Crónicas de agora e sempre

Benito Fernández e os apaches de Texas

Edificio que queda de la Misión de San Antonio del Álamo, hoxe declarada no seu conxunto Patrimonio Mundial
photo_camera Edificio que queda de la Misión de San Antonio del Álamo, hoxe declarada no seu conxunto Patrimonio Mundial
Veciño da mesma parroquia (Berán-Leiro) ca Gabriel de Vergara -o traductor dos indios pajalates- e misioneiro coma el, Benito Fernández de Santa Ana quixo pacificar ós apaches de Texas e acabou axudando a fundar a cidade de San Antonio

O pasado martes, os Estados Unidos e o resto do mundo erguémonos zarabatidos coa estarrecedora nova do asasinato de dezanove criaturas que malamente superaban a súa primeira década de vida e de dúas mestras que os coidaban nun centro escolar de Texas, da man dun inadaptado que decidiu “celebrar” dun xeito macabro a súa maioría de idade. O suceso fíxome pensar no ourensán Benito Fernández de Santa Ana, que xa no século XVIII propúxose desarmar aquelas indómitas e aínda hoxe bravías terras.

A pequena entidade menor de Berán (Leiro), ademais de poder presumir de ser terra vitivinícola e balnearia, conta entre os seus peculiares valores humanos cunha pequena pero moi interesante pleiade de fillos ilustres que teñen deixado fonda pegada alá onde acabaron sendo colocados pola súa traxectoria personal.

Entre eles destacan sobremaneira dous monxes franciscanos que  viviron entre a segunda metade do século XVII e a primeira do século XVIII e que teñen pasado á historia de América como continuadores dos pioneiros da conquista do Río Bravo, que hoxe fai fronteira entre México e os Estados Unidos.

Coñecido destas crónicas, Gabriel de Vergara, é tempo hoxe de lembrar a Benito Fernández de Santa Ana, un mozo nacido no mes de xuño de 1707 nunha humilde casa desas terras ribeirás e ó que moi pronto acolleron na comunidade franciscana de Ribadavia, a partir de onde iniciou unha carreira sacerdotal que o había levar, con tan só 24 anos, cara o outro lado do océano, concretamente a Nuevo León, onde, á actual fronteira entre os futuros Estados Unidos de América e México, aínda lle quedaba un século para conformarse a carón do Río Bravo mexicano ou Río Grande estadounidense, que para a conta é o mesmo.

Guiado polo seu referente e conveciño, Gabriel de Vergara, o mozo Benito Fernández ten como destino inicial o Colexio de Santa Cruz de Querétaro que daquela se encargaba de promover misións na zona norte do Río Grande, sendo destinado á de San Antonio Valero, que pasa por ser o asentamento fundacional da cidade de San Antonio, unha das máis populosas do actual Estado de Texas.

Non tivo moita sorte o monxe ourensán coa súa primeira incursión misioneira e o seu encontro  iniciático cos indios apaches, xa que  unha banda deles asaltounos no camiño e non só lles roubaron os cabalos e a equipaxe que levaban, senón que mataron a dous dos cinco soldados que os acompañaban.

Este episodio traumático non o amilanou, sen embargo, e tan só catro anos despois non só sucedería a Gabriel de Vergara á fronte das misións do Colexio de Querétaro en Texas, senón que tamén se constituíu en misioneiro principal da Misión de Nosa Señora da Purísima Concepción de Acuña, en San Antonio, favorecendo ademais a fundación doutras coma a da Nosa Señora da Candelaria, no ano 1749, na beira oeste do Río Noces, ó noroeste do hoxe tristemente famoso condado de Uvalde.

Se por algo se significou Fernández de Santa Ana foi por desaprobar as campañas militares de castigo contra os apaches e a súa escravitude como man de obra gratuíta nas fincas dos colonizadores españois (especialmente canarios), o que o levou a redactar e defender perante o virrey da zona un famoso memorial no que explicaba como habería que tratar ós indíxenas para conseguir a súa pacificación, cousa que logrou formalmente a través dun tratado de paz asinado entre os apaches e os españois en 1749, pero que non foi quen de ver desenvolvido, xa que ó ano seguinte caeu enfermo, tivo que abandoar as misións e faleceu na cidade de México no mes de abril de 1761.

Te puede interesar