La Región
Justicia y equidad
Señor director, perdóeme que lle dirixa estas liñas tan enfadado. Non con vostede, desde logo, senón cos que ordenaron e executaron a brutal corta de árbores e arbustos nas marxes do Barbaña, desde o Pavillón dos Deportes ata o Regueiro dos Muíños.
Quen acostumamos a camiñar por aí temos agora que sufrir a visión dos horrendos tocos pelados que deixaron as motoserras da ignorancia e do odio á natureza. Xa non florecerán esas árbores e arbustos, xa non nos darán sombra no verán, xa non conterán o terreo en declive das marxes, xa non acollerán os niños dos paxaros, nin as pitas da auga, nin as abellas que libarían o néctar das flores na primavera e a melaza das follas no verán. A cambio terémonos que conformar coa fea e desolada visión das traseiras das casas.
Por favor, señor Director, se coñece os que ordenaron e executaron tal desfeita, sen dúbida xentes do paleolítico inferior, dígalles da miña parte que, antes de volveren asasinar as árbores e os arbustos, proben a eficacia das motoserras aplicándoas ás suas propias mans. Moitas grazas.
Millán Picouto (Ourense)
Contenido patrocinado
También te puede interesar