O castelo do vampiro

CARTAS AL DIRECTOR

Publicado: 12 ago 2026 - 04:10
Cartas al director en La Región.
Cartas al director en La Región. | La Región

Byung-Chul Han afirma que quen manda sobre a información na rede exerce unha forma de soberanía. De xeito análogo, José María Lasalle indica que as fake news desenrolan unha estratexia de alucinación colectiva que substitúe a realidade por unha copia manipulada dela. Asemade, Antonio Gutiérrez-Rubí asevera que o negocio xa non é a información, senón a atención; na que as emocións viscerais ofuscan a capacidade de pensar, tal e como sinala Eva Illouz. Porén, como xa explicou sutilmente Rabindranath Tagore, se queremos pechar a porta a todas as mentiras, corremos o risco de que se quede fóra a verdade.

Esta realidade provoca que o incremento da polarización afectiva, segundo teoriza Mariano Torcal, xera un espazo público engalanado de prexuízos e percepcións sesgadas do adversario político na que a confianza queda relegada por unha lealtade acrítica que relaciona o gregarismo militante coa sentenza de que cando moitas persoas xuntas cavilan exactamente o mesmo en todo, o máis probable é que ninguén estea pensando.

Esta infraestrutura omnímoda alicerza os eixes mestres sobre os que repousa a realidade política, mediante a cal, o parlamentarismo; como reflexionou Hans Kelsen, ten sentido cando ningunha forza política se identifica con toda a verdade nin se fomenta que se apropie da soberanía popular. Por conseguinte, Norberto Bobbio sinalou que a democracia consiste, ante todo, en regras que permiten resolver os conflitos de xeito pacífico e Hannah Arendt engadiu que o pluralismo non é unha debilidade da democracia, senón a condición da súa existencia. Polo tanto, vivimos nun presente imperecedoiro, un tempo sen memoria que o sosteña nin futuro que o oriente: o realismo capitalista que percorre o mundo como unha pantasma.

Xián Antón Lorenzo Rodríguez

(Ribadavia)

Contenido patrocinado

stats