Á Confederación Hidrográfica non lle gusta Valdeorras

Publicado: 14 sep 2026 - 00:50
Carta al director
Carta al director | La Región

O río Sil é a sinal de identidade na que se recoñecen tódolos veciños de O Barco. Durante xeracións foi lugar de baño e xogos dos nenos e nenas e as súas ribeiras acollían as merendas das familias ben estantes nos tórridos veraos. Ao tempo axudou a paliar coa pesca os duros períodos de fame da posguerra ata ben entrada a década dos sesenta.

As confederacións hidrográficas naceron vai un século coa pretensión de regular a xestión da auga como ben público e racionalizar os diversos intereses que concorrían no seu uso: agrarios, industriais, enerxéticos. A bacía do Miño e o Sil a controlaba a Confederación del Norte que tiña a sede en Oviedo. No 2008 esta divídese e nace a Confederación Hidrográfica del Miño-Sil coa finalidade política de crear un organismo estatal en Ourense que ofrecerá traballo aos fillos das elites provinciais. E así o río Sil entra no reino da incerteza ao apropiarse a CHM-S a xestión das ribeiras que dende tempo inmemorial eran de uso veciñal e adscritas legalmente a bens de propios, comunais ou parroquiais. Non só controla o río senón que funciona coa escusa das inundacións como administración territorial por riba da planificación urbanística dos concellos que está controlada pola Xunta de Galicia. Quen querendo facer ou modificar unha casa non padeceu a inxerencia da CHM-S nas obras a pesares de ter tódolos permisos municipais?

Pois ben agora intervén nas Festas do Cristo e nega o uso da pradaría do Malecón, que mantén e coida o Concello, para a Feira de Artesanía e a Xuntanza das Pandillas en base a posibles riadas. Eventos que non son novos xa que levan anos celebrándose no lugar. Por outra parte quen nos asegura que esta decisión non pon en perigo o desenvolvemento do Descenso do Sil ou do festival de música SilFest. Pero oportunamente esquece que en A Barxa e As Areas hai estacións de control de couce e puntos de alerta mediante altofalantes en Éntoma, no cemiterio e en Viloira… e segue a mirar para outro lado no referente a falla de limpeza dos couces e a contaminación e lixo que si son un perigo tanxible. Ou ante a construción por parte da empresa Iberdrola dun dique de máis de cen metros na metade do río para servizo da central hidroeléctrica de Valencia del Sil.

A pequena historia da CHM-S é unha historia de condenas. Ben sexa por corrupción (o primeiro presidente foi cliente das cadeas de Pereiro e Bonxe) ben sexa por delitos ecolóxicos. No xaneiro último o Tribunal Supremo a condenou a reparar a situación de contaminación do encoro das Conchas, río Límia, e a indemnizar aos veciños afectados. Máis se nega a executar a sentenza. Rebeldía que noutros casos suporía a disolución do organismo e o denuncia dos directores. É o Estado de Dereito no que se recoñece a CHM-S: autoritario e discrecional. Hoxe si pero mañá non, depende quen sexa o afectado. O concello de O Barco ven sendo do grupo segundo.

Félix García Yáñez

(O Barco)

Contenido patrocinado

stats