Administración do Centro de Saúde da Cuña

Publicado: 08 may 2026 - 04:10
Cartas al director en La Región.
Cartas al director en La Región. | La Región

Se Cicerón vivise nos nosos días e camiñase polas nosas rúas, de entre todas as cuestións relativas a esta cidade, dirixiría sen dúbida a súa atención cara o Centro de Saúde da Cuña (cara a administración, concretamente), e falaría así: “Ata cando, administración, abusarás da nosa paciencia?”.

Escoitara lendas acerca da mala administración deste centro de saúde, pero despois dunha experiencia recente, sosteño firmemente que este lugar merece un posto ben gañado na nosa mitoloxía. Entre xacias e mouras, ou, se cadra, entre a santa compaña e os lobishomes, xa que falamos de algo ben digno do Samaín.

Pregúntome, dende a máis profunda sinceridade, se é tan difícil dar ben unha cita, no día e hora no que se supón que debe ser. Ou se, polo contrario, estamos a falar dunha auténtica proeza, pola que a administración deste centro se esforza cada día pero que, co corazón cheo de pena, non sempre logra conseguir.

Ninguén vai ó centro de saúde por gusto, así que, por favor, traten á xente como é debido

Unha cousa está clara: nin son o primeiro nin serei o último que se queixe do pésimo servizo administrativo deste centro de saúde. Non hai máis que mirar as reseñas de Google, que lle outorgan ao servizo médico un sobresaínte pero, ao servizo administrativo, tan só 2.7 estrelas, que forman unha constelación tan raquítica que non chega nin para pedir o desexo de que renoven a plantilla da administración dunha vez.

Ninguén vai ó centro de saúde por gusto, así que, por favor, traten á xente como é debido. Abandonen eses aires de superioridade e non traten de facer a ninguén parvo. Se cometen un erro non pasa nada por admitilo. Unha desculpa pode aliviar moitos males.

Tampouco coñezo a ninguén que chame buscando conversa, estamos a falar da saúde da xente, así que fagan o favor e respondan tamén ás chamadas. Non responder ás chamadas por “facer folga para que haxa máis medios” é xogar coa saúde da xente. Hai xeitos de manifestarse reglados, permitidos e, sobre todo, dirixidos cara a xente con poder, que é a que debe cambiar as cousas, e non cara os iguais, dos que non depende mudar isto e que, sen embargo, son os que sofren as consecuencias destas “manifestacións”.

Pídolles que fagan gala da súa humanidade e muden o xeito no que conciben o seu traballo. Fagamos deste espazo un lugar máis acolledor, máis cálido e máis humano, onde o erro poida ser tolerado, si, pero onde tamén poida oirse unha desculpa de cando en vez.

Daniel Toro

(Ourense)

Contenido patrocinado

stats