela ata o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, na antiga capela de Santa María. De seguro que pensaba que podería amosala en Ourense, mais a morte sorprendeuno a comezos de xaneiro, cando xa pintara os ciclistas. Vivía nunha segunda xuventude por volta do 2007 dende que recuperara a visión perdida a comezos dos anos noventa, e os ocres e azuis, en acuarela e óleo, que deixa, polo luminismo, cromatismo de tintas planas e campos de cores en bandas, sen tons, nas que manda o debuxo, insistentemente. Él mesmo deixou dito que o que facía unha ‘fusión dun clasicismo geometrizado coa abstracción, influenciado polo construtivismo’: formas planas, mesmo nos rostros, dende as tintas brilantes, un remorso das luces da forma de ver anterior. Foi perito mercantil, profesión que deixa pola arte. Era supernumerario do Opus Dei dende os anos setenta, de cando se data o encargo do concello de Celanova para ilustrar o libro do milenario de San Rosendo en 1977, ao que seguirán outros. Logo da milagrosa recuperación da vista, monta galería propia na cidade vella herculina e desenrola nos seguintes dez anos unha nova maneira de tratar as masas dos barcos no porto, sombrillas e parasois, mais tamén paraguas, nos Cantóns ou en Riazor.

Tempo de Luz’ é unha exposición que se amosa no andar alto do Museo Municipal. Malia o ascenso pola escaleira (o ascensor non funciona), e a sala, paga a pena. Así tamén a inauguración, con interferencia horaria de actos electorais, un día especial para o alcalde que viña de padecer unha gratuita e desproporcionada agresión na Praza Maior. Os varios artistas congregados, daban ao acto unha atmosfera privativa, e culta. A mostra, realizada de xeito monográfico coa técnica do pastel polo artista vigués Antonio Abad Gallego, cores aplicadas directamente no papel Canson, para acadar escenas como a da calesa de Sevilla, e o cabalo branco, cor na que se centra, e concreta no seu devalar nas aguas dos ríos, ou da mar, mais tamén nos areais das praias, e dunas nas que medran prantas xerófilas, que xeran esas sombras de tons cálidas, de resol. Son os motivos que acostuma, con un ar a Kim Lordier e Jen Evenhus. Mais Wistler, Degas ou ‘o berro’ de Munch son exempros que están no seu vademécum de referencia. Os nus femininos son unha temática que agora fai menos, aínda que guste incluílos cos motivos paisaxísticos, como se nos estivera a dicir que muller e maila terra, interior e exterior, son partes complementarias da súa moeda.

Te puede interesar