La Región
Malestar veciñal polo traslado da Festa do Polbo
A decisión de trasladar a tradicional Festa do Polbo de O Carballiño e convertela nun recinto pechado está a provocar un crecente malestar entre a veciñanza. En apenas uns días, a oposición ao cambio xa supera as 500 sinaturas, ademais da creación de varios grupos de WhatsApp nos que centos de carballiñeses expresan a súa preocupación e o seu rexeitamento á medida.
Para moitos veciños, a Festa do Polbo non é un festival nin un evento máis do verán. É unha verbena, unha tradición e un sentimento que forma parte da identidade de O Carballiño. Durante décadas celebrouse no mesmo lugar, converténdose nun punto de encontro para familias e amigos e nun símbolo da nosa vila.
Cómpre lembrar que a festa medrou grazas á implicación de xeracións de carballiñeses e, especialmente, da mocidade do pobo, que sempre fixo súa esta celebración. Foron os mozos e mozas quen, ano tras ano, encheron de vida o Parque Municipal, convertendo a Festa do Polbo nun referente tamén pola súa capacidade para reunir a miles de persoas nun ambiente de convivencia, música e diversión.
Ademais, un dos grandes atractivos da Festa do Polbo era precisamente o ambiente que se vivía no Parque Municipal. Cada ano, centos e centos de mozos e mozas reuníanse para pasar o día xuntos, convivindo, bailando e gozando da música dos DJ nun espazo único, sempre baixo a sombra das árbores. Era unha imaxe espectacular que sorprendía aos milleiros de visitantes chegados de toda Galicia e doutros puntos de España, que quedaban abraiados ao ver como unha tradición gastronómica era capaz de reunir a tanta xente nova nun ambiente de festa, convivencia e respecto. Esa estampa converteuse nun dos sinais de identidade da Festa do Polbo e nun dos recordos que máis levaban consigo quen a visitaba por primeira vez.
O traslado a un recinto pechado, con valados e control de accesos, supón para moitos perder esa esencia dunha festa aberta e popular. Ademais, o novo emprazamento esperta preocupación por tratarse dunha explanada sen zonas de sombra, algo especialmente relevante nunha celebración que ten lugar en pleno mes de agosto e na que miles de persoas permanecen durante horas.
Outro aspecto que inquieta a numerosos veciños é que o novo recinto se atopa á beira do río Arenteiro. Nunha festa multitudinaria onde é habitual o consumo de bebidas alcohólicas, moitos consideran que tamén deberían terse en conta os posibles riscos que isto pode supoñer para evitar situacións perigosas ou accidentes.
Ao malestar polo cambio de emprazamento súmase tamén o importante incremento do prezo da comida da romaría. Se en edicións anteriores o prezo era de 35 euros, este ano ascende a 50 euros, unha subida que moitos veciños consideran excesiva e que dificulta que numerosas familias e grupos de amigos poidan manter unha tradición que sempre se caracterizou por ser popular e accesible para todos.
Ao mesmo tempo, entre a veciñanza existen numerosas dúbidas sobre a organización do novo modelo da festa e sobre a xestión das barras e dos postos de comida. Por iso, moitos cidadáns reclaman maior transparencia e consideran que sería conveniente que se aclarase como se realizarán as adxudicacións e que se investigase xornalisticamente todo o proceso para garantir que se desenvolve con absoluta igualdade de oportunidades e no interese xeral.
O sentimento maioritario entre unha parte importante da veciñanza é que, mentres o pobo perde unha tradición tal e como se coñecía, os únicos que parecen saír beneficiados co novo modelo son quen explotarán as barras e os postos de comida.
A Festa do Polbo fixo grande a O Carballiño precisamente por ser unha festa do pobo e para o pobo. Cambiar a súa esencia é correr o risco de converter unha celebración histórica nun evento máis, perdendo aquilo que a fixo única durante xeracións.
Os veciños piden que antes de adoptar unha decisión definitiva se escoite á cidadanía. Porque as tradicións poden evolucionar, pero nunca deberían facelo renunciando á súa identidade nin ao espírito que as converteu nun referente dentro e fóra de Galicia.
José Manuel Rodríguez González (O Carballiño)
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Miguel Abad Vila
TRIBUNA
El suicidio: ese sufrimiento silencioso
FIESTAS PATRONALES
Multitudinaria devoción para despedir el San Bieito en Allariz
Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Zapatero no es Zapatero