Cartas al director

Grazas Elvira!

Ao longo desta lexislatura ben se viu que un Xinzo diferente e con futuro é posible. Non quero polemizar porque coido que hai dabondo e non me apetece, aínda así o seguinte si que o digo: chama a atención como se pode chegar a xustificar o arredismo dos valores e principios polos que algunhas persoas teñen loitado dende hai moito tempo, seguramente pesaban pouco, en todo caso menos que outras cousas.

Quérome centrar en darche as grazas Elvira. Eu xa non vivo no pobo dende fai máis de dezasete anos, e quizá por esta razón apreciei ben todos os cambios que nestes últimos anos se viñeron facendo.

Primeiramente a situación económica que deixa o equipo de Goberno no Concello, igual xa non se recorda o endebedamento escandaloso de lexislaturas pasadas.

Segundamente, se eu fose gandeiro hoxe en día na comarca apostaría por un planeamento diferente, que fose respeitoso co medio ambiente e que estivese en congruencia con innovacións e propostas tecnolóxicas e artesáns que poidan convivir. É difícil que un produto se valore fora da nosa terra cando non se pon en valor e non se respeita a terra mesma, se se escoita cancro asociado a ela e se de ela se coñece que puríns e de máis refugallos acaban espallados polos acuíferos subterráneos.

Terceiramente, os espazos da vila teñen evolucionado cara mellor, o pobo estivo más limpo que noutras lexislaturas, fixéronse más procesos de humanización dos espazos públicos que noutras lexislaturas e planeáronse moitas máis actividades culturais que noutras lexislaturas. 

Finalmente, sen vivir no pobo e sabendo que non vivirei aló, sinto mágoa por como saíron as cousas, imaxino a magoa que sentides moitas de vos. Elvira, moitas grazas polo esforzo e o traballo, as boas intencións e a disposición cara o pobo, a política é moi desagradecida, pero iso non significa que moitas de nós non che esteemos enormemente agradecidas.