La Región
Tiranías
“A morte é doce; máis a súa sala de espera é cruel” (Camilo José Cela)
Xa non pudeches escoitarme cando quixen despedirme de ti. Quizais na tua mente caseque necrótica rexistraras as poucas visitas, que te fixera, cando a fouce do cancro, paso a paso, ía cortando as nasas do teu robusto corpo. Negabame, meu curmán, a ver unha figura que me fora allea.
Ficaba e fica na miña memoria verte marcar os pasos da yenka no salón do baile do Cachizo nos días de feira. A tua afición polo baile era ben coñecida dende Barroso ata Seixido, dende Abelenda ata Xende, por todos os recunchos do concello e outras partixas pontevedresas. Era o teu xeito de botar a adrenalina que se acumulaba nas xornadas das duras tarefas no agro. Valdeferrollo, A Ponte, A Feixa, Coto de Niños, son fitos daquela laboura.
Coma todo mozo nado en Avión probache a aventura en terras aztecas. A fortuna, nembargantes, foiche esquiva. Ainda así, mantiveches o sonriso, froito dun home de sana bonhomía. As veces, penso que agochabas a inocencia daquel neno co que compartín venturas e desventuras na nosa infancia na escola Manuel Bonilla na República de Honduras. Xogos que prolongaríamos, xa nesta terra, pola Carpaceira, agardando que viñeran as rapazas coas vacas pra compartir festivas correrías.
Non quixen verte reo da silla de rodas, perdendo o alento, coma perdía o señorío a casona do Portocarro. Borro a túa imaxe nunha cama dando as derradeiras bocanadas na cruel sala de espera. Paso páxina cara atrás, e te inmortalizo na foto que posúo nun anaquel da libraría. Lembranza dunha festa de San Roque, tomada no atrio da igrexa de San Xusto.
Hoxe recibes o eterno e merecido descanso. Non nos deixas orfos, se ainda vives, xa que a lembranza é a vida dos mortos. Podo afirmar, meu curmán, que estarás presente, agora e sempre.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
La Región
Tiranías
La Región
Escola do rural e infancia
La Región
CARTAS AL DIRECTOR
Gracias por tanto doctor
La Región
CARTAS AL DIRECTOR
El imperialismo contra el derecho
Lo último